Aves na ría máis urbana
A ría de Vigo é unha ría de perfil estreito e densamente poboada nas súas beiras. De entre os diversos núcleos habitados destaca a cidade de Vigo, de case 300.000 habitantes. A ría está limitada polas montañas do Morrazo polo norte e os contrafortes do Galiñeiro polo sur. Na súa zona máis interna ensánchase para formar a enseada de San Simón, con enormes cantidades de patos e limícolas en outono e inverno. Os arredores da praia da Xunqueira, en Moaña, acollen grandes grupos de gaivotas e algunhas limícolas e carráns.
Os fondos pouco profundos fronte ás praias da zona externa da ría (Barra, Nerga, Samil) poden depararnos concentracións de aves mariñas. A xunqueira do río Lagares en Vigo e a veciña praia de Samil permiten avistar un bo elenco de gaivotas, limícolas e garzas, ao igual que a lagoa e a zona litoral de Punta Balea en Cangas do Morrazo.