Sinala a data no teu calendario!

O dia 7 de setembro haberá unha posibilidade única de admirar a variedade e a autenticidade dos Entroidos Tradicionais de Galicia. A cita é a partir do mediodía na Praza do Obradoiro para continuar polas principais rúas e prazas do centro histórico de Santiago de Compostela.

Sen ter que agardar ás datas do Entroido do próximo ano e sen ter que viaxar ata cada un dos concellos participantes. Unha ocasión excelente para poder gozar de seis Entroidos de Interese Turístico coas Pantallas de Xinzo de Limia, cos Cigarróns de Verín , cos Boteiros de Viana do Bolo, cos Boteiros de Vilariño de Conso, coas Madamas e Galáns de Cobres (Vilaboa) e cos Xenerais da Ulla. Ademais, neste ano 2019 teremos como Entroidos invitados aos Volantes do Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada), ás Bonitas de Sande (Cartelle), aos Galos da Mezquita (A Merca), ao Entroido de Samede (Paderne),  aos Vergalleiros de Sarreaus, aos Vellaróns de Riós, ao Entroido de Lobios e ao Entroido de Entrimo. Todos xuntos e desfilando pola incomparable contorna de Santiago de Compostela. O desfile partirá ás 12:45 dende a Praza do Obradoiro e discorrerá pola zona monumental da cidade.

O punto de partida é a Praza do Obradoiro. Nesta praza e dende as 10:30 horas, Dj Mil  ambientará a espera cunha mestura de música tradicional galega e novos sons da World Music.
A hora de comezo do desfile é a unha menos cuarto para, dende o Obradoiro, percorrer as rúas de Fonseca e do Vilar, Praza e Cantón do Toural, rúas Nova e de Xelmírez, Cinco Rúas, Rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, Rúa da Acibechería e Praza da Inmaculada, e rematar de novo na Praza do Obradoiro.

Lembra a túa cita: a mellor oportunidade para coñecer cigarróns, volantes, xenerais, pantallas, boteiros, bonitas, galos, madamas e galáns e outras personaxes do Entroido que nos farán gozar dunha xornada chea de cor, música e diversión.

DOCUMENTOS RELACIONADOS...

Arriba