Protexida do océano polas illas Cíes, a ría de Vigo ábrese ao norte en Cabo Home e ao sur en Cabo Silleiro. Esta é a ría dos tesouros, porque aquí, na marabillosa enseada de San Simón, hai ducias de galeóns afundidos cargados co ouro das Américas. Ademais, a ría encerra algunhas das mellores praias de Galicia: Barra e Nerga en Cangas, Samil e O Vao en Vigo, Praia América en Nigrán... E tamén a que para moitos é a mellor praia do mundo, a de Rodas nas illas Cíes.