O xeodestino Ribeira Sacra abrangue os concellos de A Peroxa, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, A Teixeira, Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, O Saviñao, Pantón, Parada de Sil, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, Sober, Taboada e Xunqueira de Espadanedo.
Facendo de Ourense e Lugo un único reino, as augas do Sil e do Miño corren a se atopar creando un contorno divino, a Ribeira Sacra. Un lugar tocado polo ceo. Paraxes impoñentes como os canóns do Sil, que son navegables, e paisaxes que albergan unha das maiores concentracións de Europa de igrexas e mosteiros medievais. Algúns tan impresionantes como o de Santo Estevo de Ribas de Sil, construído nunha ladeira e arrodeado de frondosos bosques. Ou o de Montederramo, de dimensións colosais. Ou o de Ferreira de Pantón, habitado por monxas desde o século XII. Ou, escavado na roca, San Pedro de Rocas, o máis antigo de Galicia.