A Xunta financia con 1 M€ o Plan de Sostibilidade Turística de Santiago de Compostela que permite fortalecer a oferta da cidade e atraer visitantes
Turismo de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela avanzan na súa colaboración estratéxica para fortalecer a oferta turística da cidade a través do Plan de Sostibilidade Turística de Destino (PSTD), dotado con 3 millóns de euros e financiado a partes iguais pola Secretaría de Estado de Turismo, o propio Concello e a Xunta de Galicia. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na presentación dunha das actuacións enmarcadas neste PSTD que vai na liña de deseñar e implementar un conxunto de experiencias turísticas capaces de incrementar os recursos turísticos e o atractivo da capital de Galicia.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles salientou que “a colaboración institucional é fundamental para seguir posicionando Santiago como un destino de referencia internacional, adaptado ás novas demandas do turismo sostible e experiencial”. Neste sentido, destacou que “este tipo de programas permite definir produtos auténticos, vinculados ao territorio e capaces de atraer un visitante que busca algo máis que unha visita puntual”.
Ademais, puxo en valor o esforzo da Xunta na cidade, que superou os 7 millóns de euros en 2025, destinados a ámbitos como a seguridade e xestión de fluxos de peregrinos na Catedral e no Centro de Acollida, a execución do propio PSTD ou o apoio a eventos culturais, musicais, deportivos e gastronómicos de gran impacto. “Santiago é un dos grandes motores turísticos de Galicia e nesta liña, é preciso continuar traballando para reforzar o seu atractivo ao longo de todo o ano, mellorar a experiencia do visitante e xerar oportunidades para o tecido local”, concluíu.
Precisamente, o programa presentado inscríbese no Eixo 5 deste plan de sostibilidade centrado na renovación da mercadotecnia e na creación de novos produtos sostibles, e configúrase como un proceso integral de acompañamento ao tecido local, que abrangue desde a formación e co-creación de propostas ata a súa implementación, comercialización e validación mediante testeo con visitantes reais durante tres meses.
O programa ten como finalidade impulsar a definición de novos produtos turísticos que permitan diversificar a oferta, redistribuír os fluxos de visitantes para aliviar a presión sobre a cidade histórica e visibilizar recursos ata o de agora menos coñecidos. Ademais, busca dar un paso adiante na comercialización efectiva das experiencias, garantindo a súa viabilidade e continuidade no mercado. Esta iniciativa compleméntase con outras actuacións do mesmo eixo, reforzando así unha estratexia global orientada á innovación e á calidade.