Xosé Merelles avanza coa nova directiva da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia novas accións de comercialización internacional
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reuniuse coa directiva da Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (ATREGA) para avanzar en liñas de acción conxuntas para este ano, especialmente focalizadas no mercado internacional, un dos segmentos máis estratéxicos que está a medrar de xeito constante, en concreto máis dun 3,5% en 2025, especialmente da man do mercado estadounidense (que medra máis dun 10%), portugués ou británico, entre outros.
No encontro, no que participaron a presidenta saínte da entidade, Mar Rodríguez; a nova presidenta, Noelia Pérez; o vicepresidente Suso Ares e o vocal Fabián Buezas; os membros da entidade fixeron alusión ao traballo que están a realizar para fidelizar este tipo de turistas que, como recoñeceron, está a medrar entre os seus clientes. Neste sentido, avanzouse en continuar traballando xuntos para fortalecer a imaxe turística no exterior e organizar actividades para reforzar a comercialización e promoción internacional.