Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
A fin do mundo.
Fisterra representa ese lugar extremo no que a terra remata. Neste caso non será fin senón o inicio dunha fermosa ruta que bordea o litoral, pasando por lugares míticos da Costa da Morte: Corcubión, Cee, a fervenza do Xallas… e un espectacular final no miradoiro do Ézaro, a carón do monte Pindo, o olimpo sagrado.
O "finisterrae" latino designa o lugar no que o mundo deixa de ser coñecido. Este lugar existe no imaxinario colectivo de moitas sociedades atlánticas e outras “fins do mundo” existen en Bretaña ou Cornualles.
A nosa Fisterra, conxuga unha paisaxe costeira arrebatadora coa compoñente mítica, á que se lle suma a circunstancia de punto final do Camiño a Fisterra, prolongación da ruta xacobea a Santiago. Segundo a lenda, xa na época romana atopouse aquí o Ara Solis (Altar do Sol) que o Apóstolo Santiago ordenaría destruír por ser rito pagán. Pero a tradición mantívose e a día de hoxe Ara Solis é o nome dunha coñecida praza do casco antigo, preto da capela da Nosa Señora do Bo Suceso.
Dende o punto de vista xeográfico, Fisterra é un exemplo categórico do que é un cabo. Unha longa península que remata nun potente promontorio no que se situou o faro no ano 1853. No 1888 foi engadido un sinal acústico que, pola similitude do seu son, pasou a ser coñecido como a vaca de Fisterra.
Fisterra é un lugar de referencia na Costa da Morte. A súa ampla tradición mariñeira conta cun gran expoñente na súa lonxa, que conta con espazo habilitado para que os visitantes poidan presenciar as poxas de peixe.
Saíndo da vila, a enseada da Langosteira alberga a praia do mesmo nome, un longo areal de augas transparentes que mira ao lonxe ao monte Pindo. O paso por Sardiñeiro deixa vistas e accesos a novas praias, máis pequenas como son Restrelo ou Estorde.
Un desvío levaranos cara a Redonda e o cabo Cee, de fermosas vistas e onde se sitúa o faro coñecido como faro de cabo C. Tralo paso polo Castelo do Cardeal, construído no século XVII, achegámonos a Corcubión.
Corcubión merece unha parada polo seu coidado Conxunto Histórico-Artístico (declarado no ano 1985) no que destacan as vivendas con galería tan propias de vilas mariñeiras.
A estrada vai pola liña de costa cara a Cee, que practicamente forma un continuo con Corcubión. Cee é a principal vila da comarca, concentrando actividades e servizos. No centro urbano debemos tomar o desvío cara ao Ézaro (Dumbría).
O percorrido deixa o paso por praias como Gures e ofrece unha nova perspectiva do punto de inicio, o cabo Fisterra, que dende lonxe parece descansar sobre o océano. A mole granítica do Pindo aparece fronte á estrada, cada vez máis preto.
O Ézaro é un núcleo pequeno, labrego e mariñeiro. As súas praias de augas azul intenso conviven con dous colosos, a inmensidade do Pindo e o cabo Fisterra no horizonte. Á altura da ponte do Ézaro, un novo desvío dirixe o percorrido cara á fervenza do Xallas.
A desembocadura do río Xallas é única. Un río de tamaño medio que se funde co mar sen tocalo, caendo dunha altura de case 100 metros polas rochas graníticas. O estuario conta cunha pasarela para facilitar o acceso á fervenza dende o Centro de Interpretación da Electricidade, a antiga Central do Castrelo.
O monte Pindo é un gran macizo granítico de alto valor ecolóxico e xeomorfolóxico no que destacan os hábitats de matogueiras e a súa singularidade xeolóxica. Formación de diversos montes e cristas rochosas, a Moa é o seu teito con 627 metros, altitude moi relevante tendo en conta a súa proximidade á liña litoral.
Fito paisaxístico, é unha referencia visual en grande parte do arco fisterrán e Carnota. A súa relevancia transcende o aspecto natural sendo un importante conxunto patrimonial polos seus valores materiais e inmateriais. Á presenza de xacementos arqueolóxicos e de restos de fortalezas medievais (Castelo de San Xurxo e a posible fortaleza do monte Penafiel) cómpre engadir todo un sistema de crenzas vinculadas a este espazo que, a través de lendas, explican as curiosas formas das rochas.
O acceso é posible a través de rutas de sendeirismo e camiños tradicionais de certa dureza, pero acadar o seu cume é un trunfo recompensado por un dos mellores lugares para albiscar a costa galega.
O tramo final é un espectáculo. A empinada pista sobe até o miradoiro do Ézaro na procura de amplitude de vistas. O lugar ofrece unha ampla panorámica: cara o sur, o Pindo, coa súa sucesión de cristas graníticas, cara o oeste, en primeiro termo, a desembocadura do Xallas coa súa última volta e ao lonxe, o cabo Fisterra e a inmensidade do Atlántico.
La subida al mirador de O Ézaro es muy popular en el mundo ciclista. Valorada y temida por sus desniveles, que se acercan en algún tramo al 30%, su ascenso supone un auténtico reto para los aficionados. Diversos hitos a lo largo de la subida recuerdan los tiempos relativos que los ciclistas profesionales han realizado en el tránsito de la “Vuelta Ciclista a España”.
O cabo de Cee ou cabo de Corcubión é un saínte rochoso que delimita a enseada de Corcubión polo oeste e constitúe unha importante referencia para a navegación tanto polo seu faro como pola súa posición respecto aos illotes de Carrumeiro Chico e Carrumeiro Vello.
Malia a súa escasa entidade e baixa altitude, a súa posición ofrece vistas continuadas do litoral de Corcubión, Cee, Dumbría e Carnota e mesmo do sector norte das Rías Baixas. A proximidade ao monte Pindo garante unha perspectiva diferente deste espazo referencial.
O faro de Cabo C é coñecido por algúns como faro do cabo Cee e por outros como faro do cabo de Corcubión, parecendo o curioso nome actual un pacto de boa veciñanza entre ambas as dúas poboacións. A edificación é unha sinxela torre octogonal de cachotería cunha pequena vivenda anexa, de planta cadrada e catro augas, para o servizo do faro. Aprobado en 1847, non entrou en funcionamento até o 1860, sendo automatizado no 1934.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.