A Fundación Starlight, entidade de ámbito internacional vinculada ao Instituto de Astrofísica de Canarias, creou un sistema de certificación, mediante o cal son acreditados espazos que posúen unha excelente calidade de ceo e que representan un exemplo de protección e conservación. Trátase de escenarios que incorporan a observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural ou científico e, á súa vez, promoven o turismo de observación das estrelas.

Este sistema de certificación está apoiado pola UNESCO, a Organización Mundial do Turismo (OMT) e a Unión Astronómica Internacional (IAU). Os Destinos Turísticos Starlight son lugares visitables que gozan de excelentes calidades para contemplar os ceos estrelados e que, ao estar protexidos da contaminación lumínica, son especialmente indicados para o desenvolvemento de actividades turísticas baseadas neste recurso natural.

 

 

Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia

 

O Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia está situado nas Rías Baixas e comprende catro arquipélagos: Cortegada e Sálvora na ría de Arousa, Ons fronte á ría de Pontevedra e Cíes, que pecha a ría de Vigo.

As espectaculares noites das illas permiten unha inmellorable contemplación do ceo estrelado. Por outra parte, grazas á súa riqueza (tanto faunística como vexetal) e á espectacularidade das súas paisaxes, estas illas constitúen un patrimonio cultural e natural único no litoral español.

O destino Starlight acolle nos seus Centros de Interpretación actividades relacionadas coa observación e protección do ceo nocturno, con dúas estacións que miden a súa luminosidade, así como accións sobre o terreo nas illas.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

A Costa da Morte

A Costa da Morte ocupa o segmento noroeste do litoral galego, estendéndose ao longo de ducias de quilómetros, dentro dos límites da provincia da Coruña. Neste xeodestino de carácter aguerrido, podemos encontrar praias salvaxes e fermosos cantís que se descobren entre faro e faro. Os espectaculares ceos estrelados e as atardecidas sobre o océano Atlántico non teñen comparación, de feito, na Costa da Morte pódese vivir o último solpor da Europa continental. Alén diso, posúe un gran valor ambiental, xa que gran parte do seu territorio forma parte da Rede Natura 2000 e alberga polo menos dous Lugares de Importancia Comunitaria e unha Zona de Especial Protección para as Aves, unha Paisaxe Protexida e múltiples lugares de especial interese xeolóxico.

O destino Starlight recolle numerosas opcións para contemplar as estrelas, moitas delas en lugares de especial beleza e de gran valor natural e cultural, como por exemplo: o dolmen Arca da Piosa, a praia do Rostro, Cabo Touriñán, Cemiterio dos Ingleses, Castro de Borneiro, Punta Nariga, Espazo Natural de Razo-Baldaio, encoro da Fervenza, praia de Soesto e o Monte Pindo.

Trevinca

A contemplación das chuvias de estrelas das Perseidas (agosto) e das Xemínidas (decembro); a marcha nocturna “Entre lobos e estrelas” (coincidindo coa lúa chea de setembro); as xornadas nocturnas “AstroTrevinca” (outubro) choco-anoiteceres e os concertos musicais “Nanas para Trevinca” no Miradoiro Estelar do Rañadoiro constitúen as principais actividades organizadas baixo o paraugas do Destino Turístico Starlight Trevinca. O verdadeiro eixo sobre o que se estrutura o Destino Turístico Starlight Trevinca é a Vía Láctea e o Camiño das Estrelas. O Destino Turístico Starlight é un espazo triangular limitado polos vértices da Tablilla das Lagoas, Pico Maluro e O Rañadoiro, dentro do Espazo Natural Protexido Pena Trevinca, declarado Zona ZEC e ZEPA, no concello da Veiga, limítrofe co Parque Natural de Sanabria. Trevinca goza de excelentes calidades para contemplar ceos estrelados por estar lonxe dos grandes núcleos de poboación e pola súa altitude.

Muras

Muras está situada no norte da provincia de Lugo e cun ceo nocturno libre de contaminación lumínica, é un lugar ideal para gozar do astroturismo. A Sociedade Galega de Historia Natural organiza periodicamente actividades astronómicas no municipio para contemplar o ceo e facer astrofotografía.

Os dez lugares con mellores puntos de observación distribúense en dúas áreas:

A primeira inclúe tres emprazamentos: Miradoiro das Campelas da Auga, Miradoiro da Cruz da Fraga Gorda e Miradoiro do Piocorto.

A segunda abrangue sete localizacións:Cruz de Bestemuz, Miradoiro de Manzoi, Miradoiro da Gañidoira, Alto da Amosa, Área de autocaravanas, Cruz do Campo e Carballeira do Viveiró.

Lalín

Lalín é berce da historia astronómica de Galicia, xa que entre os seus Fillos Ilustres está o grande astrónomo Ramón Mª Aller que puxo en marcha o Observatorio de Lalín (recuperado en 2011), base para fundar o Observatorio da USC.

Escolleuse como punto de observación un vértice xeodésico na parroquia de Maceira situado a 743 m de altitude desde o que se domina unha panorámica de 360º, sendo de día un magnífico miradoiro desde o que se ven os principais cumios da comarca de Deza e a súa contorna: o Farelo, a serra do Faro, o Candán, o Carrio e incluso o Pico Sacro cara a Compostela. Por outra banda, de noite é un lugar privilexiado desde onde se pode contemplar o ceo en todo o seu esplendor incluíndo unha perfecta vista da Vía Láctea.

Ademais deste lugar, suxírense outros dous puntos de observación, un deles nun outeiro sito en Albarellos e outro moi preto da Fraga de Catasós

Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas localízase no ámbito do litoral cántabro-atlántico de Galicia, na provincia da Coruña. Este territorio inclúe áreas costeiras, vales litorais e serras interiores, estendéndose por 17 concellos nas inmediacións da cidade da Coruña e chegando ao límite coa provincia de Lugo. Trátase do Primeiro Destino de Ecoturismo Certificado de Galicia e conta cunha Marca de Calidade propia, amparada pola UNESCO que certifica en calidade e sostibilidade o seu sector turístico, o cal deseña e desenvolve diferentes actividades Starlight.

Mariñas Coruñesas recolle numerosas opcións para contemplar o firmamento, moitas delas en lugares de especial beleza, de gran valor natural, etnográfico e cultural, que nos permite combinar a observación dos ceos coa degustación de menús elaborados con produtos locais e de tempada realizados por cociñeiras/os dos “Restaurantes da Biosfera”, quedarse nalgún dos “Aloxamentos da Biosfera”, ou realizar algunha ruta ou experiencia de ecoturismo certificada.

Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá

Esta Reserva da Biosfera abrangue os concellos lugueses de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, no leste da provincia de Lugo. Con esta distinción, outorgada en abril de 2024, preténdese abordar as actuacións necesarias para adaptar as fontes de luz e potenciar os servizos e recursos especializados para desenvolver este destino. Instalaranse sinais e indicadores e miradoiros de estrelas nas zonas máis escuras pero accesibles e con capacidade para realizar actividades de turismo astronómico.

Tamén as casas e hoteis rurais poden obter unha cualificación outorgada pola Fundación Starlight se manteñen un compromiso coa observación do firmamento e a calidade do ceo. Alén disto deben pór a disposición dos clientes información sobre Starlight e algún medio para a observación astronómica. En Galicia cumpre estes requisitos a Casa da Pedreira en Cuntis e Casa Savi en Miño.

Arriba