23 out 2017

A nova ruta gastronómica do Camiño Francés bota a andar hoxe en Samos na primeira das once etapas previstas

 Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés impulsan esta iniciativa desestacionalizadora nos meses de outono e inverno

 
Este itinerario culinario dará a coñecer os produtos galegos entre os camiñantes e os viaxeiros en xeral, co que se contribuirá a dinamización das economías locais

 A nova ruta gastronómica do Camiño Francés botou a andar no concello lucense de Samos, na primeira das once paradas que realizará ao longo dos próximos meses. A iniciativa é froito da colaboración de Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, que asinaron un convenio de colaboración o pasado verán para poñela en marcha dun xeito estable.

Este itinerario culinario percorrerá cada fin de semana, nos meses de outono e inverno, as localidades situadas no Camiño Francés, precisamente na época con menor afluencia de peregrinos. Deste xeito, a iniciativa acada un triplo obxectivo. Por unha banda, favorece a desestacionalización da demanda dentro da estratexia do Goberno galego neste eido. Ao mesmo, póñense en valor os produtos locais, dándoos a coñecer tamén entre os visitantes. Así, conséguese dinamizar as economías destes concellos, beneficiando a varios sectores.

Entre os produtos que se promoverán nestas semanas atópanse, entre outros, o queixo do Cebreiro, o cocido, a carne de porco, o pan artesán, os biscoitos de Manjarín, os embutidos, o polbo, as anguías, o roscón de Pascoa, a tarta de Ancano, o augardente, o queixo Arzúa-Ulloa, os melindres, o capón ou o galo piñeiro. Todos eles son representativos dos concellos que forman parte da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial pola Unesco en 1993. Trátase dos municipios do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino.

Peregrinos de 177 nacionalidades

Esta iniciativa dá cumprimento ao Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago que, coa vista posta no Xacobeo 2021, contén numerosas accións distribuídas en oito liñas de traballo. Entre elas atópanse algunhas como o fomento da cooperación interadministrativa, a creación de produtos específicos vinculados á ruta xacobea, a dinamización dos diferentes itinerarios e a difusión dos valores e das singularidades de cada un dos itinerarios.

Neste 2017 remataron o Camiño de Santiago máis de 280.000 peregrinos, cifra que supón xa un novo récord. Deste montante, o 55% foron estranxeiros, o que afonda no proceso de internacionalización da ruta, na que este ano contabilizáronse ata 177 nacionalidades.

 

 

 

Arriba