Gaivina negra
Chlidonias niger
Garzota (pequena)
Egretta garzetta
Mobella grande
Gavia immer
Aguia pescadora
Pandion haliaetus
Propoñemos a observación de aves polas ribeiras e augas libres da Ría de Ares e Betanzos, incluíndo as marismas de Betanzos e Miño, a metade externa do esteiro do río Eume, a praia e a xunqueira de Ares, o esteiro do Lambre, o último treito do Mandeo, as brañas de Sada e o litoral deste concello. Esta é unha área importante para a estadía invernal de garzas, limícolas e anátidos. Dentro destes últimos, imos poder gozar da principal poboación galega invernante de pentumeiros comúns. Non obstante, a “estrela” máis popular deste espazo é a aguia pescadora, que imos poder observar, cun pouco de sorte, fronte ao observatorio ornitolóxico de Souto, en Paderne, ou fronte ao observatorio do pazo de Mariñán, en Bergondo. Canda ela, vermos ademais tartaraña das xunqueiras, rascóns comúns ou lavandeiras amarelas. A recalada de cullereiros en outono é cada vez máis numerosa, e incluso a recentemente protexida marisma de Bañobre, en Miño, acolle un número cada vez maior de limícolas, como o bilurico claro e de rapaces como o millafre negro. Diante da Praia Grande de Miño son habituais os mergullóns de pescozo negro e os mascatos do Atlántico. Na Ponte do Porco obsérvanse doadamente as andoriñas dáuricas, e na intermareal ante a vila de Sada, no inverno, os anátidos adoitan contarse por centos.