Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

MAR INIFINITO

Do faro de Laxe á punta do Roncudo... mareas vivas na ría de Corme e Laxe
Campana de Anllóns,
Noites de lunar,
Luna que te pós,
Detrás do pinar
Campana de Anllóns (Eduardo Pondal, poeta de Ponteceso)

Laxe e Corme míranse na distancia, sabedores de que son dúas caras da mesma moeda. Este percorrido une por terra o que separa o mar. Co esteiro do río Anllóns como punto intermedio e o monte Branco como continua referencia visual, o percorrido entre os faros de Laxe e o Roncudo permitiranos gozar de diversas perspectivas dunha ría pequena en tamaño pero grande en fermosura.

Descarga a ruta
Faro e vila de Laxe

A ría de Corme e Laxe é unha das pequenas rías centrais galegas. En plena Costa da Morte, a forza do mar marca a vida na terra, estando sempre presente o carácter mariñeiro de vilas e xentes.

Laxe e o seu faro son o punto inicial do percorrido. Situado no monte da Insua, na parte traseira da vila, o faro domina unha ampla perspectiva coa enseada de Laxe por un lado e a enseada Baleeira polo outro. Nesta última localízase a curiosa e delicada praia dos Cristais, na que a area foi substituída por desgastados vidros de enigmática procedencia.

Laxe conta cunha gran praia, un activo porto e diversas xoias arquitectónicas como a igrexa de Santa María da Atalaia (século XV) ou a Casa do Arco (século XV), famosa pola súa aparición na popular serie televisiva galega Mareas Vivas, cuxa acción transcorría nun imaxinario Portozás.

De Laxe a Ponteceso
Pondal

Saíndo en dirección a Ponteceso, pasamos a carón de diversas praias de mar batido até chegar ás Grelas, onde a enseada de Lodeiro ofrece as primeiras vistas do monte Branco.

O percorrido chega a Ponteceso, presidido pola ponte sobre o río Anllóns e a casa natal de Eduardo Pondal. O amplo esteiro do río configura un espazo natural de singular relevancia para a fauna mariña e as aves, conformado por dunas, lamazais e a foz do río. O itinerario transcorre en paralelo á xunqueira na procura do desvío cara o monte Branco, de amplas vistas.

De Ponteceso a Corme

De volta á estrada principal procuramos Corme Aldea, descritivo topónimo que diferencia este núcleo de Corme Porto e serve á vez para manifestar a dobre vocación, labrega e mariñeira, destas terras.

Corme é unha vila que mira ao mar. Afastada, en pleno litoral da Costa da Morte, máis alá só queda a punta do Roncudo… e a inmensidade do océano.

O porto de Corme
Roncudo

O porto é o epicentro da vila, abre o camiño cara ao faro, con continuas vistas sobre o mar. Lugar mítico da costa galega, a punta do Roncudo é famosa pola calidade e abundancia dos seus deliciosos percebes.

O faro do Roncudo é o punto final do percorrido. Construído no 1920, trátase dunha sinxela edificación asentada nos rochedos graníticos no medio dunha paisaxe modelada por ventos e auga que reflexa a fereza da Costa da Morte.

Non te podes perder

Miradoiro do Monte Branco

O monte Branco é unha elevación que destaca pola presenza dunha gran duna. Este sistema areoso dálle unha textura e unha cor moi característica que leva á súa denominación. A desembocadura do río Anllóns e a forza das mareas xeran un sistema de arrastres e asentamento dos sedimentos que orixinan a praia de Barra, unha alongada lingua de area fina. A forza do vento despraza a parte da area pola ladeira do monte creando unha duna remontante que vai dende a auga até unha cota superior aos 100 metros.

No punto máis alto do monte Branco, no Alto das Travesas (182 m) sitúanse antenas de comunicación. Un pouco máis abaixo, un miradoiro habilitado permite gozar das vistas e da tranquilidade desta contorna. Dende o monte Branco hai boas perspectivas: da desembocadura do Anllóns e da zona húmida cara ao leste; de grande parte de Cabana de Bergantiños cara ao sueste; a praia de Barra en primeiro termo cara ao sur, a illa da Tiñosa con augas cristalinas cara ao suroeste; e a amplitude da ría de Corme e Laxe cara ao oeste.

A beleza da Costa da Morte pode ser contemplada dende esta atalaia que constitúe, á súa vez, un fito paisaxístico referencial na comarca.

Arriba