05 out 2016

O Centro Superior de Hostalería de Galicia participa no SPIN2016 cun obradoiro sobre o uso da conserva galega na gastronomía

Trátase do maior evento de emprendemento universitario en Iberoamérica que nesta ocasión se celebra en Galicia cun completo programa dirixido a emprendedores, estudantes, investigadores, académicos, empresas e inversores

O equipo do CSHG fixo unha retrospectiva sobre o uso das conservas na cociña, ao tempo que preparou cinco tapas con diferentes produtos enlatados

Outro protagonista deste evento foi o chef español Joan Roca quen aproveitou a súa viaxe a Galicia para visitar o Centro Superior de Hostalería de Galicia

 

O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) participou no SPIN2016, o maior evento de emprendemento universitario iberoamericano que se celebra ata o sábado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

O equipo encabezado pola directora do Centro, Marta Fernández, desenvolveu o obradoiro “As conservas de peixe e marisco: unha maridaxe de historia e de gastronomía en Galicia”. Así, fixo un percorrido desde o paso do salazón ás fábricas de conserva en Galicia desde o século XIX ata hoxe.

Para facer este traxecto, falouse da internacionalización, a innovación tecnolóxica e a gastronomía, como aspectos prioritarios, destacando a labor do Centro na formación de futuros chefs e a capacitación de profesionais utilizando os produtos estrela de Galicia, entre o que destaca a conserva.

Ao mesmo tempo, os representantes do CSHG elaboraron cinco tapas utilizando como produtos principais diferentes conservas. Con este ingrediente en común, prepararon unha ensalada de algas con salmón afumado, unha ventresca de atún con xudías verdes, uns berberechos con cítricos, un guiso de fabas de Lourenzá con mexilóns en escabeche e unha tosta de sardiñas con tomate e queixo San Simón.

Innovación e emprendemento na gastronomía

O CSHG optou por desenvolver este taller en SPIN2016 para demostrar que a gastronomía pode impulsar a innovación e o emprendemento en Galicia.

Estes dous conceptos foron tamén os protagonistas da ponencia de Joan Roca, “Emprender desde as raíces”, coa que o chef español buscou inspirar aos mozos universitarios que se atopan na encrucillada de definir o seu futuro profesional.

Joan Roca aproveitando a súa viaxe a Galicia visitou esta tarde as instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, por constituir unha referencia a nivel internacional no ámbito da formación gastronómica.

 
Arriba