As denominadas Rías Baixas encadéanse entre Baiona e Fisterra. Son as de maior extensión e as que, dun xeito uniforme, se alongan de suroeste a nordés. Trátase das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Muros-Noia. No seu litoral recortado, os tramos de costa acantilada, rochosa e bravía encadéanse con amplos areais, aos que se pode acceder dende terra, seguindo a ampla rede de estradas, ou dende mar, aproveitando os numerosos portos.
Dende o punto de vista climático, cómpre salientar a existencia de temperaturas suaves durante boa parte do ano e a abundancia de precipitacións ao longo do outono e do inverno. Iso propicia o desenvolvemento de amplas masas forestais que zumegan verdor e que o viaxeiro observa á primeira vista.