Moi preto da cidade de Ferrol existe un tramo de costa agreste cunha gran cantidade de aves. San Xurxo, Prior, Santa Comba, A Frouxeira e Cedeira son algúns dos destinos máis atractivos para as aves e apetecibles para o observador. Aproveitaremos as primeiras horas do día para quitarlle todo o partido á riqueza ornitolóxica deste singular recuncho do extremo norte de Galicia.

Aves arredor da cidade

A sinuosa costa entre Caranza (Ferrol) e a ría de Cedeira garda espazos naturais como a lagoa da Frouxeira —refuxio de miles de aves acuáticas no inverno— e diferentes chairas costeiras e praias en Doniños, San Xurxo, Ponzos, A Frouxeira, Pantín e Vilarube. En todas estas praias existen zonas húmidas próximas nas que adoita haber algún canaval ou salgueiral. A parte rochosa corresponde cos cantís de Prioriño, Prior, as illas Gabeiras e os illotes próximos e as puntas Forcadas e Candieira.

Moitos destes sitios son zonas de cría de aves mariñas e todos son atalaias privilexiadas para a observación da migración. O encoro das Forcadas (ao sur de Vilarrube) e a Ría de Cedeira complementan a lista de lugares de interese para o noso paseo ornitolóxico.

Os roteiros

Roteiro en coche: Faro da Frouxeira - Valdoviño

MELLOR ÉPOCA

Entre agosto e decembro

DISTANCIA

39 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Valdoviño

PERCORRIDO

Faro da Frouxeira - Taraza - Lagoa da Frouxeira (sur) - Valdoviño - Loira - Encoro das Forcadas - Vilaboa - praia de Vilarrube - Pantín - Valdoviño

Puntos clave da ruta

  1. A ruta comeza no faro da Frouxeira (1), no que se observa pedreiro cincento, choia de bico vermello e corvo grande. Máis cara ao sur vense os campos de Taraza (2), nos que é posible localizar o chasco norteño, a folosa manchada e o picanzo vermello.
  2. Desde o observatorio ornitolóxico da Frouxeira (3), con algo de sorte, poderemos ver abetouros, cullereiros e escribentas das canaveiras, ademais de centos de anátidas.
  3. En Pazos (4) é ocasional o pimpín do norte en inverno e o miñato abelleiro europeo no verán.
  4. Máis cara ao interior, o encoro das Forcadas ofrécenos a oportunidade de observar, no inverno, pimpíns do norte e escribentas amarelas e, no verán, picanzos vermellos. En Loira (5) e na cola do encoro (6) son habituais os patos chupóns e cristados, os mergullóns cristados e as galiñolas negras. Algúns anos tamén se deixa ver o pato de colar e o rubio. Percorrendo outros recunchos da cola do encoro é posible detectar o bilurico alinegro e a espectacular aguia pescadora.
  5. Entre Vilaboa e Vilarrube (7) hai presenza de picafollas ibérico en primavera e verán, de pimpín do norte no inverno e de cardeal común todo o ano. Entre as dunas de Vilarrube (8) hai lavercas comúns, picas dos prados e algúns invernos, con algo de sorte, pódese avistar a escribenta lapona.
  6. Desde os cantís de Ladeira (9) ás veces é posible ver o merlo azul.

Roteiro en coche: Ferrol (enseada da Malata) - Cabo Prior

MELLOR ÉPOCA

Entre marzo e xuño

DISTANCIA

12 Km

DURACIÓN

Hora e media

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Ferrol

PERCORRIDO

Ferrol (enseada da Malata) - Doniños - San Xurxo da Mariña - illas Gabeiras - praia de San Xurxo - Cabo Prior

Puntos clave da ruta:

  1. Desde a cidade de Ferrol realizamos unha primeira sesión de observación na enseada da Malata (1) para intentar rexistrar garzotas, gaivotóns reais e lavandeira mouras.
  2. Na lagoa de Doniños (2) imos poder anotar o mergullón pequeno, o rascón común e o picafollas ibérico.
  3. Máis ao norte, desde o castro litoral de Lobadiz (3) rexistraremos a carriza dos xuncos e as papuxa cabecinegra e papuxa do mato. Desde aquí imos ter unha visión moi interesante das illas Gabeiras, nas que existen exemplares nidificantes de paíño pequeno —difícil de detectar—, corvo mariño cristado e gaivota patiamarela.
  4. Na praia de San Xurxo (5) hai posibilidades de avistar gaivotas arxénteas e escuras, gaivotóns reais e carráns cristados. Na carriceira próxima, cun pouco de sorte, imos poder ver a subespecie endémica da escribenta das canaveiras. En verán, ademais hase poder ver a folosa das canaveiras e a dos xuncos.
  5. Por último, en Cabo Prior (6) poderemos contemplar o corvo mariño cristado, a papuxa cabecinegra e a choia de bico vermello.

Roteiro a pé ou en bici: lagoa da Frouxeira (Valdoviño)

MELLOR ÉPOCA

De outono a primavera

DISTANCIA

4 Km, só ida

DURACIÓN

3-4 horas a pé e 2-3 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Valdoviño

PERCORRIDO

Lagoa da Frouxeira (Valdoviño)

Puntos clave da ruta:

  1. Trátase dun percorrido arredor da lagoa da Frouxeira, con varios puntos desde os que avistar un importante número de anátidas, garzas e galiñolas negras ao longo da marxe oriental. O máis relevante é o observatorio ornitolóxico (1).
  2. O bosque de ribeira (2) acolle multitude de especies, igual que os canavais que se encontran durante o percorrido.
  3. Na praia (3) imos poder ver limícolas (sobre todo pilros tridáctilos) e tamén, no inverno, escribentas das neves.
  4. Cómpre estar atentos ademais ao mar para observar varias especies de aves mariñas
As aves

Entre as aves máis salientables citaremos a escribenta das canaveiras, moi ameazada e con poboacións aínda significativas na Frouxeira e, ocasionalmente, en San Xurxo. O paíño pequeno e o corvo mariño cristado crían nas illas Gabeiras e a choia de bico vermello e a escribenta das neves fan acto de presenza nos cordóns dunares ata A Frouxeira. Nas Forcadas crían o mergullón cristado e a galiñola negra. En outono, con algo de sorte, habemos poder ver aquí aguias pescadoras. Na costa veciña nidifican o falcón peregrino e o merlo azul. Pero a xoia da coroa en Ferrolterra é a lagoa da Frouxeira, importante área para a invernada e o paso de anátidos, garzas e limícolas. Podemos gozar observando a poboación residente de pato frisado e mergullón pequeno e a recalada máis ou menos temporal de cullereiros e abetouros, este último moi raro noutros puntos de Galicia

Consellos e recursos
  • Para observar as aves acuáticas é recomendable o uso de telescopio

  • Débese estar atento nas zonas de cantís, moitas veces inseguras

  • A observación de aves en praias realizase moito mellor a primeira hora da mañá, pois a partir de media mañá a presenza de paseantes e cans soltos espanta as aves

Arriba