En Foz, antigo porto baleeiro, o mar transfórmase en praia: A Rapadoira, Llas, Peizás, Arealonga... Preto de 15 km de praias de finísima e branca area balizan esta ría. Nas súas marismas acubíllase unha das maiores colonias de aves acuáticas do noroeste, vixiadas desde as alturas por gaivotas, pardelas e mascatos dos cantís veciños. A Ría de Foz é un paraíso natural non só para as aves, senón tamén para os amantes dos deportes náuticos: surf, windsurf, kite, piragüismo, vela.