Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
Cunhas dimensións espectaculares, a duna móbil, que se atopa detrás da praia da Ladeira, é a gran protagonista deste lugar
O espazo protexido ocupa 1.000 hectáreas do municipio de Ribeira. Para protexela, está prohibido camiñar por ela.
Na túa visita poderás coñecer as rías de Arousa e a de Muros e Noia. Ademais da zona dunar, son de obrigada visita as praias da Ladeira e O Vilar, así como as lagoas de Vixán, de auga doce, e a de Carregal, de auga salgada.
Outros lugares que che recomendamos visitar son os miradoiros de Pedra da Rá e de Castro da Cidá e o dolmen megalítico de Axeitos. A 20 quilómetros ao norte do Parque podes visitar o Castro de Baroña, o mellor conservado de Galicia.
O porto de Ribeira é o porto máis importante de España en pesca de baixura e recomendámosche presenciar unha poxa, así como a descarga do peixe canda o retorno dos barcos. A vila de Corrubedo converteuse nos últimos tempos nun lugar ideal para descansar e pasar uns días preto da natureza e do mar.
A posibilidade de explorar o parque ao alcance de todo o mundo
Camiñar polo Parque é a mellor forma para poder coñecelo. Existen varios itinerarios de baixa dificultade e completamente accesibles. Dende o Centro de recepción de visitantes podes optar polo Camiño da Praia ou o Camiño da Gandarela, que permite visitar a marisma da lagoa de Carregal.
Se queres visitar a lagoa de Vixán, dende o aparcadoiro da praia de Vilar arrinca o Camiño da Auga; este percorrido é parcialmente accesible para persoas con mobilidade reducida.
![]() | ![]() | ![]() | ![]() | |
---|---|---|---|---|
Camiño do Vento | BAIXA | 1,5 Km | 30 min | LINEAL |
Camiño do Río do Mar | BAIXA | 3,5 Km | 1,30 h | LINEAR |
Camiño da Praia | BAIXA | 1,5 Km | 45 min | CIRCULAR |
Camiño da Gandarela | BAIXA | 6 Km | 2 h | CIRCULAR |
Camiño da Auga | BAIXA | 2,5 Km | 2 h | CIRCULAR |
Un paraíso para avistar aves durante todo o ano
Corrubedo ten un enorme atractivo ornitolóxico que paga a pena descubrir. Trátase dunha importante zona de reprodución, migración e invernada de aves que se poden contemplar ao longo de todo o ano. O Parque abrangue hábitats costeiros como praias, rochedos litorais, marismas e dunas; ademais, tamén se poden avistar aves en zonas de interior como soutos, campos de cultivo, pozas e áreas de matogueira.
Na lagoa de Vixán hai un observatorio de aves onde te podes iniciar nesta actividade. A mellor época para observar as aves é entre setembro e abril. De tódalas maneiras, no inverno un gran número de aves acuáticas empregan as lagoas para descansar e alimentarse.
Parrulos, corvos mariños, píllaras douradas, garzas reais, cisnes... son algunhas das especies que máis destacan. Descarga a aplicación gratuíta de Birding Galicia e desfruta dos tres percorridos que propón: dous en coche e un terceiro apto para facer camiñando ou en bicicleta.
Visita os miradoiros para contemplar a gran duna dende arriba
En Aguiño poderás visitar o miradoiro coñecido como Pedra da Rá; dende el contemplarás a mellor perspectiva da duna móbil, xunto á desembocadura da ría de Arousa e os municipios desta zona, como A Pobra do Caramiñal, Corrubedo e o seu famoso faro e mais a Illa de Sálvora.
Se seguimos o camiño de terra que está á dereita deste curioso miradoiro, poderemos chegar ao do Castro da Cidá, que alcanza os 210 metros sobre o nivel do mar e que presenta restos dun castro.
No municipio próximo da Pobra do Caramiñal sitúase outro espectacular miradoiro coñecido como A Curota, que se alza a 500 metros de altura. Tras aparcar o noso coche teremos que subir varios tramos de escaleiras de pedra. O esforzo recompénsase cunha panorámica espectacular do Parque, así como da ría de Muros e Noia e das illas de Arousa, Cíes e Sálvora.
Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa / Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA) Lugar do Vilar, Carreira
15960 Ribeira
T. 981 878 532
Atravesar a gran duna a pé polo carreiro do Camiño do Vento é unha emoción que tes que sentir para entenderes o valor ambiental e o impresionante desta montaña de area.
Visitalas axudarache a entender o efecto do sistema dunar que illou a auga doce da lagoa de Vixán e uniu ao mar as augas salgadas da lagoa de Carregal.
No curuto do Monte Castro (Aguiño), toma o tempo necesario para contemplar a panorámica dende este miradoiro construído en granito e que ten forma de ra.
Camiña polos máis de 5 quilómetros de area que suman as praias da Ladeira e O Vilar. Goza dun baño nas augas do océano Atlántico.
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.
Configuración de cookies
Pode empregar estes botóns para personalizar os servizos que desexa utilizar neste portal.
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.