Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
A mítica Costa da Morte recolle toda a forza do océano Atlántico dándolle diversas formas e matices. A forza do vento, o cheiro do mar e o verde dos montes concentrados nun percorrido que condensa a esencia dunha das costas máis perigosas do mundo. A ruta circular con comezo e final en Camariñas achega ao viaxeiro a pobos costeiros, a paisaxes litorais, dunas, cabos e areais, reflexo de historias de mariñeiros, temporais e fareiros.
Camariñas é mar, e o mar son historias de esforzo, naufraxios e xentes firmes que conviven cun medio fermoso pero perigoso. A súa presenza é o eixo deste percorrido, pero o mar e a auga tamén son historias na terra.
Como vila mariñeira, Camariñas recóllese no interior da súa pequena ría, na procura de acougo ante os insistentes ventos da zona. O moderno porto contrasta coas antigas construcións mariñeiras que manteñen o carácter tradicional da vila. Resulta moi recomendable admirar o encaixe de Camariñas, froito do traballo das palilleiras, auténticas artesás que preservan este inmenso legado cultural.
O tránsito ata Ponte do Porto permite bordear a enseada da Basa na procura do esteiro do río Grande, para tomar axiña o desvío dirección Camelle.
Camelle e Arou, Arou e Camelle… son os reversos dunha mesma moeda. Vilas moi próximas entre si, manteñen unha estreitísima relación co mar, ata o punto de que non se poden en- tender sen el. As cores vivas das vivendas lembran os tempos no que a pintura sobrante dos barcos protexía as fachadas da invernía entre os brancos areais.
O legado de Man, o Alemán de Camelle, é un dos elementos singulares desta vila. Manfred Gnädinger aséntase no porto da vila nos anos 60 vivindo en comuñón coa natureza e creando unha obra artística baixo o concepto do xardín-museo no que xoga coas rochas, as cores e as formas.
Na procura de harmonía co mar, Man vive e traballa integrado na paisaxe da Costa da Morte. A súa obra comeza a ser visitada e convértese nun museo ao aire libre ao modo das intervencións land-art, xogando coas rochas e intervindo no propio territorio, incluíndo o espigón do porto.
Moi preto creouse o Museo Man de Camelle, Casa do Alemán onde se pode ver parte do seu legado e que complementa a visita ás creacións que permanecen ao aire libre.
O camiño de terra vainos achegando á Enseada do Trece, que se abre cara ao mar recibindo toda a forza do océano. O vento impulsa a fina area da praia creando unha duna remontante, auténtica parede de area que ascende pola ladeira do monte do Veo e sobrepasa o seu cumio.
No outro extremo, o cemiterio dos Ingleses aséntase na zona chaira e lémbranos a dureza deste litoral.
O tránsito ata Vilán, coa compaña das vistas ao horizonte, transcorre paseniño a carón dos cantís e os rochedos entre os que se agocha un vello foxo do lobo onde se lle daba captura a esta especie.
Os perigos desta costa levaron á construción dun novo faro en cabo Vilán, o primeiro electrificado de España (1896). Impoñente, érguese dende o rochedo acadando os 130 metros de altitude, e configurando unha das imaxes máis representativas da costa galega, nun marco incomparable para gozar de espectaculares solpores. O faro de cabo Vilán é tamén sede do Centro de Interpretación dos Naufraxios, Faros e Sinais Marítimas.
O retorno a Camariñas transcorre preto da ermida da Nosa Señora do Monte que, dende un outeiro, protexe o tránsito de barcos e mariñeiros.
O buque HMS Serpent pertencente á Mariña Británica naufragou nestas costas no 1890. Contaba cunha tripulación de 175 membros e só tres deles puideron salvar a vida. Os demais descansan a carón do mar que lles quitou a vida.
Un forte temporal levou ao afundimento do acoirazado na noite do 10 de novembro de 1890, no seu tránsito entre Plymouth e Serra Leona. O mar de fondo provocou que o buque batese nas rochas da Punta do Boi con tráxicas consecuencias, nun punto hoxe coñecido como Baixos do Serpent.
Os 172 corpos foron soterrados a carón do lugar do naufraxio, no mesmo espazo onde xa recibiran sepultura 28 tripulantes do Iris Hull, outro barco afundido na Punta do Boi no 1883.
O Cemiterio dos Ingleses é unha sinxela construción en pedra, dividida en dúas zonas, unha interior reservada para os oficiais e outra máis ampla para o resto da tripulación. Pola súa singularidade e relevancia histórica este camposanto foi incluído na Ruta Europea de Cemiterios Singulares. En agradecemento ás xentes da zona pola axuda prestada, a Mariña Británica enviou diversos obsequios, entre eles o coñecido como Barómetro do Serpent, que a día de hoxe pode verse na fachada dunha vivenda do porto de Camariñas.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.