Esta zona do extremo suroriental galego, na fronteira con Portugal e Castela e León, presenta un atractivo ornitolóxico de primeira orde. Debe o seu nome ao clima, en xeral moi rigoroso en inverno, con constantes xeadas e baixas temperaturas prolongadas. É fogar de aves tan interesantes como a aguia real e dunha enorme diversidade de paxaros en primavera

Aves mediterráneas nos confíns surorientais de Galicia

Área de perfil sinuoso e elevada altitude media, coroada polo Aguallal a 1.665 m. A zona oriental presenta cumios con grandes extensións de matogueira, con piñeirais nas ladeiras. Na zona centro e sur hai poboacións rodeadas de zonas de cultivo, espazos de matogueira aínda extensos e manchas de cerquiños e piñeiros. A zona dos Chaos do Tameirón presenta áreas de herbeiras naturais.

Os roteiros

Roteiro en coche (ruta longa): Herosa - Paso fronteirizo de Manzalvos

MELLOR ÉPOCA

De marzo a xullo

DISTANCIA

35 Km

DURACIÓN

3 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Gudiña, A Mezquita

PERCORRIDO

Herosa - O Pereiro - Paso fronteirizo de Manzalvos

Puntos clave da ruta

  1. Partindo da aldea de Herosa (1), onde poderemos avistar estorniños negros e escribentas riscadas, enlazamos coa N-525 antes do acceso a Pentes e Barxa. Avanzando en dirección á Gudiña, atravesamos zonas de matogueira laxa (2), con presenza de cotovía pequena e papuxa carrasqueira. Nos pequenos parches de piñeiros nidifican o picafollas de Bonelli e puntualmente o bufo pequeno.
  2. Antes de entrar na Gudiña (3), prestaremos atención aos bandos de pombo torcaz, xa que é posible localizar algún pombo pequeno.
  3. Logo de atravesar A Gudiña e seguir a N-525, chegamos ao Canizo (4), onde anotaremos o lagarteiro común e o picanzo real.
  4. Saíndo en dirección ao Pereiro (6), cruzaremos unha interesantísima área case esteparia (5), na que veremos millafres negros e tartarañas cincentas. Nesta zona existen tamén rexistros ocasionais de millafre real entre outubro e marzo.
  5. Xa no Pereiro (6), tomaremos a ruta en dirección á Mezquita. No río aínda se pode observar o abellaruco e a andoriña das barreiras. Máis adiante, en zona de matogueira, crían a papuxa carrasqueira e a escribenta riscada.
  6. Na Mezquita (7) nidifica unha parella de cegoña branca. Seguindo cara a Cádavos, pasaremos ao lado do val do arroio das Veigas, onde anotaremos o miñato abelleiro común e o abellaruco.
  7. Na aldea de Cádavos (8) crían o gabeador azul e o rabirrubio de testa branca. Máis ao sur, en Manzalvos, existe a posibilidade de ver pombos pequenos e bubelas.
  8. Finalmente, na zona da antiga alfándega de Manzalvos, localízanse perdices rubias e constatouse a presenza ocasional de millafres reais.

Roteiro en coche: Chaguazoso - Portela da Canda

MELLOR ÉPOCA

De marzo a xullo

DISTANCIA

25 Km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Gudiña, A Mezquita

PERCORRIDO

Mezquita - A Vilavella - Portela da Canda

Puntos clave da ruta:

  1. A ruta iníciase en Chaguazoso (1), onde é posible observar estorniños negros. Alí tomamos a estrada cara á Esculqueira. No primeiro treito (2), con algunhas árbores dispersas, obsérvase habitualmente a cotovía pequena e o lagarteiro común. A poucos quilómetros, ábrese unha zona con rochas e matogueira baixa de grande interese para localizar tartarañas cincentas e merlos rubios. Antes de chegar á Esculqueira, á man esquerda (3), as plantacións de piñeiros acollen picafollas de Bonelli e cruzabico común.
  2. Tras atravesar A Esculqueira cara ao norte, observamos á dereita as plantacións de lamigueiros negros (4) que acollen picafollas ibéricos e ouriolos. Seguindo pola OU-0906, cruzamos unha excepcional zona case esteparia (5) onde é posible albiscar a tartaraña cincenta e o picanzo real.
  3. Tomamos o desvío á esquerda cara ao Tameirón e, ao chegar a unha zona de coído que rodea a estrada (6), anotaremos a pica campestre e o pedreiro cincento.
  4. Logo tomamos a ruta ata o cruce ao leste do Canizo (7). Alí é posible realizar avistamentos de tartaraña cincenta e papuxa carrasqueira.
  5. Unha vez na N-525, seguimos á dereita atravesando O Pereiro, achegándonos á Vilavella e á Canda. Neste núcleo, desviámonos cara á dereita subindo por un dos camiños que chegan á zona alta do monte de Portela (8), cuberto por densas masas de piñeiros silvestres. Nesta zona é posible localizar o cruzabico común, e existen rexistros de estreliña riscada e verderolo serrano. A aba sur da montaña (9) ten unhas masas de piornos e xestas. Alí é posible realizar interesantes observacións de rousinol papoazul en época de cría.

Roteiro a pé ou en bici: Pentes - Fronteira portuguesa

MELLOR ÉPOCA

De marzo a xullo

DURACIÓN

3-4 horas a pé e 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

A Gudiña

PERCORRIDO

Pentes - Muíño do Rigueiro da Ribeira - Barxa - Fronteira portuguesa

Puntos clave da ruta:

  1. A ruta parte desde a aldea de Pentes (1), onde é posible observar picafollas ibéricos e gabeadores comúns. Seguimos a estrada cara a Barxa, discorrendo por zonas don ampla cobertura de matogueira (2), na que se rexistra a perdiz rubia e a escribenta riscada.
  2. O val do Rigueiro da Ribeira (3) é unha boa localidade para a observación do abelleiro común e o abellaruco.
  3. A poucos quilómetros, cando o camiño comeza a descender e se empeza a enxergar Barxa, ábrese á esquerda un camiño sen asfaltar. Tomaremos este camiño durante uns 100 m para chegar ao muíño do Rigueiro (4). Este lugar é idóneo para localizar merlos rieiros e papuxas carrasqueiras.
  4. Descendendo cara á localidade de Barxa (5) podemos albiscar petos formigueiros e cirrios comúns. Prestando atención, é posible avistar tamén algún cirrio pálido.
  5. Atravesando Barxa cara ao sur, seguimos un camiño paralelo ao río para rematar na marca fronteiriza con Portugal (6). No traxecto observaremos o picafollas de Bonelli e o ibérico.

Roteiro a pé ou en bici: Cádavos - Castromil

MELLOR ÉPOCA

De marzo a xullo

DURACIÓN

3-4 horas a pé e 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

A Mezquita

PERCORRIDO

Cádavos - Castromil

Puntos clave da ruta:

  1. Este curioso itinerario parte da aldea de Cádavos e remata nas aldeas "xemelgas" de Castromil. No inicio (1), poderemos observar o abellaruco e o gabeador azul.
  2. Seguimos a estrada cara a Castromil, atravesando un souto con exemplares de bo porte (2). Neste lugar é posible observar avelaionas e rabirrubio de testa branca.
  3. A medida que avanzamos, atravesaremos por unha zona de campos de cultivo (3) nos que se avista en los que se avistan lavercas comúns e que son excelente punto para buscar, en primavera, calandriñas común.
  4. Ao cabo, comeza un tramo de matogueira aberta con grandes rochas graníticas (4), no que poderemos anotar o merlo rubio e o picanzo real.
  5. A poucos quilómetros chegamos ao Castromil galego (5), separado do Castromil zamorano por un arroio no que se localizan picafollas ibéricos e de Bonelli. Nos soutos da parte zamorana crían petos formigueiros e rabirrubio de testa branca.
As aves

A mellor época para visitar a zona comeza na segunda metade de abril e esténdese ata mediados de xuño, tempo en que aparecen aves espectaculares como o abellaruco, o merlo rubio, o rabirrubio de testa branca, o picanzo cabecirrubio e a escribenta hortelá. A lista compleméntase co picafollas de bonelli, o pedreiro cincento, o pombo pequeno, o picanzo real e, moi localizado, o rousinol papoazul. Entre as non reprodutoras destaca a presenza máis ou menos regular de cuco real e de charrela, que cría xusto pasada a fronteira, en Sanabria. A aguia real patrulla regularmente eses cumios.

Consellos e recursos
  • Tentar realizar as observacións de aves á primeira hora do día, con traxectos en coche a última hora da mañá en busca de aves de rapina.

  • Usar a N-525 no canto da A-52 nos desprazamentos pola zona, xa que ofrecen maior facilidade para parar e observar aves.

Arriba