Escenarios ao volante

Cunqueiro- bautizou a Galicia como “o país dos mil  ríos”.  D. Álvaro  non sabía o número exacto, nin o precisaba, porque o que realmente quería era falar da alma dun territorio no que a auga alimenta permanentemente os seus capilares. Un espazo privilexiado que enfeitiza dende a primeira ollada polo tapiz verde que o cobre.

En Galicia podemos subir ás montañas do macizo de Pena Trevinca que superan os 2000 metros, navegar polos canóns do  río Sil ou do río Miño,  perdernos  nas praias case desertas da Costa da Morte, de Ortegal ou da Mariña Lucense ou mesturarnos cunha natureza feraz percorrendo os bosques do Courel ou dos Ancares. Podemos sentarnos a sentir a vertixe de cantís case verticais que superan os 600 metros de altura de caída sobre o mar, ou acubillarnos en mornos vales; e aproveitar a riqueza pesqueira dunhas rías que acugulan os sentidos coa súa beleza.

Ante todo, e sobre todo, Galicia é paisaxe.

Unha paisaxe que expresa o vencello dos seus homes e mulleres coa terra, que conxuga o modelado natural co cincelado pousado das xeracións de persoas que a habitaron, e esculpiron nela as necesidades e realidades sociais de cada época. Os socalcos da Ribeira Sacra, os mosaicos de prados, as hortas traballadas habelenciosamente, as vilas e cidades, os  camiños  e  as estradas que percorren a súa xeografía…

Todo isto é paisaxe. Cada viaxe é un proceso único e persoal.

As sensacións que a cada un lle transmitan estas paisaxes serán tamén exclusivas. Por iso o propósito desta guía antóllase insuperable: escoller as 25 rutas polas mellores paisaxes de Galicia e sinalar os 50 miradoiros imprescindibles que ninguén se pode perder. Cantas versións diferentes habería que editar para atender a todas as opinións? Cantos miradoiros habería que sinalar para dar cabida a todos os puntos de vista?

Galicia é rica en paisaxe, e os percorridos que se marcan nesta publicación son unha invitación a desvelar os seus segredos.

As 25 rutas son un camiño iniciático a unha realidade complexa e viva, na que sempre haberá oportunidades para descubrir unha ruta número 26.

Arriba
Axúdanos a mellorar!