Á entrada da ría de Muros e Noia, de camiño cara á Costa da Morte, sorprende a silueta do Monte Louro. Coas súas dúas xibas de granito e unha altura de 241 m, o monte parece emerxer directamente do mar, como un Neptuno portentoso e xogador.
Ao pé do Monte, encerrada pola branquísima lingua de area da praia de Area Maior, está a lagoa das Xarfas, un complexo ecosistema dunar de gran riqueza botánica e faunística. Aquí reinan as garzas, que veñen atraídas pola abundancia de anfibios e réptiles.