Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
A ruta entre cabos conecta os espazos naturais do extremo sur da ría de Pontevedra cos do extremo norte da ría de Vigo. O percorrido pola fachada continental atlántica da península do Morrazo non perde de vista o Parque Nacional das Illas Atlánticas. Entre medias un fantástico itinerario costeiro que inclúe a ría de Aldán e condensa os valores representativos das Rías Baixas: natureza, bo clima e praias.
O cabo Udra (Bueu) é un es pazo natural localizado no extremo sur da ría de Pontevedra, compartindo a entrada coa ría de Aldán e fronte á Illa de Ons. Polos seus valores naturais foi declarado Zona Especial de Conservación e forma parte da Rede Natura 2000, contando cunha Aula da Natureza.
Paisaxe costeira de rochedos, cantís e mato, ten relevancia tamén polo seu hábitat submarino. No alto conserva restos dun castro e, bordeando o cabo, existen recomendables praias e calas.
Partindo dese punto, o itinerario transcorre por zonas poboadas, na típica imaxe das Rías Baixas como lugar residencial. Entre plantacións forestais, chégase a Aldán (Cangas), terra de mariñeiros e padexeiros.
Aldán é unha pequena ría, que pasa desapercibida entre as de Pontevedra e Vigo. Mar produtivo, destaca polo mexillón e polas súas pequenas praias de augas transparentes.
Fronte ao desvío que leva ao porto de Aldán, unha masa de arboredo á esquerda pasa desapercibida para o viaxeiro. En realidade trátase do pouco coñecido parque da Finca do Frendoal, recinto de variada vexetación pertencente á Casa da Torre de Aldán, residencia dos Condes de Canalexas.
Denominado bosque encantado, o espazo conta con diversos elementos de interese como o Arco da Condesa ou do mouro, restos dun antigo acueduto de pedra.
O Hío ten como centro a súa igrexa co espectacular cruceiro que lle da sona. Dende este punto un desvío diríxenos cara a Costa da Vela, pasando preto de recomendables praias como Nerga ou Barra.
A chegada a Donón introdúcenos no último tramo do percorrido. O punto de referencia é A Buguina, fermosa escultura en forma de caramuxo obra de Lito Portela.
Marca o inicio do treito máis salvaxe da Costa da Vela. Dende este punto deixamos o asfalto e comeza un ancho camiño de terra en dirección aos cabos, elevado sobre os cantís. Pequenas calas ofrecen sendeiros revirados para baixar a elas.
No caso de contar con tempo recomendamos subir ao monte do Facho. O acceso, por unha vella calzada de pedra, leva a un auténtico miradoiro natural sobre as illas Cíes. Unha vella garita militar indica o valor estratéxico deste punto.
O Facho destaca tamén polo seu valor patrimonial, material e inmaterial. O asentamento castrexo compleméntase coa presenza dun santuario galaico-romano dedicado ao Deus celta Lar Berobeo, altar votivo no que se honraba á divindade. Atopáronse moitas aras votivas, colocándose varias copias no xacemento.
Lugar de poder telúrico, as lendas falan de rituais relixiosos e pagáns. As indescritibles postas de sol poden ter relación coa significación especial que este lugar tivo en diversos momentos históricos.
Cabo Home é lugar mítico das Rías Baixas. As Illas Cíes están máis próximas a este punto que a calquera outro. O seu faro álzase a modo de torre cilíndrica de cor branca, esvelta.
Moi preto, Punta Robaleira conta cun faro máis modesto, vermello e baixo. Pasando a praia de Melide aínda existe un terceiro faro, o de Punta Subrido.
Atlántico, cantís e fermosura.
A parroquia canguesa do Hío conta cun conxunto artístico relixioso de grande relevancia, conformado pola igrexa, a casa reitoral e o cruceiro. A igrexa de Santo André ten fábrica orixinal románica e data do século XII. A casa reitoral, de potente volumetría, conta con peche de cachotaría, ampla finca e pombal. Pero dende o punto de vista artístico, o elemento destacado é o cruceiro.
O cruceiro do Hío é atribuído a Xosé Cerviño, coñecido como Mestre Cerviño ou Pepe da Pena. Popular canteiro de Cotobade, enlaza coa grande escola pontevedresa do xénero, sendo o máis afamado de todos eles. En calquera caso, a autoría do cruceiro non está clara, se ben se sabe que foi realizado en 1872.
A posición no adro da igrexa outórgalle relevancia absoluta. De estilo barroco e realizado nunha soa talla granítica, conta con escalinata e fuste historiados e na cruz relátase o descendemento de Cristo.
Considerado como un dos máis relevantes cruceiros galegos, a visita ao Hío merece unha parada tranquila para contemplar esta fermosísima peza de delicada talla.
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.
Configuración de cookies
Pode empregar estes botóns para personalizar os servizos que desexa utilizar neste portal.
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.