Alén do solpor

O derradeiro solpor da Europa continental

A Costa da Morte ofrécenos unha incomparable riqueza paisaxística e cultural, onde a natureza, o patrimonio artístico e as lendas danse a man co astro rei a cada paso do camiño. Alén do solpor é un proxecto de promoción turística que propón unha nova interpretación do destino Costa da Morte, artellando nela todos os recursos que vencellan ese territorio co legado histórico-cultural do sol.

Se o lector visita estas páxinas poderá comprobar a riqueza e o atractivo que ofrecen os dezasete concellos desta costa singular. Praias, cantís, montes, mesmo o clima, a flora e a fauna características conforman unha xeografía virxe e primixenia.

As actividades sociais, antropoloxía, costumes, folclore, gastronomía, festas, romarías, e o idioma que por aquí se fai doce e seseante... constitúen expresións moldeadas polo tempo e derivadas en última instancia da adaptación humana á propia natureza. Un patrimonio histórico e artístico nacido na prehistoria co megalitismo, os petróglifos e os castros, que se fai impoñente na arquitectura medieval coas edificacións relixiosas e civís como os castelos e pazos. Non debemos tampouco esquecer as obras erixidas pola devoción popular como os cruceiros e os petos de ánimas ou mesmo a arte de vangarda, os museos e centros de interpretación ou os faros. A modernización do sector turístico permite ofrecer, na actualidade, unha ampla rede de aloxamentos e restaurantes que permitirán vivir unha experiencia diferente e de calidade.

     

O solpor

Contemplar o sol afundirse no mar é sempre un instante máxico que invita á transcendencia. As tonalidades louras e vermellas do roibén, coma ollar o lume do fogar, aportan intimismo e sosego namentres o día esmorece. Eses cromatismos e ceos multicolor conducen a unha experiencia intensa para os sentidos, onde todo parece adquirir un significado especial.

Imos erguer a vista ao ceo e conectar con ese astro que nos atrapa e se desvela coma o protagonista da paisaxe e da natureza, a orixe da cultura e a historia dun pobo universal, Galicia, cun rico patrimonio aínda por descubrir.

Ruta da Costa da Morte en 3 solpores


Propoñémosche un plan de 1, 2 ou 3 días para gozar ao máximo Costa da Morte á procura do último atardecer da Europa Continental.
     

Datos curiosos arredor do Sol

Cal é o punto máis occidental da Europa peninsular?

O punto máis occidental da España peninsular atópase na Costa da Morte, concretamente no cabo Touriñán. A modo de curiosidade, se trazamos unha liña recta dende o cabo en dirección ao horizonte,   cunha lonxitude de 5200 km, chegariamos a Nova York.

Cando se producen os solsticios?

Os solsticios prodúcense dúas veces ao ano, xusto coincidindo co momento en que o sol se atopa no punto mais afastado do ecuador. Durante o solsticio dáse a máxima diferenza de duración entre o día e a noite. O solsticio de verán sucede arredor do 21 de xuño. Pola súa banda, o solsticio de inverno ten lugar sobre o 22 de decembro.

Cando se producen os equinoccios?

Durante os equinoccios o día e a noite teñen a mesma duración, xa que o sol se atopa nese momento no ecuador do planeta. O equinoccio de primavera marca o inicio desta estación e sucede arredor do 21 de marzo, mentres que o equinoccio de outono ten lugar sobre o 22 de setembro.

Que é unha aliñación arqueastronómica?

Falamos da aliñación de determinadas construcións, xacementos arqueolóxicos e puntos xeográficos co sol ou con outros astros nun momento específico do día e do ano. Na Costa da Morte temos o exemplo no Dolmen de Dombate; cada solsticio de inverno os primeiros raios de sol da mañá alagan de luz o seu corredor central.

Cal se di que podería ser a orixe da peregrinación xacobea?

Algúns historiadores consideran a posibilidade da chegada de milleiros de persoas á Costa da Morte dende a antigüidade para veren como o sol desaparecía de vez no océano Atlántico. Estímase posible que estas peregrinacións, máis ou menos ordenadas, fosen transformadas polo cristianismo, podendo ser a orixe da peregrinación xacobea a Fisterra e Muxía.

Que é o “raio verde”?

É un fenómeno óptico atmosférico que se pode percibir durante un instante ínfimo, no momento final da atardecida, no cal unha luz verde intensa aparece durante 1 ou 2 segundos sobre o sol. Aínda que observar un raio verde é difícil, debido ás específicas condicións atmosféricas que se teñen que dar, son moitas as persoas que se lanzan á súa captura. Únete a elas!  Busca un día tranquilo, sen apenas turbulencia atmosférica, sitúate nun sitio alto, preferiblemente fronte ao horizonte oceánico, e non perdas de vista os últimos raios de sol.

A historia de Elia

"O meu nome é Elia, a miña avoa chamoume así porque dicía que nacín co brillo do último raio do Sol, esta aventura tamén nace nese instante de luz, nese intre fuxidío imposible de reter.”

O derradeiro solpor

En tempos do imperio romano, cabo Fisterra era o punto final do mundo coñecido (Finis Terrae). Estritamente falando, por moi pouco esa zona non é a que está máis ao oeste da Europa continental, pero, malia iso, goza do privilexio de contemplar o derradeiro solpor do continente durante dous meses do ano.

A Costa da Morte

A Costa da Morte representa a esencia de Galicia. A Galicia natural, das praias salvaxes e cantís de Fisterra, Camariñas ou Malpica; mais tamén dos penedos esculpidos polo vento en Traba (Laxe).

Arriba
Axúdanos a mellorar!