01 out 2018

Galicia celebrou o Día Mundial do Turismo na Ribeira Sacra ao redor dos recursos paisaxísticos, ornitolóxicos e gastronómicos

Os participantes na celebración do Día Mundial do Turismo, no miradoiro de Cabezoás.

 Galicia celebrou o 27 de setembro o Día Mundial do Turismo cunha actividade divulgativa na Ribeira Sacra coa intención de poñer en valor os seus recursos paisaxísticos, ornitolóxicos e enogastronómicos. Despois de que o pasado ano esta data se conmemorara no Parque Nacional das Illas Atlánticas, nesta ocasión escolleuse a Ribeira Sacra, que tamén aspira a ser recoñecida como Patrimonio Mundial.

Galicia uniuse aos obxectivos da Organización Mundial do Turismo (OMT) para fomentar a concienciación respecto da contribución real e o potencial do turismo ao desenvolvemento sustentable. Invita tamén a poñer de manifesto as oportunidades que, neste sentido, ofrecen as novas tecnoloxías, afondando nunha oferta de maior calidade e máis competitiva. Con este fin, e para seguir dando a coñecer o potencial paisaxístico e ornitolóxico da Ribeira Sacra, a Consellería de Cultura e Turismo programou, en colaboración co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, un itinerario por diversos miradoiros, co emprego da app Galicia Birding para o avistamento de aves e unha actividade de xeocaching. A iniciativa, que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, tamén permitiu coñecer o potencial enogastronómico da zona degustando diferentes produtos típicos da Ribeira Sacra.

 

 

 

Arriba