Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
Ao contrario do que afirma o dito, paga moito a pena parar en Ares, quedarse en Redes e visitar o resto da contorna. O Golfo Ártabro é unha das zonas de Galicia de maior densidade de poboación, contando con destacadas vilas como Mugardos, Ares ou Pontedeume, asentadas ao borde do mar polo seu clima suave, e o recollemento das súas tranquilas praias.
O Golfo Ártabro é un arco marítimo no que se inclúen as rías da Coruña, Ares-Betanzos e Ferrol. Designado polos xeógrafos romanos como Portus Magnus Artabrorum, a día de hoxe conforma unha comarca natural definida pola presenza do mar.
A Real Vila de Mugardos é o inicio do percorrido, concretamente no castelo da Palma, orixinario do século XVI pero con planta actual do século XIX. Xunto co de San Felipe e canda aos de San Martiño e San Cristovo conformaba parte do sistema defensivo da ría de Ferrol, lugar de interese estratéxico pola presenza do arsenal militar, defendido mesmo cunha grosa cadea que atravesaba a ría de castelo a castelo impedindo o paso dos buques inimigos.
A carón da Palma, o coidado faro conta cun agradable espazo de lecer e boas vistas dos castelos ao pé da ría. De seguido aparece o desvío cara á revirada subida do Montefaro de Ares, punto extremo e referencial da vizosa península de Bezoucos.
O mosteiro de Santa Catalina de Montefaro agóchase na parte alta do monte. De orixe medieval, foi Fernán Pérez de Andrade, alcumado “O Bo” quen promoveu a súa edificación a finais do século XIV.
A Casa de Andrade foi unha influínte estirpe nobre galega con moito peso na comarca. O edificio conta con diversas dependencias e foi acumulando reformas, especialmente nos dous claustros existentes. De adscrición franciscana, consérvase unha portada gótica con capiteis historiados de escenas da vida de San Francisco de Asís.
Montefaro conta tamén con varios miradoiros. O principal e de mellor accesibilidade é o da Bailadora (266 m) dende o que se divisa grande parte de Ferrol e a súa ría, cunha fenomenal perspectiva dos castelos de San Felipe e da Palma.
Baixando cara á vila de Ares, cómpre facer un alto na igrexa de Santa Olaia de Lubre, pequena xoia de transición do románico ao gótico.
Ares é vila mariñeira. Ordenadas rúas levan cara a igrexa de San Xosé, no barrio do Porto. Alí mesmo sitúase a Alianza Aresana, primeira escola de indianos de Galicia e bo exemplo das tipoloxías arquitectónicas traídas de América. A longa praia conduce cara o porto, nunha enseada de augas tranquilas como se dunha lagoa se tratase.
O camiño prosegue cara a Redes e Pontedeume, lugares de parada obrigada.
Entremedias a praia da Madalena constitúe un lugar de ocio excelente pola súa posición en fondo de ría, ben orientada en relación ao sol. O seu magnífico piñeiral é complementado cun bosquete de sobreiras, pouco propias destas latitudes e que indican as boas condicións climáticas da zona.
Cinco rúas e dúas prazas. Iso é Redes, pequeno núcleo mariñeiro da costa de Ares que conserva en magnífico estado tanto a súa trama urbanística como a súa senlleira arquitectura indiana. Cuba xerou tanta influenza nos emigrantes de Redes que no seu retorno a Galicia reproduciron os modelos estéticos e arquitectónicos, sendo a día de hoxe un dos mellores exemplos a nivel galego desta corrente.
O Porto das Redes, como era antigamente coñecido, debe o seu nome ás cabrias, elementos de madeira que se utilizaban para o secado e cosido das redes.
A vocación mariñeira da vila queda clara na disposición das súa casas, con saída directa ao mar conformando o que se denominou a Venecia galega”.
A parte final do percorrido é o ascenso na procura do castelo da Nogueirosa.
Coñecido na zona como castelo de Andrade, foi esta familia nobre baixomedieval quen o construíu nun rochedo con interese estratéxico. Pequena fortaleza pero magnífico miradoiro, cómpre o acceso á torre da homenaxe para poder apreciar a amplitude de vistas sobre a desembocadura do río Eume e a práctica totalidade da ría de Ares e Betanzos.
Os ríos Eume, Landro e Sor nacen na serra do Xistral.
Segundo a Lenda dos Tres Ríos, manaron da mesma fonte e competiron entre si por ver cal deles acadaba antes o mar. A medio camiño o Landro e Sor descansaron pero o Eume proseguiu e abriuse paso escavando o seu espectacular canón. Ante o incumprimento do trato, Antubel, deusa celta das augas e das sombras, castiga ao Eume cada ano facendo que unha persoa pereza nas súas augas.
Pontedeume ten na súa vella ponte a súa razón de ser. Paso histórico nas terras das Mariñas, o Camiño Inglés atravesa o río Eume neste punto. Con orixe no século XIV da man de Fernán Pérez de Andrade, foi reestruturada no século XIX.
A súa disposición, orientada ao Norte, contradí as lóxicas de asentamento pero a relevancia do aspecto viario e a falta de espazo entre as ladeiras do monte Breamo e as ribeiras do río Eume xeraron un núcleo singular.
A coidada vila dos Andrade conserva o seu casco histórico de orixe medieval. A rica arquitectura popular compleméntase cun gran patrimonio civil e relixioso que son boa mostra da importancia histórica da vila con destacadas edificacións como as antigas Lonxas do Porto (século XVIII), a Cátedra de Latinidade (século XVII), o convento de Santo Agostiño (século XVI) ou o Torreón dos Andrade (século XIV), o cal foi parte do pazo desta familia nobre asentada na vila e que acolle hoxe o seu Centro de Interpretación. Segundo a lenda, un túnel secreto comunicaba o torreón co castelo da Nogueirosa, para maior seguridade da nobre familia.
Pontedeume é ademais unha das portas de entrada ao Parque Natural das Fragas do Eume. A riqueza paisaxística da contorna levou a que a Comarca Eumesa fose declarada Conxunto Histórico-Artístico e Paraxe Pintoresca no ano 1971.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.