Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
Cantís, espiritualidade, néboa, serras… o percorrido entre Cedeira e cabo Ortegal condensa, en pouco máis de 20 quilómetros, todo un amplo mostrario dos valores paisaxísticos e etnográficos da costa galega. Un itinerario que, en moitos dos seus tramos, é un miradoiro continuo sobre o océano Atlántico, transitando por algúns dos cantís de maior altitude da Europa continental.
Cedeira, vila mariñeira que lle da nome a unha agarimosa ría, é o punto de partida desta viaxe por algúns dos miradoiros máis espectaculares da costa norte da provincia da Coruña.
O estreito rueiro do casco antigo convida ao paseo a pé. Partindo da Praza do Peixe percórrense as paisaxes urbanas de Cedeira, na procura da estrada que nos conducirá cara a Santo André de Teixido.
Os primeiros quilómetros transcorren polo coidado val do río Condomiñas, bo exemplo das tradicionais veigas produtivas galegas. Supera do o val, comézase un ascenso no que a paisaxe vai mudando paseniño, deixando atrás aldeas e cultivos.
A proximidade á serra da Capelada déixase notar nas pendentes da estrada e nas extensas superficies de arboredos. A presenza de gando debe ser tida en conta, especialmente pola existencia de pasos canadenses que evitan o tránsito dos animais.
O miradoiro de Chao do Monte supón unha inflexión no itinerario. Coas primeiras vistas da aldea de Teixido, o percorrido ábrese definitivamente ante o Atlántico, permitindo dende este punto continuas vistas sobre o mar.
A chegada a Teixido permite rememorar os vellos camiños dos romeiros que transitan cara ao santuario de Santo André (peregrinacións documentadas dende o século IV , acompañado de cruceiros e amilladoiros que marcan as interseccións.
Tamén é coñecido como Santo André de Lonxe pola súa localización afastada e solitaria entre serras e cantís. Lugar de devoción e mestura de tradicións relixiosas e pagás, hai que ser especialmente coidadoso cos animais que transitan polos camiños dado que, segundo a tradición, representan as ánimas daqueles que non acudiron en vida a visitar ao apóstolo Santo André, tal e como reza o dito: "A Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo ".
A serra da Capelada ofrece unha paisaxe propia dun ámbito de montaña: matogueiras, rochedos, piñeirais… A proximidade do borde litoral ofrece contrastes únicos e permite vistas panorámicas de 360 graos: a inmensidade do Atlántico por un lado e o fondo escénico da serra polo outro.
No descenso cara a cabo Ortegal os miradoiros sucédense a ambas beiras da estrada alternando vistas cara ao mar aberto ou cara a ría de Ortigueira e a vila de Cariño.
Cariño semella unha vila de agarimoso nome, pero os estudos filolóxicos revelan unha realidade diferente. Numerosos topónimos de orixe prerromana inclúen a voz “carn“ ou “corn-“ que significa pedra. Así sucede en diversos exemplos ao longo da xeografía europea: Cornualles, Cárpatos, Candán … sendo Cariño unha denominación vinculada aos rochedos da serra da Capelada e os cantís mariños.
O complexo litolóxico de cabo Ortegal configura unha contorna espectacular coroada pola presenza do faro a 125 metros sobre o mar.
Dende a base do faro apréciase a monumentalidade dos cantís do Limo cara ao oeste e os illotes coñecidos como Os Aguillóns cara ao leste, parecendo alongar o cabo sobre o océano e marcando a simbólica divisoria de augas entre o océano Atlántico e o mar Cantábrico. Dende Ortegal, tamén cara ao leste, ao lonxe, divísase Estaca de Bares, punto máis setentrional da Península Ibérica: o norte do norte.
O Monte Herbeira (615 m) é o punto de maior altitude da serra da Capelada e do concello de Cedeira. A matriz paisaxística que conforma este espazo ten na configuración morfolóxica a base da súa singularidade.
Cos seus máis de 600 metros de altitude, Herbeira conforma un cantil de caída libre cara ao mar con fortes pendentes que superan o 80% de desnivel, sendo un dos máis relevantes do litoral continental europeo. Esta disposición permite a observación da liña litoral como se dun corte xeolóxico se tratase. O interese xeomorfolóxico da contorna é máximo. Os potentes cantís emerxen do mar conformados por rochas que hai millóns de anos se agochaban a máis de 70 quilómetros de profundidade e que xurdiron pola colisión de dous supercontinentes.
A forza do vento nesta contorna é aproveitada polos muíños eólicos que conviven co gando e coas frecuentes frontes que baten contra a serra. Os valores de uso conviven cos valores paisaxísticos; polas amplas vistas, converteuse no lugar idóneo para o establecemento dun posto de vixía marítima, a Garita de Herbeira, orixinaria do século XVIII pero con obra actual do 1805.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.