Non lonxe de Pontevedra e aínda máis preto de Lalín e A Estrada, érguese ante nós a Serra do Candán, que supera os 1000 metros de altura. Nas súas amplas zonas de campos e matogueira podemos gozar dunha selección de aves escasas noutros puntos de Galicia, como a gatafornela. Nas súas aínda extensas carballeiras é fácil atopar moitas aves forestais.

Unhas montañas sorprendentes

Trátase dunha ampla área da zona centro-suroeste de Galicia, que inclúe parte das serras do Cando e O Candán, así como o ramal montañoso das Brañas do Xestoso. Ao longo das dúas serras, de altitude media, esténdense grandes áreas de matogueira e praderías xunto con carballeiras

Os roteiros

Roteiro en coche: O Irixo - Pena Pixín

MELLOR ÉPOCA

Primavera

DISTANCIA

27 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Forcarei, Lalín, O Irixo

PERCORRIDO

O Irixo - Zobra - Pena Pixín

Puntos clave da ruta

  1. O camiño iníciase observando o gabeador azul e o estorniño negro na poboación do Irixo (1).
  2. Desde alí subimos ata A Ermida (2) para localizar o picafollas ibérico e a escribenta riscada.
  3. Máis arriba, en Campo da Cruz (3), veremos a perdiz rubia e o pedreiro cincento en migración.
  4. A continuación tomamos un camiño á esquerda cara a Zobra para avistar o miñato abelleiro común e a aguia cobreira. En Zobra escollemos o camiño cara a Portela e A Trigueira (4), coa intención de tratar de observar a papuxa do mato e a folosa políglota.
  5. Antes da Trigueira tomamos o camiño do parque eólico (5), que imos percorrer ata o seu extremo sur en Pena Pixín (6), enxergando a gatafornela, a tartaraña cincenta e a aguia cobreira.

Roteiro en coche: Cerdedo - Lagoa Sacra de Olives

MELLOR ÉPOCA

De novembro a xuño

DISTANCIA

23 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cerdedo, Forcarei, Silleda

PERCORRIDO

Cerdedo - Lagoa Sacra de Olives

Puntos clave da ruta:

  1. O itinerario comeza na localidade de Cerdedo (1), onde é posible ver estorniños negros.
  2. Prosegue pola estrada ata Folgoso (2). Neste traxecto rexistraremos o gabeador azul e o picafollas ibérico.
  3. Tras pasar por Cachafeiro (3) e apuntar o picanzo vermello e a escribenta riscada, chegamos a Aciveiro (4), onde se localizan a perdiz rubia, o picanzo vermello e a escribenta amarela.
  4. Tomando á esquerda o desvío a Pereira e á Graña de Umia (5), veremos perdices rubias e folosas políglotas.
  5. Seguindo cara a Xestoso (6), anótanse un bo número de lavercas comúns nos campos, preludio do Coto do Espiño, ao que se accede desde o mesmo Xestoso para ver o rabirrubio común e o estorniño negro.
  6. No Coto (7) encóntrase a Lagoa Sacra de Olives, onde, con algo de sorte, teremos a oportunidade de ver a gatafornela, o esmerillón e a curuxa das xunqueiras e, nos pasos migratorios, limícolas como a píldora dourada e diversos paseriformes.

Roteiro a pé ou en bici: Campos de Forcarei

MELLOR ÉPOCA

Entre agosto e decembro

DURACIÓN

2-3 horas a pé e 1-2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Forcarei

PERCORRIDO

Campos de Forcarei

Puntos clave da ruta:

  1. Interesante percorrido circular, sobre todo se queremos observar aves de medios agrícolas. Iníciase en Dúas Igrexas (1), onde se pode observar o moucho pequeno e o estorniño negro.
  2. A continuación, tomaremos a EP-7201. Ao pasar por Quintelas (2) será posible atopar o picafollas ibérico e o cardeal común.
  3. Nos campos abertos de Capeludos e Pena Queixeira (3) poderemos observar grupos de lavercas.
  4. Máis adiante, tomamos á dereita cara á Pereira e a ponte vella de Andón (4). Alí veremos a lavandeira real e o merlo rieiro. Ao chegar a Andón enlazamos coa PO-534 a través dunha zona tamén aberta na que se localiza picanzo vermello e escribenta riscada. No km 27 desta estrada tomamos á dereita cara á Costiña para regresar a Dúas Igrexas.
As aves

No Candán sorprenderannos en primavera as aves rapaces, como a gatafornela, a tartaraña cincenta, o miñato abelleiro común e a aguia cobreira. Tamén farán acto de presenza a escribenta amarela, o picanzo vermello e o cardeal común. Con máis sorte, veremos aves máis escasas ou irregulares no contexto galego, como a curuxa das xunqueiras, o sisón dos nabos e mesmo o bufo real. En inverno, sorprenderannos os grupos de lavercas e as píldora douradas. Por último, cun pouco de sorte, talvez gocemos dun lance de caza do esmerillón.

Consellos e recursos
  • Evitar pasear durante os días de xeada polo parque eólico, xa que existe risco de caída de placas de xeo das aspas.

  • Prestar especial atención a zonas lamacentas altas: en abril e maio pode localizarse o merlo papobranco e, en agosto e setembro, a píllara rubia e a lavandeira amarela.

Arriba