12 mai 2014

A Embaixada de España en Berlín acolle a mostra ‘Olladas no Camiño de Santiago’ organizada por Turismo de Galicia

A mostra poderá visitarse ata o día 11 de xuño e amosa a visión particular da Ruta Xacobea de diferentes profesionais da imaxe.

A exposición de imaxes captadas por 14 fotógrafos poderá verse tamén dende finais deste mes na cidade norueguesa de Trondheim, onde continúa a súa itinerancia por toda Europa.

Turismo de Galicia, a través do Xacobeo expón a partir do martes 13 de maio na sede da Embaixada de España en Berlín a súa mostra fotográfica Olladas no Camiño de Santiago, proseguindo así a súa itinerancia por diferentes cidades europeas.

A exposición fotográfica amosa a visión particular que sobre o Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo teñen 14 fotógrafos: Delmi Álvarez, Fernando Bellas, Tino Martíntez, Javier Teniente, Xulio Villarino, Tino Viz, Cristina de Middle, Hana Jakrlova, Rita Newman, Chris Erlbeck, Tine Harden, Katja Lösönen, Eva Persson e Signe Raikstina. Todos eles rexistran coas súas cámaras a paisaxe, o patrimonio arquitectónico, a riqueza humana de peregrinos, visitantes e persoas que viven ao longo do Camiño que leva a Santiago.

Itinerancias simultáneas
A exposición realiza dúas itinerancias simultáneas por diferentes enclaves de Europa. A mostra Olladas no Camiño de Santiago rexistra céntrase nas iconas puramente xacobeas e tamén nas manifestacións antropolóxicas. Retratos con nomes e apelidos, figuras anónimas no espazo, paisaxes abertas; ou a intimidade das igrexas e claustros compoñen esta mostra que pretende transmitir que existen diferentes dimensións do tempo.

Despois de percorrer diversas cidades europeas, a Embaixada de España en Berlín acolle ata o día 11 de xuño este proxecto expositivo para promocionar a Ruta Xacobea e o destino Galicia no ano no que se conmemora o VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.

Xa na última semana de maio, a segunda copia da mostra poderá visitarse ata o día 19 de agosto na cidade de Trondheim, en Noruega coa colaboración de Nidaros Pilgrim Centre.

Peregrinos alemáns e noruegueses

No ano 2013, Alemaña foi o país estranxeiro do que procedeu un maior número de peregrinos que recolleron a Compostela en Santiago, en total, chegaron a Santiago 109.989 peregrinos estranxeiros, o 50,95% dos que chegaron. Deles, 16.203 procederon de Alemaña, máis do 14% dos peregrinos estranxeiros recibidos. O ano pasado recolleron a Compostela en Santiago un total de 839 peregrinos procedentes de Noruega.

Arriba