Sinala a data no teu calendario!

O día 5 de setembro haberá unha posibilidade única de admirar a variedade e a autenticidade dos Entroidos Tradicionais de Galicia. A cita é a partir do mediodía na Praza do Obradoiro para continuar polas principais rúas e prazas do centro histórico de Santiago de Compostela.

Sen ter que esperar as datas do Entroido do próximo ano e sen ter que viaxar ata cada un dos concellos participantes. Unha ocasión excelente para poder gozar de cinco dos Entroidos declarados Festa de Interese Turístico (Cobres, Verín, Viana do Bolo, Xinzo de Limia e Xenerais da Ulla) e outros quince entroidos convidados dentro dos moitos entroidos que enriquecen a memoria de Galicia e forman parte do noso patrimonio, que nesta edición serán O Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada), Vellaróns de Riós, Bonitas de Sande (Cartelle), Galos da Mezquita (A Merca), Entroido de Samede (Paderne), Entroido de Lobios, Felos e Madamas de Esgos, Mudados de Ribadetea (Ponteareas), Fulión de Buxán e Touro de Celavente (O Bolo), Madamitas e Madamitos de Entrimo, Entroido de Mugares (Toén), os Peliqueiros e Parrafóns de Campobecerros (Castrelo do Val), os Cabreiros de Muiños e Entroido de Salceda de Caselas.

Unha oportunidade única para ver os mellores Entroidos de Galicia ao mesmo tempo e no mesmo lugar. Todos xuntos e desfilando polo incomparable centro histórico de Santiago de Compostela.

O punto de partida é a Praza do Obradoiro. Nesta praza e desde as 10.30 horas, Dj Mil e a Banda do Beat ambientará a espera cunha mestura de musica tradicional galega e novos sons da World Music.

A hora de comezo do desfile é ás doce e media, para desde a Praza do Obradoiro percorrer a rúa de Fonseca, rúa do Vilar, Praza e Cantón do Toural, rúas Nova e de Xelmírez, Cinco Rúas, rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, rúa da Acibechería, Praza da Inmaculada e finalizar de novo na Praza do Obradoiro.

Lembra a túa cita: a mellor oportunidade para coñecer cigarróns, peliqueiros, volantes, xenerais, pantallas, boteiros, felos, bonitas, galos, madamas e galáns, e outros personaxes do Entroido que nos farán gozar dunha xornada chea de cor, música e diversión.

Arriba