A Mariña é unha das comarcas mellor definidas de Galicia. Abrangue toda a costa de Lugo entre a ría de Ribadeo e a do Barqueiro ademais de varios concellos no interior, nos vales dos ríos Landro, Ouro, Masma ou Eo. O litoral oriental e central caracterízanse pola chamada “Rasa Cantábrica”, unha costa bastante rectilínea na que se abren as rías de Ribadeo e Foz. A partir de San Cibrao, no concello de Xove, xa é máis recortada, con praias agochadas e cantís máis altos, e na que se abren as rías de Viveiro e do Barqueiro xa no límite coa provincia de Lugo.

Cara o interior, menos poboado, moitas das montañas superan os 800 metros nas serras do Xistral, do Cadramón, de Lourenzá ou do Pousadoiro. Terras altas nas que abundan os pastos e onde será fácil ver gando en liberdade. De feito, nos inicios do verán teñen lugar nesta comarca varios curros, festa que se celebra con motivo de acurrar ou baixar o gando ceibo do monte, especialmente cabalarías e vacas, ata as cercas de madeira ou de pedra onde se concentran para poder sanear e marcar aos exemplares.

Esta mestura de mar, vales e montañas fai que a comarca dispoña de espazos naturais de grande interese que contan con diferentes graos de protección ou de declaración: dúas Reservas da Biosfera (Terras do Miño e Río Eo, Oscos e Terras de Burón), dous monumentos naturais (praia das Catedrais  e o souto da Retorta), e os que forman parte da Rede Natura 2000, tanto costeiros como interiores: o río Landro, monte Maior ou río Ouro, a ría de Foz-Masma, o río Eo ou o bosque de Carballido.
 

Se falamos de historia, boa parte do territorio está vinculado ao mariscal Pardo de Cela, señor feudal galego do século XV, que se converteu nun símbolo de resistencia contra o poder centralizado dos Reis Católicos. Defendeu a súa autonomía e a das súas terras fronte á intromisión real, enfrontándose ás tropas de Isabel e Fernando na batalla de Pontes de García Rodríguez en 1475. A pesar da súa derrota, refuxiouse no seu castelo da Frouxeira, onde resistiu durante anos o asedio das tropas reais. En 1483, tras saír confiado da súa fortaleza baixo a promesa dun salvoconducto, foi capturado e decapitado en Mondoñedo. A súa figura convetiuse en lenda en Galicia, representando a loita pola liberdade e a defensa dos dereitos fronte ao poder absolutista. A súa vida está moi ligada  a lugares como a ponte do Pasatempo, a Frouxeira, o castelo de Castro de Ouro e sobre todo a vila de Mondoñedo. Pero non esquecemos outros centros históricos importantes como son Ribadeo, na zona oriental, onde atoparemos moitas mostras da arquitectura indiana, ou Viveiro, que conserva parte da muralla e varias portas como a de Carlos V, da época renacentista. Remontándonos a períodos máis antigos, atoparemos dolmens, castros ou mesmo un círculo lítico, xacementos arqueolóxicos anteriores á era Cristiá. Tamén podemos dicir que na Mariña, concretamente no concello de Cervo, naceu o primeiro complexo industrial de Galicia, a Real Fábrica de Sargadelos. Esa factoría, que producía louza e porcelana de alta calidade, converteuse nun referente do sector a nivel nacional e hoxe segue producindo cerámica de calidade, combinando tradición e innovación e sendo xa símbolo da cultura galega. É tamén terra de peregrinos xa que o Camiño do Norte a Santiago de Compostela, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, percorre distintos concellos da zona oriental da comarca.

 

Esa é terra de festas, dende as relixiosas como a Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional ou a Romaría do Naseiro, ás gastronómicas como a Feira do Bonito de Burela, a Festa da Troita da Pontenova, a Festa da Faba de Lourenzá, a Queimada Popular de Cervo e a Festa do Ourizo de San Cibrao (Cervo). Pero non esquezamos as máis ancestrais e enraizadas como a Rapas das bestas de Candeoso (Viveiro) ou a Maruxaina de San Cibrao (Cervo).

Percorrido

Tomando como referencia a cidade de Lugo, dende a que podemos escoller calquera dos accesos mencionados, sairemos pola estrada N-640 dirección Ribadeo ata chegar á Pontenova, onde comezaremos esta ruta mariñá de tres xornadas.

A continuación percorreremos a ría de Ribadeo, a vila, o litoral do concello e o de Barreiros para despois descubrir o val do río Masma en Lourenzá e Mondoñedo.

Seguidamente iremos á busca de monumentos senlleiros da comarca en Alfoz e Foz, sen esquecer as súas praias e a costa ata Burela. Finalmente quedará a zona occidental da Mariña, con faros que nos permiten gozar da paisaxe, a monumental vila de Viveiro e miradoiros sobre os esteiros dos ríos Landro ou Sor.

O coche será imprescindible para descubrir esta comarca, pero tamén propoñemos pequenos paseos a pé que nos achegarán a fervenzas ou a bosques senlleiros.

 

Accesos 

A Mariña é unha comarca situada no norte da provincia de Lugo que mira cara ao mar Cantábrico e conta con tres accesos principais. 

Para chegar a Viveiro, na zona oeste, colleremos a LU-540 dende a autovía AG-64 que conecta Vilalba con Ferrol.

Dende a Terra Cha, pasando por Mondoñedo, teremos que coller a A-8 e enlazar despois coa N-634 para chegar a Foz, na zona central da Mariña; e finalmente, se collemos a N-640 que vai dende Lugo a Veiga/Vegadeo e continuamos despois pola N-642 acadaremos Ribadeo, na zona leste.

 

Día 1º

Dende Lugo collemos a N-640, pasando por Meira, para chegar ao porto do Marco de Alvare e descender cara ao val do río Eo que nos acompañará na primeira parte do percorrido; estamos xa na Reserva da Biosfera do río Eo, Oscos e Terras de Burón, que abrangue os concellos ribeiraos do Eo, tanto do lado galego como do lado asturiano.

Na Pontenova faremos a primeira parada para visitar os antigos fornos de calcinación, restos do pasado mineiro deste concello que naceu da fusión de outros dous -Vilameá e Vilaoudriz-. Contou cun ferrocarril -chamado A Chocolateira- que transportaba o mineral de ferro ata a costa, e mesmo levaba viaxeiros para que tomasen os denominados “baños de mar”. Hoxe en día o trazado está convertido en parte en Vía Verde, e permite ver a outra batería de fornos no Boulloso.

Para os aventureiros, A Pontenova ofrece a oportunidade de percorrer a Ruta das Minas, entrar na mina Consuelo e descubrir non só a súa historia se non tamén o seu pasado xeolóxico. Para rematar a experiencia poderemos tirarnos por unha tirolesa de máis de 300 m de longo por enriba do río Turía a máis de 80 m de altura. Para os que simplemente queiran gozar da natureza, o concello conta con varias rutas de sendeirismo homologadas e establecementos de turismo rural.

Seguimos o val do río Eo, pasando polo concello eo-naviego de Santiso de Abres e a parroquia trabadense da Ría de Abres, por onde entra unha variante do Camiño do Norte a Santiago. No lugar do Porto de Abaixo deixaremos á dereita A Veiga (Vegadeo) para seguir pola N-642 ata Ribadeo.

Esta vila conserva un interesante patrimonio arquitectónico, sobre todo o chamado “indiano”, casas e edificios mandados construír polos emigrantes galegos retornados das Américas, como a Torre dos Moreno, ao carón do pazo neoclásico de Ibáñez, tamén coñecido como Pazo do Marqués de Sargadelos.

Abandonaremos Ribadeo por unha estrada local que nos levará ata a bocana da ría. Alí podemos visitar o chamado “cargadoiro” onde atracaban os barcos nos que se embarcaba o mineral que chegaba a este punto dende A Pontenova. A poucos metros atoparemos o castelo de San Damián, que protexía este treito do litoral. Dende ambos lugares temos boas vistas da entrada da ría, que está vixiada tamén polos faros da Illa Pancha, coa súa icónica figura.

Dende aquí, só queda seguir sempre a estrada local que bordea toda a costa dos concellos de Ribadeo e Barreiros. Trátase da chamada Rasa Cantábrica, cun perfil recortado no que se van formando pequenos areais que se abren tras os cantís. Nese percorrido chegaremos ao lugar de Rinlo, que se atopa agochado nun entrante do mar -a enseada de Areosa-, e que conta cun pequeno porto. Esta localidade mariñá celebra cada verán a exaltación do seu produto estrela, o percebe. Como curiosidade, se vos queredes “perder”, podedes atopar a tan só 600 metros do porto o labirinto de Rinlo.

Continuando sempre pola pista asfaltada que segue o litoral veredes restos de diversas cetarias, que mostran a riqueza destas augas. Hai que lembrar tamén que esta localidade foi un importante porto baleeiro.

Sempre co mar á nosa dereita iremos pasando por distintos areais como Cegoña, Xuncos, Os Castros e Esteiro ata chegar ao máis coñecido e concorrido: a praia de Augas Santas, que recibiu o alcume das Catedrais, xa que algúns cantís están furados de tal xeito que semellan seren os arcos das naves dunha catedral pola súa monumentalidade. O areal é accesible coa marea baixa, e, en tempadas altas, cómpre facer reserva para poder visitalo (www.ascatedrais.xunta.gal) e seguir en todo momento as recomendacións e sinalización deste espazo protexido baixo a figura de monumento natural.

Entraremos no concello de Barreiros pola extensa praia de San Miguel de Reinante, tamén chamada Arealonga de Reinante, á que tamén poderíamos chegar a pé dende As Catedrais por unha pasarela de madeira.

A partir da punta do Castro, xa atopamos un continuo rosario de praias separadas por pequenos rochedos de baixa altura, e moi coñecidas sobre todo polos amantes do surf; deste xeito temos A Pasada, Lóngara, San Pedro, Area da Balea, Benquerencia, Fontanela, Remior, San Bartolo ata chegar ao areal de San Cosme ou Altar, en plena ría de Foz.

A partir de aquí, deixaremos a costa para descubrir o interior mariñao. Camiño de San Cosme de Barreiros fixádevos nos hórreos do lugar de Viladaíde, que nesta bisbarra reciben o nome de “cabozos”.

Ao chegar á estrada N-634 cruzarémola, polo desvío sinalizado, para achegarnos a Santo Estevo do Ermo. Tras pasar por enriba da autovía do Cantábrico, a uns 400 m atoparemos a pista de terra que nos levará ata a capela. Xunto a ela unha área de descanso e a poucos metros a fervenza de Santo Estevo do Ermo. Para os máis camiñantes podedes facer unha pequena ruta de sendeirismo que vos levará ata varios muíños e ata os restos da antiga capela.

A seguinte parada será Vilanova de Lourenzá, onde visitaremos o Centro de Interpretación da Faba, produto  polo que é coñecido este concello. Achegarémonos tamén á igrexa do antigo mosteiro, onde podemos ver o sartego de mármore no que descansan os restos de Osorio Gutiérrez, coñecido como o Conde Santo. A este nobre galego do século X atribuenselle diversos milagres, incluíndo a resurrección de catro peregrinos que facían o Camiño de Santiago, polo que é venerado como santo pola Igrexa Católica. Non hai que esquecer de ver tamén o espectacular relicario barroco situado na sancristía. 

 A última visita da xornada será o Pazo de Tovar, situado no corazón da zona produtora da famosa faba de Lourenzá, restaurado hai poucos anos, alberga no interior o Centro de Interpretación da Cultura dos Pazos. Tanto Tovar como Vilanova de Lourenzá atópanse en sendas variantes do Camiño do Norte.

Dende o pazo iremos pola estrada LU-122 e de seguido pola provincial LU-P-2802 pasando por San Xurxo de Lourenzá ata atopar de novo a N-634 que nos levará a Mondoñedo, meta desta primeira xornada na comarca da Mariña. Neste concello teremos distintas opcións de aloxamento.

Día 2º

Dedicaremos parte da mañá a coñecer Mondoñedo, empezando polo monumento máis senlleiro, a catedral, chamada a “axeonllada” pola súa pouca altura, é sé dunha das cinco dioceses galegas. Percorrendo as súas rúas iremos descubrindo casas brasonada, a Fonte Vella ou o pintoresco Barrio dos Muíños coa histórica ponte do Pasatempo, vencellada á Ruta do Mariscal Pardo de Cela, nobre do século XV que foi decapitado pola súa oposición aos Reis Católicos, xa que apoiaba o partido de Juana la Beltraneja.

Para os aventureiros, non lonxe de Mondoñedo atoparedes a Cova do Rei Cintolo, que se pode visitar previa reserva, que vos ofrecerá unha experiencia única.

Deixaremos a vila mindoniense e colleremos a A8, se queremos ganar tempo, ou ben a N-634 e ir directos a Foz, no esteiro do río Masma. Localidade coñecida sobre todo polas súas praias, como A Rapadoira, Llas ou Peizás; e formacións xeolóxicas no litoral, entre as que mencionaremos o chamado “ollo de Foz”. Todas elas son accesibles dende o núcleo urbano seguindo a pé ou en bicicleta polo paseo marítimo que coincide co Camiño Natural do Cantábrico.

Con todo, un lugar imprescindible a visitar neste concello é a basílica de San Martiño de Mondoñedo, xoia románica e sé primixenia da diocese mindoniense. O itinerario continuará pola estrada LU-152 ata atopar o desvío, sinalizado, que sube ata o castelo da Frouxeira, do que apenas quedan restos e que foi refuxio do xa mencionado Mariscal Pardo de Cela. Dende o cumio temos unha boa visión panorámica da chamada Rasa Cantábrica.

De volta á estrada pola que viñamos seguiremos por estradas locais pasando por Bacoi (atentos ao cruceiro, un dos máis antigos da comarca) e Carballido ata chegar ao Castro de Ouro.  Nun pequeno outeiro érguese o castelo de Castro de Ouro, símbolo do concello de Alfoz. Foi ocupado polo Mariscal Pardo de Cela, e tras a súa morte pasou á diocese mindoniense. Actualmente é sede da Casa do Concello e Xulgado.

Dende Alfoz iremos ata Ferreira do Valadouro para continuar e achegarnos á costa seguindo o val do río Ouro ata a súa desembocadura, onde colleremos a N-642 dirección Burela para visitar o castro de Fazouro, situado ao pé dos cantís.

Continuando pola N-642 chegaremos a Burela. Nesta poboación poderemos coñecer o seu pasado e presente mariñeiro no Barco-Museo boniteiro “Reina del Carmen”. Esta vila é coñecida pola pesca do atún, polo que recibe o alcume de “capital do bonito” e celebra a súa festa, declarada de Interese Turístico Nacional, a comezos de agosto.

Se aínda tendes tempo, podedes subir ao miradoiro do monte Castelo, que goza de boas vistas de toda a rasa cantábrica galega.

Esta vila será o punto final desta segunda xornada na Mariña. Tanto na localidade como nas proximidades teremos distintas opcións de aloxamento.

Día 3º

Comezamos esta derradeira etapa en Burela, para seguir pola N-642 ata atopar o desvío que nos levará a Santiago de Sargadelos, parroquia do concello de Cervo coñecida pola súa famosa cerámica. Primeiro poderemos coñecer a fábrica e despois achegarnos ao Museo Histórico e rematar a visita seguindo a senda botánica e o Paseo dos Namorados, que comeza ao carón dos antigos fornos.

Regresaremos á estrada xeral e desviarémonos cara a San Cibrao, a localidade máis poboada do concello. No núcleo principal visitaremos o Museo Provincial do Mar, que pertence á Deputación de Lugo, e a continuación subiremos á Atalaia, onde temos o faro. Ao seu carón está o miradoiro, nunha pasarela metálica sobre as rochas e dende onde temos vistas do litoral. Se a vosa visita coincide coa segunda fin de semana de agosto poderedes gozar da Festa da Maruxaina, declarada de Interese Turístico de Galicia.

Deixaremos San Cibrao para retomar a estrada principal LU-862 dirección Viveiro ata chegar á seguinte localidade importante, Xove. Aquí desviarémonos por estradas locais, pasando por Vilapol, Portocelo e Vilachá ata chegar ao faro de Punta Roncadoira. Dende aquí paga a pena percorrer uns metros a pé ata o banco de Poñente e mesmo seguir ata as ruínas de San Tirso e gozar das vistas deste treito da costa.

Regresaremos á estrada LU-862 para achegarnos a Viveiro, a vila máis importante da zona occidental da Mariña. No seu centro histórico consérvanse importantes monumentos, como a igrexa de Santa María, e varias portas das antigas murallas, nas que salienta a de Carlos V, entrada dende a ponte que cruza o esteiro do río Landro e que dá paso á praza Maior da vila. Se a vosa visita coincide coa Semana Santa poderedes gozar das múltiples procesións. É unha tradición moi arraigada nestas terras, polo que está declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Dende Viveiro faremos dúas pequenas escapadas para coñecer algúns dos lugares máis visitados dos seus arredores. Primeiro, subiremos ao monte de San Roque, coa súa capela e miradoiro sobre a ría e que celebra unha importante romaría. Como tamén moi celebrada é a festa do Naseiro, no val, próximo áigrexa románica de San Pedro. Tamén cerca dese lugar está a nosa seguinte parada: o souto da Retorta, tamén chamado eucaliptal de Chavín, ao que nos achegaremos camiñando. Aquí agarda por nós o chamado “avó”, un eucalipto de gran porte que alcanza máis de 67 metros de altura e 7,5 m de perímetro. 

Volvemos a Viveiro e continuamos ruta camiño do concello do Vicedo, o máis occidental da comarca. Na parroquia de Suegos atoparemos dous dos lugares máis coñecidos. Primeiro a Cova da Doncela, na que cómpre ter atención, xa que o sendeiro atravesa un buraco na montaña ata chegar ao cantil mesmo. O segundo é o Fuciño do Porco, ou Punta Sucastro. Para visitalo, en tempada alta, cómpre reservar no sitio www.puntafucinodoporco.gal. Recomendamos visitar sitio de internet para ter máis información.

Podemos rematar esta ruta en Viveiro, continuar ruta cara a Ferrolterra ou regresar a Lugo se foi o punto de partida. Pero se aínda tendes folgos e tempo propoñémosvos dúas visitas máis.

Unha das propostas é subir ao miradoiro de Muronovo, ao que nos achegaremos utilizando as pistas que van ata o parque eólico do mesmo nome. Dende o Fuciño do Porco chegaremos á estrada LU-862 no lugar do Folgueiro, onde colleremos a LU-P-6401 e seguiremos a sinalización que nos levará ata el. Dende o miradoiro temos unhas extraordinarias vistas do esteiro do río Sor, que forma a ría do Barqueiro, ría compartida polos concellos do Vicedo e de Mañón, pertencente á provincia da Coruña, e que permitiría enlazar coa ruta de Ferrolterra.

A segunda proposta é volver a Viveiro e seguir a estrada LU-640 dirección Ourol e Lugo entrando nas terras altas do interior mariñao, entre as serras do Xistral e da Faladoira. Deixaremos o coche nun treito da antiga estrada e continuaremos a pé poucos metros ata a fervenza do Xestosa.

Arriba