A Xunta aposta polo enoturismo en Valdeorras achegando 177.000€ á creación de novas experiencias vitivinícolas na adega Joaquín Rebolledo
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, visitou a adega Joaquín Rebolledo, na que a Xunta investiu máis de 177.000 para impulsar diversas melloras no marco da convocatoria de axudas a establecementos enoturísticos que supuxo un investimento global de 5,5M€. O investimento realizado nesta adega valdeorresa engádese ao doutras tamén situadas nesta comarca que suman un importe de case 400.000€ e que “serve para impulsar o enoturismo da comarca de Valdeorras”.
Durante a súa intervención, Xosé Merelles destacou que este compromiso intégrase nunha estratexia máis global con Valdeorras, na que a Xunta leva destinado máis de 2,8M€ que vai desde a promoción do xeodestino, a actuacións no Camiño de Santiago de Inverno e tamén á posta en valor de recursos turísticos dos concellos do Bolo, Larouco, A Veira, Carballeda de Valdeorras e Petín.
Neste sentido, Xosé Merelles lamentou que, transcorrido máis dun ano desde que se asinase o protocolo entre a Conferencia Hidrográfica do Miño-Sil e o Concello da Rúa para intervir no saneamento das Pinguelas, non se teñan dado pasos firmes na súa execución e non se actuase na posta en valor deste contorno patrimonial, vinculado coa tradición vitivinícola do concello. “É unha mágoa o desinterese e a falta de compromiso nesta actuación que sumaría importantes recursos turísticos para atraer máis visitantes á Rúa”, afirmou.
En concreto, o proxecto na adega visitada consistiu nunha intervención sobre dous espazos dentro da iniciativa ‘Espazo dos sentidos do viño’. Trátase do espazo A Cova e a Sala de Catas, a antiga destilería, que experimentarán unha renovación para adecuarse á iniciativa, así como aos novos estándares de calidade.
A iniciativa ‘Espazo dos sentidos do viño’ busca xerar unha nova área de negocio baseada no enoturismo, aproveitando o potencial turístico das zonas vitivinícolas. Para isto, planéase a creación de novas experiencias, baseadas na tradición e no patrimonio da comarca. Estas serían a visita ás instalacións, a proposta de deseño de etiquetas, picnic entre viñedos, o plan adegueiro por un día -incluíndo a plantación dunha vide-, música ao vivo e exposicións temporais. Esta previsto que se poñan en marcha en febreiro.
Investimentos
Esta achega enmárcase nas axudas a establecementos enoturísticos, dotadas cun total de 5,5M€, que se inclúen dentro do Plan territorial de sostenibilidade turística de Enogastronomía de Galicia. En total, o Plan conta cun orzamento de 34M€, proveniente de fondos Next Generation, que se distribúe en 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, como o de ¡Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria’, no que se invisten 1,5M€.
O Plan inclúe tamén outras accións, como distintas achegas, nas que estarían esta liña de axuda; axudas a proxectos tractores, por 2,5M€; axudas de solicitudes para a mobilidade sostible -aberto agora o prazo e dotadas con 4M€-. Ademais, contémplase a apertura dun Gastro Hub ou centro profesional para a enogastronomía, en dependencia co Centro Superior de Hostalería de Galicia, previsto para febreiro.
En total, a Xunta leva investidos máis de 2,8M€ na comarca de Valdeorras, a través de distintos proxectos como o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria; o convenio co xeodestino de 2025 -dotado con 50.000€-, o Plan de Seguridade Viaria do Camiño no Camiño de Inverno -ao que se destinaron 647.028,65€ en 2024 e 117.405,85€ en 2025-, e as axudas a concellos menos de 10.000 habitantes, nas que se investiron 149.910,18€.
Este conxunto de iniciativas alíñanse coa Estratexia de turismo 2030 da Xunta de Galicia, que propón a gastronomía e a enoloxía como recursos turísticos de primeira orde e prevé unha serie de medidas para amplificar o seu potencial.