Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
A contorna de Corrubedo, famosa pola súa duna singular, ten moito que ofrecer. Costa bravía, pasa por ser un dos tramos litorais mellor conservados de Galicia con extensos areais, sistemas dunares e montes próximos dende os que contemplar quilómetros de beleza atlántica en estado puro.
O cabo Corrubedo é unha formación rochosa plana que pecha ao norte a enseada do mesmo nome. Tramo de costa próximo ás tranquilas Rías Baixas pero de fero mar aberto, mira á amplitude do océano por un lado e á pedregosa serra do Barbanza polo outro.
O faro de Corrubedo resiste os envites do vento mareiro sen protección, a ras de chan. Torre cilíndrica de cachotaría, a súa cúpula branca confúndese de lonxe coa escuma dalgunha gran onda recén chegada. Rodeado por illotes e rochedos, os baixos desta costa son perigosos e fan imprescindible a presenza do faro que ás veces, nas noites de néboa, era confundido co da illa de Sálvora.
Partindo do faro, unha longa recta sorprende por infrecuente na costa galega. Cara ao norte a agreste praia de Balieiros ou Furna dos Portiños, convida aos deportes que precisen de vento. Na zona as praias son furnas, “grandes cavidades naturais abertas nas rochas, producidas pola acción do mar”, testemuño evidente do violento ímpeto das ondas neste litoral.
Corrubedo é unha vila tranquila, morna no verán e ventosa no inverno. A súa enseada non chega a ser ría, pero protexe suficientemente ás embarcacións no rebuldeiro peirao. As casiñas chegan á area ou a area ás casiñas, segundo se mire. Recomendable é perderse polo labirinto de calellas. Dende o porto, un gran manto branco xorde na media distancia: a gran duna de Corrubedo.
O itinerario que propoñemos pasa a rentes do Parque natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, espazo que merece unha sosegada e respectuosa visita pola súa extrema sensibilidade ambiental.
Unha intersección conduce cara a Santa Clara de Novás, dende onde nos achegaremos ao monte Tahume, un dos grandes miradoiros panorámicos da costa galega.
A gran duna de Corrubedo é o elemento definidor deste espazo protexido. A duna móbil ten arredor dun quilómetro de longo e case 20 metros de alto. O percorrido está delimitado para evitar afeccións sobre o elemento, dado que parque recibe cada ano milleiros de visitantes.
A zona húmida é esencialmente relevante para este ecosistema. A presenza de auga, salgada na Lagoa de Carregal e doce na lagoa de Vixán, posibilita unha diversidade de hábitats que acollen a numerosas especies de aves como cercetas, patos e, correlimos, alacráns común, píllaras das dunas , garzas vermellas ou tartarañas das canaveiras. Tamén gabitas, pilros e virapedras, entre outras moitas especies.
Conta cun centro de recepción de visitantes e diversas instalacións de atención e uso público, incluíndo o miradoiro de Castrocidá e itinerarios interpretativos que axudarán ao turista, especialmente aos amantes da ornitoloxía.
De volta ao itinerario, o Centro de Interpretación das Lagoas de San Pedro e Xuño ofrece un lugar no que coñecer os fenómenos intermareais. Neste punto, a costa xa é unha praia continua que vai mudando de nome: Areas Longas, Xuño, Furnas…
A incorporación a unha nova estrada en Xuño, introdúcenos nunha zona de maior densidade de ocupación e parcelario fragmentado entre Caamaño e Tarela. As vistas cara ao mar presentan ao lonxe o monte Louro; volverémolo a ver.
Baroña é unha parada obrigada. A visita ao castro permite contemplar un asentamento costeiro datado entre os séculos I a.C. e I d.C. localizado nun pequeno istmo sobre a praia de Arealonga.
Á altura da praia da Arnela a estrada parece mesturarse co mesmo mar. O monte Louro aparece no horizonte coa súa impoñente estampa, que se repetirá en cada reviravolta da estrada.
O castro de Baroña é un poboado da Idade do Ferro localizado na costa de Porto do Son. O asentamento das comunidades en núcleos estables configurou unha civilización propia coñecida como Cultura Castrexa, na que o castro constituía o escenario central das actividades cotiás.
Situado nunha pequena península, Baroña é un castro marítimo no que se conservan diferentes áreas, incluíndo o foxo exterior, os muros defensivos e as diversas edificacións circulares.
A privilexiada contorna, nunha praia de fina area e amplas vistas sobre o Atlántico, completa un magnífico conxunto patrimonial e paisaxístico.
Antes de entrar na vila de Porto do Son, un desvío condúcenos cara ao punto final do percorrido: o monte Enxa (539 m). Extraordinario miradoiro natural que nos ofrecerá amplas vistas sobre a ría de Muros e Noia, co peche cara ao norte do monte Louro, de morfoloxía inconfundible.
Dende o monte Enxa pódese realizar unha boa análise dos diversos usos do solo: rochedo e matogueira na contorna inmediata; gandeiro e forestal na media distancia; a urbanización da franxa litoral do interior da ría… Pero sobre todo, permite a contemplación dun tramo fascinante da costa galega, entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia.
O monte Tahume é un miradoiro natural privilexiado, localizado no sector final da serra do Barbanza, e que mantén similitude formal con outros altos da serra en canto a formas e texturas.
Os seus 227 metros de altitude permiten albiscar a liña de costa de modo ininterrompido dende as Rías Baixas até a Costa da Morte. No primeiro termo, unha visión integral do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, unha fermosa perspectiva do cabo e do faro de Corrubedo e as illas de Sálvora e Ons, esta xa na ría de Pontevedra.
A pista asfaltada permite o ascenso até a cima do monte, con espazo de aparcamento a carón dunhas antenas de comunicacións. Os sendeiros da parte alta do rochedo dan acceso a unha cruz que se sitúa no punto superior e dende a cal a vista é espléndida. A amplitude de vistas permite unha observación panorámica dende calquera punto do ascenso.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.