Preto da cidade de Vigo atopamos Baiona, unha vila de notable atractivo histórico e paisaxístico que, para sorpresa de moitos, ofrece tamén unha abondosa variedade de aves invernantes e en migración.

En efecto, desde a atalaia natural que é o antigo faro do cabo Silleiro podemos detectar nutridos fluxos de aves de paso, mentres que a observación das limícolas nos ha deleitar nas praias e marismas.

Un balcón na entrada da Ría de Vigo

Esta é unha área de litoral rochoso con zonas de praias, como a da Ladeira. No límite con Nigrán, a marisma da Ramallosa é un dos puntos de maior interese natural grazas ás súas amplas xunqueiras e a un produtivo intermareal, complementado con zonas de dunas e pequenos ríos que verten aquí as súas augas.

Máis ao leste, as praias de Arealoura e Patos, en Nigrán, tamén nos han ofrecer boas oportunidades para realizar avistamentos. O mesmo sucede no impoñente cantil do Monteferro. As zonas de cultivos e as pequenas áreas de bosque autóctono arredor da vila de Baiona tamén poden depararnos interesantes observacións. Cara ao oeste, a costa rochosa toma protagonismo ata chegar ao cabo Silleiro, unha atalaia onde, con prismáticos ou telescopio, habemos gozar do espectáculo da migración de centos de aves mariñas.

Os roteiros

Roteiro en coche: Cabo Estai - Cabo Silleiro

MELLOR ÉPOCA

Durante a estadía invernal

DISTANCIA

21 Km

DURACIÓN

Entre 1 e 2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Baiona, Nigrán, Vigo

PERCORRIDO

Cabo Estai - Praia de Patos - Praia de Arealoura - Marisma da Ramallosa - Praia da Ladeira - Porto de Baiona - Cabo Silleiro

Puntos clave da ruta

  1. Desde cabo Estai (1), onde habemos ver pilros escuros e gaivotas cabecinegras, seguimos pola costa.
  2. Na praia de Patos (2) podemos atopar o pentumeiro común e mais a mobella grande.
  3. Cara ao sur e non moi lonxe de alí está a praia de Arealoura ou praia América (3), por onde aparecen a píllara das dunas, a gabita común e a gaivota cabecinegra. Este lugar é recomendable visitalo a primeira hora da mañá ou última da tarde, sobre todo con marea baixa.
  4. Continuamos ata a ponte sobre o río Miñor (4), desde a cal se divisa a marisma da Ramallosa, un espazo onde podemos atopar cullereiros, garzotas e diversas limícolas.
  5. Podemos visitar tamén a praia da Ladeira, entrando por un paseo litoral no seu extremo occidental, onde desemboca un regato (5), para intentar avistar gaivotas cabecinegras, carráns cristados e outras limícolas.
  6. Coroado polo parador, o porto de Baiona (6) ofrécenos a posibilidade de ver carráns cristados e carolos.
  7. Desde o cabo Silleiro habemos ver, sobre todo entre agosto e outubro mais tamén en abril, o paso de aves mariñas (7). Destaca a presenza do furabuchos das baleares, a palleira pomarina e o carrán común.

Roteiro a pé ou en bici: Panxón - Monteferro - Panxón

DURACIÓN

2 horas en bicicleta, 3 horas a pé

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Nigrán

PERCORRIDO

Panxón - Monteferro - Panxón

Puntos clave da ruta:

  1. Tras saír do centro de Panxón (1), atravesamos unha zona con pequenos grupos de casas e hortas onde se pode ver a rula brava, o cardeal e o bico de coral.
  2. Conforme o camiño vai tomando altura empezamos a camiñar por entre masas de piñeiros (2), nas que habemos ver estreliñas riscadas e ferreiriños cristados.
  3. Unha vez no alto de Monteferro (3) (a 97 metros sobre o nivel do mar), observamos as paredes que entre abril e agosto dan acubillo a unha pequena colonia de andoriñón real e, ocasionalmente, gralla pequena.
  4. Entre agosto e novembro as zonas de matogueira da aba norte (4) son boas para observar pequenas aves en migración.
As aves

En especial nos meses de setembro a novembro, e tamén en marzo e abril, é habitual ver fronte ao Silleiro diversas aves mariñas como mascato do atlántico, furabucho das Baleares, pentumeiro, e carráns comúns e cristados. Nas illas Polbeiras, xusto ante este observatorio da migración, hai invernada regular de pilros escuro e virapedras, ademais da sempre apreciada pica costeira. Máis ao leste, as praias da Ladeira, Arealoura e Patos son lugares de observación habitual de limícolas, entre elas a ameazada píllara das dunas, e na marisma da Ramallosa recalan en migración e invernada cullereiro e numerosos patos e garzas.

Consellos e recursos
  • Levar roupa de abrigo e impermeable, sobre todo se hai ondada no cabo.

  • Á praia da Ladeira ir de mañanciña, xa que durante o resto do día o elevado número de paseantes con cans espanta as aves.

  • Na marisma da Ramallosa debemos evitar entrar na zona intermareal.

Arriba