13 dec 2025

A Xunta destaca a proxección internacional que supón o Camiño do Norte á Mariña Lucense co 57% dos peregrinos estranxeiros que o percorreron este 2025

O director de Turismo de Galicia participou en Ribadeo no acto de conmemoración do X Aniversario da declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade, onde subliñou “a relevancia destas rutas como símbolo cultural e espiritual de Europa” e agradeceu ao Concello e á Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño o seu compromiso continuo coa conservación e promoción da tradición xacobea.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou a importancia do Camiño do Norte que pasa precisamente por Ribadeo, como porta de entrada histórica á comunidade dunha vía que foi percorrida durante séculos por peregrinos chegados de toda Europa e que continúa a experimentar un crecemento sostido, con máis de 21.400 Compostelas recollidas este ano e un marcado peso internacional do 57% sobre o total de camiñantes. Neste sentido, subliñou a proxección internacional que confire esta ruta a toda a zona da Mariña Lucense, contribuíndo ao seu desenvolvemento económico.

Ademais, destacou que ata outubro, visitaron a Mariña Lucense 176.302 turistas, o que supón un incremento do 1,3%,  que fixeron 357.889 noites nos establecementos hoteleiros da zona. Do total de viaxeiros, 27.841 foron de orixe internacional.

Durante a súa intervención, o director de Turismo de Galicia explicou que Galicia continúa avanzando nun modelo de xestión máis completo e preciso das rutas xacobeas, coa instalación de sensores para medir con rigor o fluxo real de peregrinos.

Precisamente, os sensores instalados nos Camiños Francés, o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo permiten indicar que o fluxo de peregrinos está a medrar e o promedio de peregrinos que circulan por estas rutas representan un valor medio de  1,70 peregrinos por cada Compostela emitida ata finais do mes de outubro

Ademais, o director de Turismo de Galicia referiuse ao Plan Director dos Camiños de Santiago, ao que a Xunta destina máis de 141 millóns de euros, coma a folla de ruta ata o Xacobeo 2027, orientado á mellora das infraestruturas, a innovación, a sostibilidade, a accesibilidade e o impulso cultural arredor do Camiño.  

Arriba