Aves na Raia húmida
O gran río Miño desemboca formando un magnífico esteiro: as súas augas chocan co Atlántico pero antes deixan a súa carga de sedimentos que, co transcurso do tempo, teñen dado lugar a unha gran variedade de hábitats palustres de grande extensión e interese natural.
Boa parte deles encóntranse nas illas fluviais, como a Canosa, que, ao estar a salvo das molestias humanas, resultan moi tranquilas para a fauna, en especial para as aves. Acompañando as augas do Miño no seu camiño cara ao mar encontramos aínda máis hábitats de interese, como praias e pequenos treitos rochosos nos que recalan unha boa cantidade de especies en migración.
O crebado tramo do concello da Guarda que se abre ao Atlántico, así como o seu porto, sobre todo se hai temporais, son excelentes puntos de observación de aves.