Visualizacion: intro
Plantilla: miradoiros

MAR INFINITO

De Ribadeo ao Pico da Frouxeira... polas catedrais do Cantábrico

A Ribadeo, a Ribadeo, que alí tamén fun eu.

Cando o Mondigo pon o capelo, todas as vellas tembran de medo.

O litoral de Ribadeo e Barreiros é a liña principal deste itinerario que transcorre entre suaves areais e cantís de formas caprichosas. Pero a beleza da costa non é o único valor deste percorrido, xa que conta ademais cun rico patrimonio e a presenza de vilas senlleiras como Rinlo e Ribadeo.

Descarga a ruta
A Mariña oriental
Ornitoloxia

A Mariña Oriental de Lugo conta cun dos litorais máis singulares de Galicia. A ampla chaira costeira configura un espazo no que se asentan aldeas e vilas, campos de cultivo e montes. As amplas vistas ao mar Cantábrico mostran unha sucesión de areais, tendo na praia das Catedrais o seu  principal  referente.

Cos pés en Galicia pero a mirada en Asturias, Ribadeo sitúase na marxe esquerda da ría de mesmo nome. O río Eo fai de límite entre as dúas comunidades, unidas simbólica e fisicamente pola Ponte dos Santos. Moderna e funcional, a ponte une as ribeiras dende 1987, contando con senllas capelas en cada extremo (San Román en Castropol, San Miguel en Ribadeo) que explican a súa denominación.  

Vila de Ribadeo

Ribadeo é vila relevante. A herdanza indiana exprésase a través dunha singular e senlleira arquitectura fortemente influenciada pola emigración galega en América durante os séculos XIX e XX. A Torre dos Moreno (1915) é un dos máximos expoñentes deste intercambio cultural.

O itinerario está en contacto co mar dende o punto de inicio no Peirao de Porcillán, a carón do porto deportivo de Ribadeo. Tras pasar por baixo da Ponte do Santos, a denominada Estrada do Faro lévanos, ao pouco cara a primeira parada obrigada: o Castelo de San Damián e o Cargadoiro. O primeiro é un forte do século XVIII que protexía a ría de Ribadeo, declarado Ben de Interese Cultural  no ano 1994. O segundo é un antigo cargadoiro de minerais creado a comezos do século XX para darlle saída ao ferro das minas de Vilaodriz, unidas por tren co peirao.

De Ribadeo á Illa Pancha

Seguindo a costa, un curto desvío leva cara o vello faro de Illa Pancha, edificado no 1857.

Lugar delicioso, a pequena illa é bañada polas augas azul turquesa do mar Cantábrico en contraste coas vivas cores das matogueiras costeiras e os cantís.

Da Illa Pancha a Rinlo

O percorrido prosegue entre os campos da chaira litoral até chegar a Rinlo, un dos núcleos de poboación senlleiros da costa galega.

De Rinlo á praia das Catedrais
Augasantas

Seguindo a rentes do mar achegámonos ás praias de: Os  Castros, As Illas, Esteiro… que deixan paso á máis coñecida de todas elas, As Catedrais, cos seus famosos arcos de pedra.

A sucesión de praias prosegue por terras de Barreiros: Arealonga, Lángara, Benquerencia, Remior, etc. Entre medias un interesante legado patrimonial con xacementos arqueolóxicos como o da Punta do Castro ou a tumba medieval antropomorfa da praia do Coto.

Da praia das Catedrais ao Pico da Frouxeira

O treito final, xa no concello de Foz, lévanos polo esteiro do río Masma, desviándose cara ao punto de des- tino, o prominente pico da Frouxeira.

Neste rochedo de 427 metros de altitude erguíase unha fortaleza baixomedieval que posiblemente pertenceu a Pardo de Cela, mariscal galego do século XV enfrontado aos Reis Católicos. As estruturas da construción son o único vestixio da fortaleza, que contaba cunha ampla vista da ría de Foz e das terras interiores de Alfoz e O Valadouro.

Non te podes perder

Rinlo

Rinlo conserva todo o encanto mariñeiro dunha poboación que parece detida no tempo. As súas construcións fóronse acomodando sobre os cantís costeiros nunha sucesión de vivendas encaramadas ao mar, sustento da vida dos seus habitantes.

A pequena enseada onde se atopa serviu de refuxio natural aos pescadores, mesmo dende o tempo no que se capturaban baleas. A trama tradicional do núcleo permanece inalterada, con pequenos calexos irregulares que puntualmente se abren cara o mar. A paisaxe conserva o seu patrón con pequenas parcelas de cultivo que complementan a actividade mariñeira.

Perfectamente encastadas, as casas de Rinlo coidan unhas das outras fronte aos temporais e configuran unha estampa singular cos seus tellados de lousa a dúas augas e a súa pulcritude de formas. As históricas cetarias, próximas á vila e construídas a inicios do século XX, son a base da tradición gastronómica da vila, nomeadamente o arroz caldoso con lumbrigante.

Arriba