Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
Estamos nun territorio onde as serras escarpadas se mesturan con outras de formas máis dondas
O Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e mais o Parque Nacional de Peneda-Gerês únense nos límites entre Portugal e Galicia, formando un espazo transfronteirizo único de 267.958 ha de extensión, declarado no ano 2009 Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
Estamos nun territorio onde as serras escarpadas se mesturan con outras de formas máis dondas; onde os bosques frondosos contrastan cunha paisaxe granítica de montaña; onde os bolos cobran feituras singulares e a auga está presente en forma de ríos, pozas, fervenzas naturais e tamén encoros, que ofrecen a posibilidade de remar en augas tranquilas no corazón do Xurés.
Aquí poderás descubrir un dos grandes atractivos que garda este espazo: a variedade de flora con máis de 807 especies, das cales 117 son endémicas, como o lirio do Xurés. Ademais, conta cunha gran diversidade de fauna, con cerca de 150 especies de aves e especies singulares, como a bovina autóctona: a vaca cachena.
ACCESOS: O acceso máis frecuente lévase a cabo dende Ourense, pola A-52, para enlazar coa autovía AG-311 e continuar pola OU-540, en dirección Celanova e Portugal ata a sede do Parque en Lobios. Pódese continuar pola A-52 ata Xinzo de Limia e despois pola estrada comarcal OU-301 por Mugueimes, ou ben por Calvos de Randín e As Maus de Salas ata Lobios.
Un paseo pola historia do Xurés
Estamos nun lugar privilexiado para descubrir restos dos nosos devanceiros. Na serra do Leboreiro atópase unha das maiores concentracións de túmulos ou mámoas de Europa e os dolmens de Maus de Salas e Val do Salas ben merecen unha visita.
Durante a romanización, este territorio coñeceu a construción da Vía Nova, que unía Braga con Astorga, o que propiciou que se erixisen edificacións civís como o campamento militar Aquis Querquennis, en Bande, ou a vila con funcións de pousada viaria e instalación termal, Aquis Originis, próxima aos Baños de Riocaldo en Lobios. Outra visita obrigada é a igrexa visigótica de Santa Comba de Bande, do s. VII, única construción que se conserva dun antigo mosteiro.
A aldea de Cela en Lobios, coas súas construcións sobre bolos graníticos, e as Cortes da Carballeira en Entrimo son dúas mostras de arquitectura popular que che recomendamos visitar.
Centro de Visitantes Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés Estrada de Portugal, 34
32870 Lobios
T. T. 988 788 755
Centro de Interpretación Aquae Querquennae Via Nova Porto Quintela. 32840 Bande
T. 988 444 401
Retrocedemos ao século I d.C. para coñecer unha das calzadas romanas mellor conservadas e con máis miliarios de Europa
A Vía Nova, hoxe reconvertida nunha ruta pertencente ao programa estatal Camiños Naturais, pódese percorrer en bicicleta, camiñando ou dacabalo. Tamén coñecida como Vía XVIII do Itinerario de Antonino, foi construída para unir as poboacións de Bracara Augusta (Braga-Portugal) e Asturica Augusta (Astorga).
A primeira etapa, de case 30 quilómetros, une Portela do Home, en plena fronteira con Portugal, con Santa Comba en Bande. Durante este percorrido pódense visitar lugares como o balneario de Lobios e os restos da antiga mansio Aquis Originis. Recentemente sinalizouse unha segunda etapa que une Santa Comba de Bande e A Saínza de Abaixo, en Rairiz de Veiga.
Descobre o pracer de perderte sabendo en todo momento cal é o teu destino
Para os amantes de calzar botas de montaña e descubrir novos lugares, O Xurés é o destino perfecto para camiñar por sendas sinalizadas que te achegan aos recursos máis representativos do parque.
Dende o Balneario de Lobios podes enlazar a Ruta da Corga da Fecha e coñecer unha das fervenzas máis altas de Galicia, cuxas augas finalizan o seu percorrido no río Caldo.
Se queres obter unha visión xeral dos recursos máis destacados do Parque, dende a aldea da Cela pódeste dirixir cara a fronteira con Portugal en Pitões nun dos percorridos máis esixentes e espectaculares existentes.Poderemos visitar a aldea de Salgueiro, abandoada dende metade do s.XX. A posibilidade de tránsito pola aldea debe consultarse coa sede do Parque Natural en Lobios antes de facer este percorrido.
![]() | ![]() | ![]() | ![]() | |
---|---|---|---|---|
Ruta da Corga da Fecha | ALTA | 3,6 Km | 3 h | LINEAL |
Ruta de Padrendo | MEDIA / ALTA | 11 Km | 4 h | CIRCULAR |
Ruta de Queguas | MEDIA | 8,5 Km | 3 h | CIRCULAR |
Ruta da Ermita do Xurés | MEDIA | 4 Km | 2,30 h | CIRCULAR |
Ruta Minas das Sombras | ALTA | 14 Km | 8 h | LINEAL |
Ruta do Río Agro | MEDIA / ALTA | 16,5 Km | 4-5 h | CIRCULAR |
Ruta do Río Mao | BAIXA / MEDIA | 3,4 Km | 2 h | CIRCULAR |
Ruta do Río Vilameá | BAIXA / MEDIA | 1,7 Km | 45 min | CIRCULAR |
Ruta Torrente-Salgueiro | MEDIA / ALTA | 22 Km | 12 h | LINEAL |
Ruta A Cela-Pitoes | ALTA | 28 Km | 10 h | LINEAL |
Viveiro das Mámoas | MEDIA | 49 Km | 22 h | CIRCULAR |
Busca formas sorprendentes nas grandes pedras graníticas coñecidas como bolos que están repartidos por todo o Parque. Na aldea de A Cela atoparalos formando parte de vivendas.
Non perdas a oportunidade de ver algún exemplar de mamíferos característicos do Parque como corzos, cervos, cabra montesa, cabalos de raza galaico-portuguesa ou a vaca cachena (autóctona).
Estes grandes cilindros de pedras sinalaban as distancias existentes nas vías romanas. Cerca de Portela do Home (Lobios) consérvanse varios exemplares que foron trasladados dende os seus lugares orixinais.
Dende a aldea de A Cela existe unha senda sinalizada que che permitirá contemplar este salto de auga duns 15 metros de alto, cunha gran fronte de pedra e unha poza de considerables dimensións.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.