Cara o río Miño...
A continuación tomamos camiño cara ao Río Miño, seguindo a rúa do Progreso, que nos permitirá contemplar a transición do casco histórico cara ao primeiro ensanche da cidade. Poderemos deternos no Centro Cultural Deputación e visitar o Museo do Tren, seguindo logo camiño pola mesma rúa ata a Capela da Nosa Sra. dos Remedios, renacentista aínda que moi reformada, xa moi preto do curso fluvial. Unha vez chegados a este punto podemos baixar ata a ribeira do río e seguir camiño polos sendeiros recentemente acondicionados para o paseo cara á Ponte do Milenio, á que subiremos, pois conta cunhas pasarelas peonís que permiten ter unha fantástica panorámica do río, e da cidade no seu conxunto, a 22 metros de altura. Cruzamos o río pola ponte e a carón do antigo campo da feira detémonos nas Pozas da Chavasqueira, conxunto de fontes termais tamén coñecidas como Baños do Bispo, acondicionadas a xeito de piscinas ao aire libre, de uso gratuíto e situadas nun contorno axardinado moi apracible. Trala visita, retornamos pola marxe dereita do río pola zona de Ribeiriño ata atoparnos coa Ponte Vella ou Maior, de orixe romana pero moi reformada nos s. XIII e XVIII, cruzámola e polos Xardíns de San Juan Bosco e a rúa Concello chegamos ao Parque de San Lázaro, corazón verde da parte nova da cidade, onde nas súas proximidades podemos visitar a igrexa gótica de San Francisco, trasladada aquí pedra a pedra dende a súa situación orixinal na parte alta da cidade que logo visitaremos.