En novembro os bosques e as campiñas ofrecen toda unha paleta de ocres e amarelos: é o traxe de gala co que o outono dá a benvida a un bo números de especies invernantes procedentes do norte. O litoral tamén se inza destes novos visitantes: diversas especies de aves mariñas e acuáticas chegan ás nosas costas en novembro brindándonos a ocasión de realizar interesantes observacións. 

Unha vez máis, o noso destino principal vai ser o litoral

Nas zonas húmidas imos ver que ademais de limícolas, garzas e gaivotas, a medida que se achega o inverno gaña en importancia un novo grupo: os anátidos. Aos habituais lavancos súmanse as pequenas e veloces cercetas e os patos rabilongos, asubiadores comúns, chupóns, cristados e bastardos. Para observalos, son lugares excelentes as rías de Ribadeo e Foz, a de Ortigueira, a lagoa de Valdoviño en Ferrolterra, O Grove, a Ría de Vigo e A Guarda.

Pilro tridáctilo (Calidris alba)
Pica dos prados (Anthus pratensis)
Virapedras (Arenaria interpres)
Carrán cristado (Thalasseus sandvicensis)
As aves acuáticas invernantes tamén comezan a asentarse nas zonas húmidas interiores

No intervalo duns poucos días, na lagoa de Cospeito e noutras zonas húmidas da Terra Chá podemos comprobar como se incrementan as cifras de patos e en especial de cercetas comúns. Outro bo punto de observación que non debemos desprezar son os encoros de Abegondo-Cecebre, da Fervenza e Baíñas e Vilagudín e Vilasenín.
 

O paso de aves mariñas en migración fronte aos cabos aínda é moi importante

De novo, Estaca de Bares, a punta do Roncudo na Costa da Morte e o Cabo Silleiro bríndannos excelentes oportunidades para observar centos de mascatos, pardelas encapuchadas, palleiras grandes, pentumeiros, carráns comúns e árticos, gaivotas tridáctilas, carolos e araos.

Tamén na costa imos ter a oportunidade de atopar aves terrestres menos frecuentes acabadas de chegar a Galicia, como a escribenta das neves e o esmerillón, unha diminuta ave rapaz con querenza polos espazos abertos. Cómpre estarmos atentos ás dunas, ás praias e ás áreas despexadas no litoral. Hai tramos da Costa da Morte, como o que vai do cabo Vilán á lagoa de Traba, que nunca decepcionan.

Certas especies, aínda sendo menos frecuentes, parece que incrementan a súa presenza neste mes respecto aos últimos anos

Un exemplo é o picafollas bilistado. Habemos atopar esta ave nunha gran variedade de lugares, pero a contorna da praia de Mar de Fóra, nas proximidades de Fisterra, en plena Costa da Morte, é o mellor.

No interior, a opción preferente para este mes é acudir ás áreas de campiña en busca de tordos reais, rubios e comúns, así como de pimpíns do norte. Na contorna dos ríos, nos bosques de ribeira poderemos atopar tamén os primeiros grupos de úbalos.

Non podes perder

Nov
Arriba