En Galicia, cando se xunta a potencia do mar e a paciencia do tempo o resultado é unha obra de arte... a praia das Catedrais, un monumento natural cunha dimensión sobrenatural. Só hai que esperar á marea baixa, descalzarse, botar a andar... e un xa se sente na gloria.

Nada como desfrutar da vista dos arcobotantes de 30 m de altura, descubrir insólitas perspectivas de arcos dentro doutros arcos. Ou simplemente, deixarse levar polos corredores de area entre muros de lousa, como nunha impoñente e caprichosa nave central. E sempre, os pés na area e a cabeza no ceo.  Estamos na catedral do mar.

Arquitectura do mar

O chanzo que forma a denominada rasa cantábrica acada aquí categoría de monumento xeolóxico. O mar esculpiu nos cantís todo un repertorio arquitectónico de arcos, columnas e bóvedas que levaron a bautizar turisticamente o espazo entre os areais de Augasantas e Carricelas como praia das Catedrais.

As Catedrais atesouran nos últimos anos milleiros de fotografías, todas coa emoción dun momento irrepetible. Cada imaxe é única.

O acceso resulta doado. Conta ademais cun paseo acondicionado polo bordo superior e paneis informativos. Emporiso, deixar a nosa pegada na area só é posible durante o devalo das mareas. As Catedrais atesouran nos últimos anos milleiros de fotografías, todas coa emoción dun momento irrepetible. Cada imaxe é única.

Cada visita é diferente. O mar sempre borra as pegadas anteriores, pero permanece a sucesión de arcos monumentais. Ademais o espazo protexido dentro da Rede Natura 2000 abrangue un treito costeiro duns quince quilómetros de longo nos que podemos atopar outros fermosos areais como o dos Castros e o pintoresco porto de Rinlo.

Datos de interese

  • Situación:
    No concello de Ribadeo, na Mariña Oriental luguesa. O LIC esténdese entre os concellos de Barreiros e Ribadeo.
  • Superficie:
    • Monumento Natural: 28,94 ha, das cales 20 ha son augas mariñas.
    •  LIC: 304,36 ha.
  • Acceso:
    • Pola estrada N-634 (A Coruña-Santander), desvíos cara á costa no tramo entre San Miguel de Reinante e Rinlo.
    • Pistas locais paralelas á costa.
    • Accesibilidade: Automóbil, autobús, a pé.
  • Servizos:
    Aloxamento e comida nas poboacións próximas e ao pé da estrada.
  • Equipamentos:
    Paneis informativos

Durante os meses de verán (do 1 de xullo ao 30 de setembro) e en Semana Santa é preciso solicitar unha autorización. Esta é gratuíta e pódese conseguir online na web http://ascatedrais.xunta.es

Arriba