IGREXA DE SAN MAMEDE DE GROU

Relixioso
1255

Localización

Parroquia: Grou (San Mamede)

32892  Lobios - Ourense

Coordenadas:
41º 57' 07.9" N - 8º 03' 51.0" W

Descrición

A construción da igrexa parroquial data de 1729, sendo un bo exemplar do barroco rural, con planta de cruz latina. A fachada é o máis destacado, concentrando a ornamentación no eixe central. Portada con marcos de orelleiras, sobre a clave motivo sogueado, e enriba fornela avieirada, decorada con ovas, contendo no seu interior o talle pétreo do titular. A espadaña, de esvelta traza, consta de dous corpos decrecentes.
A abundancia de retablos proporciona a riqueza da imaxinaría do templo. O maior, de dous corpos e tres rúas con columnas corintias, presenta a inscrición "ESTA OBRA SE DOURO SENDO ABADE DON MANUEL ANTONIO BOYLES ANO DE 1772". Ocupan os seus ocos o sagrario a xeito de tabernáculo, Santa Eufemia, e Santa Teresa; no corpo superior, San Mamede, entre San Roque e o Anxo da Garda; no ático o Padre Eterno.
No muro do Evanxeo, retablo dun corpo con cornixa de perfil mixtilíneo, enmarcado por columnas salomónicas, e estípites nos extremos. Está presidido por Cristo na cruz, sobre fondo de pintura de Xerusalén. No muro da Epístola, retablo rococó dunha altura, organizado por columnas, decoradas con teas colgantes no primeiro terzo do fuste, e o resto con rocallas.

Acceso

Pasados 150 m do punto quilométrico 62 da OU-540 desviarnos á dereita dirección Grou (estrada OU-1212) Ós 650 m xiramos á esquerda. 700 m despois xiramos á dereita para continuar 3 quilómetros e 400 m ata chegar ó lugar de O Cruceiro.
Arriba
Axúdanos a mellorar!