Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
O percorrido pola costa sur de Galicia, permite transitar por un tramo litoral único, sen as habituais rías, enseadas e recortes. A estrada que une Baiona e A Guarda é un dos itinerarios paisaxísticos máis fermosos da costa galega: unha longa beiramar rectilínea que descende de norte a sur coa compaña da sorprendente serra da Groba.
Baiona é a saída do percorrido. Vila mariñeira e turística, o seu bo clima e a protección na súa pequena enseada permitiu o establecemento da poboación dende antigo. Cunha coidada fronte litoral, o seu casco histórico foi declarado Conxunto Histórico-Artístico no ano 1993.
A fortaleza de Monterreal é o referente patrimonial da vila. A súa localización no monte Boi, unha pequena península a carón do porto, define o litoral baionés. A súa posición estratéxica foi relevante dende antigo, sendo recinto amurallado dende o século II a.C. Os Reis Católicos outorgaron Carta de Poboamento ao recinto, comezando un período de esplendor comercial que pouco a pouco foi perdendo importancia até ser deshabitada no século XIX.
O conxunto de Monterreal conta con diversos vestixios e edificacións, destacando as portas de acceso á fortificación e as torres (Porta do Sol, Príncipe, Tenaza e Reloxo) e o antigo Pazo de Elduayen do s.XIX foi amplamente modificado nos anos sesenta para albergar o actual Parador de Turismo.
Saíndo de Baiona a primeira parada é o cabo Silleiro, punto no que o litoral muda definitivamente a unha disposición norte-sur. Neste punto destaca a densidade de elementos de interese: baterías militares, miradoiros e faros.
O faro vello de Silleiro (1866), próximo ao mar e de escasa altitude, foi substituído polo chamado faro novo de Silleiro, torre octogonal a bandas brancas e vermellas que data do 1924. A contorna do cabo é espectacular: mar aberto, vistas ás Illas Cíes e un continuo rochedo que semella emerxer dende o mar até o curuto dos montes.
Dende Silleiro comeza a longa recta da costa sur. Co mar sempre á nosa dereita, a serra da Groba vai xurdindo con forza do noso lado esquerdo até acadar os 654 metros no Alto da Groba. O percorrido é un miradoiro continuo cara o azul infinito do mar e o verde da montaña. Por momentos non se sabe onde remata a terra e comeza ese mar que, nos días de vento chega a mollar a estrada.
Entre Mougás e Oia a serra dálle un respiro ao mar, deixando un espazo respecto á costa que é utilizado para o cultivo en pequenas e irregulares parcelas delimitadas con pedras e aproveitadas en pendente mediante algunha terraza.
A serra da Groba acompaña o noso percorrido pola costa sur dende cabo Silleiro até os arredores da Guarda. Montañas de base granítica, rochedos e matogueiras nos cumios e amplas extensións de piñeirais nas ladeiras.
A Groba é relevante en aproveitamentos forestais e gandeiros, sendo frecuente toparse con gando solto pastando polo monte ou transitando polas pistas forestais, tendo lugar numerosos curros durante o verán. Os curros son recintos no que se reúne aos cabalos ou para o cortado de crinas e o marcado nun ritual ancestral coñecido como Rapa das Bestas, nunha fermosa corpo a corpo entre o home e o animal.
Característica fundamental desta serra é a súa vertente oeste, que cae directamente cara o mar con fortes pendentes, o que orixina unhas extensas cuncas visuais que ofrecen grande amplitude de vistas sobre o mar.
Oia é un recuncho da costa. Núcleo pequeno adaptado á fronte litoral, ten rúas estreitas e un peirao ao pé do seu maxestoso mosteiro. O sol bate de fronte nas últimas horas da tarde e a fachada de Santa María resplandece.
A Guarda é o extremo suroeste de Galicia. Vila de cores e mar, as casas do porto manteñen a estrutura mariñeira pero gañaron en altura cos anos. O espírito mantense e consérvase a memoria. Un paseo marítimo e un gran espigón, que queda pequeno cando o Atlántico ruxe. A escuma amorease contra o muro do porto e sae voando. O mar polo aire da Guarda.
Santa Trega é un monte mítico.
Vixiando a vila da Guarda dende máis de 340 metros de altitude, érguese súbito e illado no vértice que xeran o océano Atlántico e o río Miño, na súa desembocadura. Punto estratéxico ocupado dende antigo, os diversos vestixios amosan a antiga relevancia do lugar: dende os petróglifos, até a ermida de Santa Trega que lle dá nome pasando polo castro, un dos máis visitados de Galicia.
A Citania de Santa Trega é un gran xacemento arqueolóxico da cultura castrexa, que alcanza o seu maior apoxeo no século I a.C. As numerosas edificacións amosan a magnitude que o poboado alcanzou, pola súa posición estratéxica e relevancia económica, predominando as construcións circulares pero deixándose sentir a influenza romana coa presenza doutras de planta rectangular e nas murallas defensivas. O castro foi declarado Monumento Histórico-Artístico no ano 1931 e é tamén Ben de Interese Cultural.
No alto do monte a paisaxe emociona con 360 grados de vistas panorámicas: ao norte A Guarda e a serra da Groba, ao leste o Baixo Miño, ao sur Portugal e ao oeste o Atlántico, inmenso.
As milenarias pedras do castro contemplan o xogo de luces e as cores xeradas polo solpor no monte de Santa Trega.
Miradoiro privilexiado, a presenza do río Miño fundíndose na inmensidade do Atlántico, a cabalo entre dous países, xunto coa grande amplitude de vistas dende o alto do monte converte ao luscofusco (momento final do día no que os elementos se perciben como sombras) nunha fastosa experiencia.
O mosteiro de Santa María de Oia é un vello cenobio de orixe incerta. Podería ser unha fundación antiga por parte de San Martiño de Dumio, evanxelizador cristián e bispo de Braga que é considerado o apóstolo dos suevos no século VI.
Mosteiro bieito, no século XII pasa a mans da orde do Císter. Comunidade asentada en terra afastada e pouco desenvolvida, a actividade do mosteiro foi mudando a paisaxe e a economía da contorna coa introdución de cultivos e especies gandeiras (a vide e os cabalos no Baixo Miño son atribuídos a eles).
Dende o punto de vista arquitectónico a igrexa medieval destaca sobre o resto do conxunto. Nun emprazamento único, perfectamente integrado na paisaxe costeira de Oia, a fachada mira ao mar nun caso singular entre os mosteiros do Císter. Os restos dun vello peirao confirman a vocación marítima e pesqueira dos monxes.
Declarado Monumento Nacional (Ben de Interese Cultural, na actualidade) no ano 1931, agarda unha necesaria intervención que lle restitúa toda a súa beleza.
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.
Configuración de cookies
Pode empregar estes botóns para personalizar os servizos que desexa utilizar neste portal.
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.