Centos de patos en estadía invernal, canavais que son o refuxio das últimas escribentas das canaveiras iberoccidentais, praias con centos de pilros... e todo co marco dunha paisaxe espectacular.

Anímate a visitar no inverno este recuncho no que conflúen a Costa da Morte e as Rías Baixas!

Unha ría aberta ao mar... e ás aves

Esta ría aberta, sen illas na súa entrada, de forma alongada e relativamente estreita, acubilla no inverno un gran número de aves acuáticas, concentradas sobre todo nas zonas intermareais de Serres (Muros) e Noia, así como nas diferentes praias e calas. Na época de cría gañan importancia os canavais da Serra de Outes e da Ponte Nafonso.

Os roteiros

Roteiro en coche: Noia - Baroña

MELLOR ÉPOCA

Entre outubro e xaneiro

DISTANCIA

19 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Noia, Porto do Son

PERCORRIDO

Noia - Baroña

Puntos clave da ruta

  1. O traxecto comeza na estación de autobuses de Noia (1) e pasa polo esteiro do río da Trabe (2), para observar cullereiro común e gaivotas.
  2. Seguiremos en dirección a Ribeira ata a praia do Testal (3). Alí é posible observar a píllara das dunas, que se reproduce na zona, e o pilro tridáctilo.
  3. Seguidamente chegaremos a Portosín (4), onde habemos anotar gaivota arxéntea e carrán cristado. Uns poucos quilómetros ao oeste a ruta toma o desvío á dereita cara á praia da Aguieira (5), un lugar no que é posible avistar mobella grande e gaivota cana.
  4. Volvendo á estrada principal, continuamos a través de Quintáns ata Porto do Son (6), para rexistrar carolo e carrán común en migración.
  5. O itinerario segue ata o célebre castro de Baroña (7), desde onde habemos observar a presenza de aves mariñas como o mascato e o furabuchos das baleares.

Roteiro a pé ou a bici: A Toxeira - Meandro do Tambre e volta

MELLOR ÉPOCA

De outono a primavera

DISTANCIA

2 Km

DURACIÓN

2-3 horas a pé

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Outes

PERCORRIDO

A Toxeira - A Corga - San Tirso de Cando - Illa de Meán - Meandro do Tambre e volta

Puntos clave da ruta:

  1. Esta ruta consiste nun percorrido polos canavais do baixo Tambre. Comeza na Toxeira (preto da Ponte Nafonso) (1) onde se observa pardal montés e escribenta común.
  2. Segue en dirección sueste por San Tirso de Cando e tomando calquera dos camiños que levan ao río a través dunha área de cultivos con arboredo de ribeira (2). Neste tramo habemos ver picafollas ibéricos e cardeais comúns mentres nos achegamos á illa de Meán, onde avistaremos rascón común e escribenta das canaveiras iberoccidental.
  3. O paseo río arriba pola beira do canaval (3) pode permitirnos avistamentos de folosas das canaveiras e, en migración, folosas dos xuncos e rousinois papoazuis.
  4. No meandro do Tambre (3) (onde o río pasa de dirixirse cara ao sur a coller cara ao norte) hai picapeixes e, pola contorna, millafres negros.
  5. Unha prolongación opcional do percorrido cara á central do Tambre permitiríanos observar tamén o merlo rieiro.
As aves

Lugar de importancia ornitolóxica polos canavais do interior da ría, nos que nidifican varias ducias de parellas da ameazada escribenta das canaveiras, e polas praias do Testal (Noia) e Area Longa, nas que cría regularmente a pouca frecuente píllara das dunas. A estadía invernal das mobellas grandes e árticas, do pilro tridáctilo e do carrán cristado é importante na beira sur da ría, mentres que as limícolas, as garzas e os cullereiros comúns son os que predominan en Noia. Na boca da ría son habituais os furabucho das Baleares e as pardelas cincentas. No río Tambre, por baixo da presa do encoro de Barrié de la Maza, crían o merlo rieiro e o picapeixe, mentres que as carballeiras de Outes acollen gabeadores azuis.

Consellos e recursos
  • Aconséllase utilizar botas de auga para avanzar polas marxes do canaval da Serra de Outes e do baixo Tambre

  • É recomendable usar o telescopio para a observación de aves mariñas desde a praia de San Francisco e desde o castro de Baroña.

  • Acudir aos portos (o de Porto do Son, o de Portosín, o do Freixo, o de Muros) a primeira hora da mañá no inverno para a observación das gaivotas.

  • No castro de Baroña hai que respectar o xacemento. Está prohibido subir por riba dos muros.

Arriba