Sorprendentemente, o litoral da provincia de Lugo (agás sitios emblemáticos como a praia das Catedrais) non é moi coñecido. Alí altérnanse cantís costeiros con praias de auga transparente e illas que acollen grandes e interesantes colonias de aves mariñas. En conxunto é un excelente lugar para a observación de aves mariñas no inverno

O Cantábrico galego

Aínda que A Mariña de Lugo comprende a totalidade da costa lucense, pola súa lonxitude optouse por considerar neste apartado unicamente o tramo ao oeste da Ría de Foz.

Este tramo de costa é practicamente un cantil costeiro, máis ou menos alto e recortado, interrompido por praias de areas brancas e augas cristalinas e pola desembocadura de pequenos regatos. Algún porto e pequenas vilas completan o panorama, aínda que está a excepción da gran ría de Viveiro, cunha interesante marisma. Tamén hai que mencionar as illas que atopamos ao longo da costa, como Os Farallóns, Ansarón e A Illa Coelleira, que, xunto con algunhas de tamaño reducido, como a Insua de Cal, albergan interesantes poboacións de aves mariñas nidificantes. A punta de Roncadoiro e a punta da Mansa destacan pola súa espectacularidade e pola presenza de aves mariñas.

Os roteiros

Roteiro en coche: Covas (Viveiro) - Burela

MELLOR ÉPOCA

De decembro a xuño

DISTANCIA

48 Km

DURACIÓN

5 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Burela, Cervo, Viveiro, Xove

PERCORRIDO

Covas (Viveiro) - punta de Roncadoiro - portiño de Morás - Lago - San Cibrao - Burela

Puntos clave da ruta

  1. Desde o punto de partida en Covas (1), podemos observar na praia mobellas grades e diferentes especies de gaivotas.
  2. Se a marea está baixa, na ría de Viveiro (2) pode haber grupos de gaivotas e limícolas, como o mazarico real ou o mazarico rabinegro.
  3. O porto de Celeiro (3) é interesante en inverno, xa que nos permite observar na súa contorna o mergullón de pescozo negro.
  4. A punta de Roncadoiro (4) é unha parada interesante para anotar aves de monte baixo como o chasco común ou o a azulenta común, aínda que durante os pasos migratorios podemos observar o pedreiro cincento e o chasco norteño.
  5. O tramo de costa do Portiño de Morás (5) ata a praia de Lago (6) é moi interesante. Malia o grande uso industrial do contorno, en inverno podemos observar numerosas especies de gaivotas, corvos mariños grandes, mobellas grandes e mergullóns de pescozo negro. Habemos estar atentos tamén á contorna da piscifactoría e á desembocadura do regato de Lago.
  6. En San Cibrao (7) habemos prestar atención ao cabo do mesmo nome, á desembocadura do río Cobo e ao illote da Anxuela no que imos ver diversas gaivotas (incluíndo a pouco común gaivota polar) ou limícolas como o pilro escuro en inverno.
  7. En Burela imos achegarnos ao porto (8) para observar as gaivotas; aquí son frecuentes a hiperbórea e a polar.

Roteiro a pé ou en bicicleta: Vilachá - Punta da Mansa

MELLOR ÉPOCA

Primavera

DISTANCIA

2,5 Km

DURACIÓN

1 hora a pé e media hora en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Xove

PERCORRIDO

Vilachá - Punta da Mansa

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos da aldea de Vilachá (1). Nas súas inmediacións podemos observar numerosas especies típicas de campiñas frescas, como o cardeal.
  2. Máis cerca do cabo (2), nas zonas de mato podemos ver azulentas comúns, chascos comúns e pedreiros cincentos en paso.
  3. Xa na punta (3), habemos prestar atención ás gaivotas patiamarelas que crían en número reducido na zona. O falcón peregrino e os corvos mariños cristados tamén se deixan ver pola zona

 

Roteiro a pé: Portocelo - illa de Ansarón

MELLOR ÉPOCA

De finais de agosto a xuño

DISTANCIA

4 Km, só ida

DURACIÓN

1,5 horas (só ida)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Xove

PERCORRIDO

Portocelo - Punta de Merixe - Illa de Ansarón

Puntos clave da ruta:

  1. Desde a recollida aldea de Portocelo (1), onde habemos prestar atención aos grupos de gaivotas, saímos cara á punta de Merixe (2), desde onde se enxerga a insua de Cal e a súa colonia de gaivota patiamarela.
  2. Seguimos a liña da costa por un carreiro desde o que podemos observar aves mariñas e terrestres como as papuxas do mato que se ocultan nas toxeiras.
  3. Chegamos á punta Arxente (3), en fronte da illa de Ansarón (4), onde podemos deternos un bo anaco a observar as manobras das numerosas gaivotas patiamarelas que nidifican na illa. Tentaremos descubrir tamén algún corvo mariño cristado e outras aves. No outono é un bo lugar para observar pedreiros cincentos en migración
As aves

Entre as aves imos encontrar aquí unha especie especialmente valiosa: a gabita, que nidifica nalgunha das illas da zona, especialmente nos Farallóns. Máis abondosas son as gaivotas patiamarelas, que se contan por centos e os corvos mariños cristados, máis escasos. No inverno chegaremos a ver ata sete especies diferentes de gaivotas, ademais doutras aves mariñas de paso, como o mascato do atlántico.

Consellos e recursos
  • En pleno inverno é cando poderemos observar máis especies interesantes na zona, posto que diferentes especies de gaivotas a escollen para invernar. Se queremos boas observacións é importante revisar ben todos os grupos

  • As aves nas illas non están preto, polo que se recomenda levar telescopio.

Arriba