18 dec 2017

O Camiño de Santiago rexistra 300.000 compostelas por primeira vez na súa historia

O peregrino 300.000 é un mozo norteamericano.

 O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou a seguir batendo récords de peregrinos ao tempo que se traballa na mellora da experiencia que viven cando chegan á nosa Comunidade. Neste senso, considera que se o Camiño pode demostrar un ano máis que non ten teito é debido á planificación, á diversificación e, sobre todo, a que toda Galicia considera prioritario coidar un ben que é parte da nosa identidade.

Así o aseguraba hoxe o titular do Goberno galego no acto da entrega da compostela 300.000 a un rapaz estadounidense. O presidente da Xunta, que estivo acompañado pola directora deurismo de Galicia, Nava Castro, e polo Arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, fixo fincapé en que nunca antes se chegara á cifra de 300.000 peregrinos en Galicia nun mesmo ano. E expresou o seu convencemento de que se se aproveita a experiencia destes anos pode que as 400.000 compostelas anuais sexa unha realidade nun futuro.
 
A planificación e a diversificación do Camiño
Para o titular do Goberno galego, o Camiño é unha ruta que mira cara ao futuro, pero que afunde con forza as súas raíces no pasado. Así, apuntou que se hoxe estamos neste punto é porque houbo persoas que creron, a finais do século XX, que o Camiño de Santiago podía triunfar no novo milenio.
 
Con respecto a isto, Feijóo apuntou ao ano 1993 como punto de inflexión grazas ao compromiso da Xunta que foi asumido por toda Galicia e polas diferentes institucións públicas. Segundo engadiu, foi un ano no cal se fixo historia grazas á celebración do primeiro gran Xacobeo e á declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade.
 
Como subliñou o máximo responsable autonómico, o desenvolvemento da ruta xacobea é froito dunha estratexia coordinada que comeza co Plan Xacobeo no 1993 e ten continuidade hoxe no plan director que se puxo en marcha en 2015 para traballar co horizonte do 2021 e que ten o obxectivo de que o ano santo 2021 sexa histórico.
 
Por tanto, máis de tres anos antes de que se abra a porta santa, xa están en marcha máis do 50% das accións contén. Estes traballos actúan co fin de mellorar a conservación dos camiños e do seu patrimonio natural e cultural; estender os beneficios do Camiño a outros concellos de ampla tradición xacobea; difundir a ruta xacobea fóra das fronteiras españolas, algo que favorece que hoxe o 56% dos peregrinos sexan estranxeiros, chegados duns 180 países diferentes; e, sobre todo, diversificar e desestacionalizar o Camiño.
 
No que atinxe á diversificación da ruta, Feijóo sinalou que a Xunta está facendo o posible para que o aumento do fluxo de peregrinos non supoña a saturación dos camiños, especialmente do francés. De feito, este ano o Camiño Francés non supuxo máis que o 60% dos 300.000 peregrinos, mentres que foron gañando peso outras rutas como a portuguesa ou os camiños Primitivo e do Norte.
 
Os desafíos do futuro
Por outra banda, o titular do Goberno galego apuntou que son tres os principais desafíos que a Xunta ten no horizonte respecto ao Camiño: avanzar na posta a punto das rutas, mellorar a promoción e preparar tamén o Xacobeo a nivel organizativo coa próxima posta en marcha da Comisión Interdepartamental.
 
 
Arriba