Ruta da camelia...

A enigmática beleza do Oriente

Non se sabe se Marco Polo trouxo unhas camelias como lembranza da China. Se tal fixo, abriu camiño sen sabelo á primeira camelia peregrina, e séculos máis tarde abriu unha ruta que, de xardín en xardín, de pazo en pazo, alumea os invernos: a paisaxe e mais a alma de Galicia.

Foron os portugueses os primeiros en introduciren en Galicia a enigmática beleza do Oriente, plasmada nesta sutil e velaíña flor de té, como se coñeceron as camelias ata 1735. Os chineses usárona para tratar de enganar aos ingleses, pois os seus gromos, por fermosos que sexan, non valen para lle dar bo sabor á auga fervida. E os chineses, que en materia de tés levaban uns 2.000 anos de vantaxe, estaban dispostos a protexer o segredo da infusión custar o que custar. Así que lles regalaban as flores e quedaban coas follas.

Mesmo así, os ingleses non desistiron; descubriran que nos barcos onde se consumía té descendía notablemente o risco de escorbuto -despois sóubose que debido á vitamina C-, cousa que os navegantes chineses sabían de sobra dende había séculos.

E namentres ingleses e holandeses se aplicaban a estudar con entusiasmo as propiedades das follas, as flores desbotadas viaxaban a bordo dos seus barcos deica Londres ou Lisboa. E de alí, rebautizadas xa como camelias en honra a un misioneiro xesuíta, pasaron a Galicia.

Máis tarde, Chanel escolleunas como emblema de elegancia en lembranza quizais daquelas que puideron vir, con Marco Polo, como non podía ser doutro xeito, pola Ruta da Seda.

E así creouse a única ruta de Europa dedicada expresamente a contemplar as máis de 8.000 variedades de camelias que moran nas rúas, prazas e camiños das cidades, vilas e aldeas de Galicia.  As camelias viñeron do Oriente; son galegas.
Arriba