20 dec 2022

A Xunta consolida a súa aposta pola innovación turística na clausura da segunda edición de Turislab

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na clausura da segunda edición da Aceleradora de proxectos turísticos posta en marcha pola Xunta de Galicia, da que 8 statups chegaron á final.

 
A segunda edición de Turislab bateu o récord de solicitudes para participar, con 117 aspirantes fronte aos 83 da edición anterior.
 
Durante a súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou o talento dos emprendedores que puxeron en marcha iniciativas que axudarán a ofrecer solucións e inicativas personalizadas para demandas dos turistas do futuro.
 
Clausura de Turislab.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na clausura  da segunda edición da Aceleradora de proxectos turísticos da Xunta de Galicia, Turislab, que finalizou con 8 startups seleccionadas entre as 117 presentadas, para optar á liña de apoio de Turismo de Galicia.

Durante a celebración deste encontro destacou a potencialidade deste proxecto levado a cabo polo Goberno galego para consolidar o éxito do sector turístico da Comunidade apoiado polas iniciativas dos participantes que tratan de impulsar un sector turístico innovador e competitivo grazas ás empresas que crearon e que pretenden dar solucións e novas alternativas turísticas personalizadas aos viaxeiros.

As 8 startups finalistas participaron durante oito meses nun programa de formación nas instalacións de Turislab, no complexo do Centro Superior de Hostalería de Galicia e contaron tamén co apoio de titores, mentores e expertos colaboradores. Ademais, tiveron a ocasión de darse a coñecer no Investors Day #ante investidores privados que poden estar interesados en financialas para potenciar a súa competitividade.

Durante a súa intervención, Nava Castro lembrou que Turislab naceu nun momento de crise para o sector turístico debido ao impacto da pandemia do coronavirus e coincidindo co ecuador do Xacobeo 21-22, evento que foi unha das puntas de lanza da recuperación do turismo e da economía galega.

A directora de Turismo de Galicia incidiu na importancia do turismo para Galicia, xa que ano a ano consolídase como referente para o crecemento económico e a aposta polas novas tecnoloxías. Así, destacou iniciativas como Turislab, que naceu coa pretensión de fortalecer a innovación o sector turístico galego para ser unha rede de recursos innovadores e de alto impacto especializada no turismo sustentable e de calidade.

Das 8 propostas que participaron no proxecto da Aceleradora en 2022, foron distinguidas por esta orde Boldest, Wonder *Experience e Spa Relaxarse, ademais de Tric Track Circuítos Permanentes, recoñecida coa distinción Talento emprendedor.

 
Arriba