Resulta sorprendente comprobar como, a apenas 10 minutos do centro da Coruña, é posible observar con gran comodidade (na época adecuada) centos de aves acuáticas. E conducindo tan só 20 minutos máis, podemos asomarnos a acantilados onde crían ducias de aves. Acompáñanos neste paseo pola ría do Burgo e a Costa de Dexo, dous dos espazos naturais máis sobresaíntes da comarca das Mariñas.

Observando aves ás portas da cidade

Eco do que foi no seu día e a pesar da presión humana e dos cambios da paisaxe das súas beiras desde os anos 60, a ría do Burgo mantén unha máis que notable diversidade de aves, que poderemos contemplar cunha comodidade realmente sorprendente.

E é que esta zona húmida, que constitúe a parte máis interna da Ría da Coruña, formada polo esteiro do río Mero, está moi preto da cidade e está ben comunicada.

Máis información

Ligazóns de interese

Rutas Ornitolóxicas das Mariñas Coruñesas

Descargas PDF

Os roteiros

Roteiro en coche: Faro de Mera - O Temple

MELLOR ÉPOCA

De setembro a marzo

DISTANCIA

14 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Coruña, Culleredo, Oleiros

PERCORRIDO

Faro de Mera - O Temple

Puntos clave da ruta

  1. Comezamos o noso percorrido no faro de Mera (1), albiscando o corvo mariño cristado, o mascato do atlántico, o furabuchos das baleares e o andoriñón real.
  2. A continuación dirixímonos cara á praia de Mera (2), onde é posible ver o pentumeiro común e a gaivota cabecinegra.
  3. Visitamos brevemente a lagoa de Mera (3) para anotar o picafollas ibérico.
  4. Máis ao sur, a baía e a illa de Santa Cruz (4) acollen abondosos láridos, como a gaivota cabecinegra, a gaivota arxéntea europea, o gaivotón real e o carrán cristado. As praias de Bastiagueiro (5) e Santa Cristina (6) son lugares idóneos para a observación de pentumeiros, ademais de araos na primeira delas e mobellas pequenas e grandes na segunda.
  5. Logo de atravesar a ponte da Pasaxe e deixar atrás O Burgo, o traxecto lévanos ata os arredores do xardín botánico e o paseo marítimo (7), coa visión da interesante xunqueira e a intermareal da ría, onde abundan limícolas, láridos e paseriformes.
  6. Ao pasar a ponte do Burgo (8) imos poder observar a gaivota cabecinegra e a lavandeira moura.
  7. O itinerario finaliza no Temple (9), onde se poden ver as andoriña de cu branco e dos penedos

 

Roteiro a pé: Canaval - Punta do Seixo Branco - Dexo - Canaval

MELLOR ÉPOCA

De setembro a principios de xullo

DISTANCIA

7 Km

DURACIÓN

2-3 h a pé

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Oleiros

PERCORRIDO

Canaval - Punta do Seixo Branco - Dexo - Canaval

Puntos clave da ruta:

  1. Trátase dun percorrido litoral que comeza nas inmediacións da punta Canaval (1), alí onde finaliza a zona permitida para o acceso a vehículos. Avanzando por unha zona de toxo litoral ata o espectacular Seixo Branco (2), poderemos rexistrar o andoriñón real e a choia de bico vermello.
  2. Discorrendo cara ao leste, no litoral (3) é posible dexergar a presenza do corvo mariño cristado, o lagarteiro común e o corvo grande.
  3. De regreso á aldea de Dexo, camiñamos polo borde dun piñeiral con abondosa matogueira (4), onde tentaremos localizar papuxas cabecinegras e escribentas comúns. O itinerario finaliza ao regresar a Canaval (5).

Roteiro a pé: Illa e parque de Santa Cruz de Liáns (Oleiros)

MELLOR ÉPOCA

De novembro a marzo

DISTANCIA

2 Km

DURACIÓN

1-2 h a pé

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Oleiros

PERCORRIDO

Illa e parque de Santa Cruz de Liáns (Oleiros)

Puntos clave da ruta:

  1. Trátase dun percorrido breve que parte desde o parque Luís Seoane (1), onde se localiza a gaivota cabecinegra e o picafollas ibérico.
  2. Seguiremos polo paseo marítimo xunto á zona intermareal (2), para rexistrar gaivota cabecinegra e mais a arxéntea europea, canda o gaivotón real e o carrán cristado.
  3. Ao chegar á ponte de madeira que conduce á illa do Castelo ou de Santa Cruz de Liáns (3), poderemos anotar a estreliña riscada e habémoslle botar unha ollada á ría para albiscar o pentumeiro común e o mascato do atlántico.
As aves

De setembro a maio tan só temos que estar atentos á marea (mellor con media marea e enchendo) para ver especies como píldoras cincenta, pilros comúns e gordos, biluricos patirrubios e claros, e mazarico chiadores e mazaricos reais a curta distancia. Mais non só limícolas senón tamén cullereiros, garzas reais, garzotas e, como non, un gran número de cisnes mudos introducidos hai uns anos na zona, hanse deixar ver con facilidade ante os nosos prismáticos. Os picapeixes, gaivotas de varias especies, carráns cristados e, ocasionalmente, patos e algúns carolos completan o elenco de aves acuáticas da ría. Entre as aves terrestres destacan a pica costeira, a lavandeira amarela e, en migración, o rousinol papoazul. Indo cara ao norte, pasada a vila de Mera, tomamos contacto con aves de acantilado: corvos mariños cristados, lagarteiros comúns, andoriñóns reais e choias de bico vermello, todos eles habitantes da Costa de Dexo.

Consellos e recursos
  • É aconsellable levar calzado axeitado (botas de auga ou de tecidos hidrófugos) en outono e inverno

  • Recoméndase o uso do telescopio para a observación das aves acuáticas

  • Transitar só por camiños, sen invadir as fincas agrícolas

Arriba