A Ribeira Sacra comprende as terras bañadas polos ríos Sil e Miño na zona do interior de Galicia na que se unen os dous ríos. Nos últimos quilómetros antes de desembocar no Miño, á altura da aldea dos Peares, o Sil flúe na fronteira entre as provincias de Lugo e Ourense ao longo dun profundo canón, creando deste xeito unha paisaxe impresionante e pouco común, sinal de identidade deste territorio.

Nestas paraxes, en moitos puntos bucólicas, noutras agrestes, establecéronse nos comezos do cristianismo monxes e eremitas para practicar a vida ascética. Estes asentamentos deron lugar, co paso do tempo, a florecentes mosteiros que irradiaron arte, cultura e progreso material a toda Galicia. De aí o nome Ribeira Sacra, do que existe constancia escrita desde o século XII, aínda que sería unha deturpación de rovoyra sacrata -carballeira sagrada- segundo consta no documento fundacional de Montederramo outorgado en Allariz en 1124.

O mosteiro máis importante é o de Santo Estevo de Ribas de Sil, un centro de poder non só relixioso, xa que o seu abade foi durante séculos o encargado de impartir xustiza e nomear escribáns e oficiais de aduana.

Como herdanza dos últimos 1500 anos, esta parte de Galicia conta cun valioso patrimonio, no que non faltan castelos, igrexas, pazos ou pontes. A súa riqueza histórica complétase con restos arqueolóxicos pertencentes á Idade do Bronce e á Idade do Ferro, así como outros que dan fe da presenza das lexións neste punto do extremo occidental do Imperio Romano.

O relevo da Ribeira Sacra componse de altiplanos e montes suavizados pola erosión, que deixan paso, de forma abrupta, ao canal do Sil. O resultado é un canón formado hai millóns de anos que nalgúns puntos acada unha profundidade de 500 m. Debido á construción de varios encoros, o río é navegable nun tramo de 40 km. Os cruceiros en catamarán, un dos atractivos turísticos da zona, permiten gozar dos recunchos máis recollidos, inaccesibles doutro xeito pola dificultade do terreo. Nas alturas do canón abundan os miradoiros pendurados sobre o río, atalaias ideais para a contemplación dunha paisaxe de singular beleza.

As posibilidades de turismo activo van desde o sendeirismo ata o rappel ou descenso de canóns, pasando polo parapente, as rutas a cabalo e a bicicleta de montaña.

A vexetación componse de carballos, castiñeiros, bidueiros e ameneiros, ademais de xestas, toxos e piornos. O paso das estacións transforma as cores da terra ao ritmo que marca a natureza. Entre os cultivos destacan os viñedos, dispostos en bancais ou socalcos, ás veces acompañados de cipreses. Os viños da comarca, complemento perfecto para unha apreciada gastronomía, comercialízanse baixo a denominación de orixe Ribeira Sacra.

A particular orografía destas paraxes convérteas nun contorno privilexiado para a práctica de todo tipo de actividades ao aire libre. Tampouco hai que esquecer a proximidade da estación de esquí de Cabeza de Manzaneda. Para os espíritos menos atrevidos, existe un variado repertorio de festas tradicionais, gastronómicas e eventos culturais dos que gozar na bisbarra.

Percorrido

Propoñemos unha ruta de dificultade baixa, co apoio dun vehículo, realizando percorridos curtos a pé, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia. A duración estimada é de catro días. A distribución de tempos deberá tomarse a modo de exemplo, xa que cada un poderá variala segundo as súas preferencias.

Día 1º

Durante a nosa primeira xornada de ruta permaneceremos na localidade lucense de Monforte de Lemos, considerada a porta da Ribeira Sacra. Monforte de Lemos conta cun extenso patrimonio, materializado en mosteiros, castelos, pazos, conventos e pontes. Estes atributos convértena nunha parada imprescindible para o viaxeiro que sabe apreciar a arte e a historia.

A Terra de Lemos esténdese por unha fértil chaira, atravesada polo río Cabe e dominada polo monte de San Vicente, corazón de Monforte de Lemos. A denominación "Lemos" provén de lemavos, nome dun pobo prerromano de probable orixe celta, do que existen testemuñas da súa presenza na zona en forma de numerosos restos arqueolóxicos. Como fixeron romanos e suevos en séculos posteriores, os lemavos escolleron establecerse neste enclave pola situación estratéxica que ofrecía. Os xeógrafos da época referíronse a este asentamento como Castro Dactonium. Noutros momentos tamén se empregou o nome de Monte Forti, precedente directo do actual Monforte.

No século VIII, o xa cristianizado Castro Dactonium foi destruído polos árabes. Sobre as súas ruínas levantouse máis tarde o mosteiro de San Vicente do Pino, desde o que creceu, como gran mercado agrícola e gandeiro, a vila medieval de Monforte de Lemos. O mosteiro, convertido en parador de Turismo, forma parte, xunto coa Torre da Homenaxe e o Pazo dos Condes de Lemos, do conxunto monumental de San Vicente do Pino, o punto perfecto para comezar a nosa visita á localidade.

Do Pazo dos Condes de Lemos, señores destas terras, na actualidade consérvanse algunhas edificacións que forman parte do Parador de Turismo. Na súa época dourada, as súas estancias serviron tanto para exercer o poder de forma temible como para celebrar fastosas festas. Dos seus muros colgaban tapices flamengos e obras de Tiziano, Rafael e O Greco. Nos seus arquivos gardáronse importantes documentos dunha das liñaxes máis importantes daqueles tempos. Todo iso quedou reducido a cinzas tras un incendio ocorrido no ano 1672, sendo reconstruído posteriormente.

A herdanza medieval de Monforte de Lemos complétase coas murallas e as súas torres. O seu trazado é irregular, circunstancia que se atribúe a que foron construídas en diferentes etapas. O recinto ten tres saídas: a porta da Cadea Vella, a da Alcazaba e a Nova, na que se pode apreciar o emblema dos Condes gravado en mármore.

A poucos metros da muralla atópanse algunhas das rúas máis representativas do casco vello, como a rúa da Cadea Vella, a rúa dos Fornos ou a rúa do Burato. Paseando por elas poderemos admirar as numerosas casas brasonadas existentes en Monforte, como a de Ribadeneira e a de Quiroga. Nestas rúas e prazas asentouse nos últimos anos da Idade Media unha numerosa comunidade xudía (xunto coa de Ribadavia, a máis importante de Galicia) que contribuíu a impulsar a vida comercial da vila. De feito Monforte de Lemos pertence á rede de xuderías Sefarad.

Continuamos a nosa xornada cruzando o río Cabe pola ponte Vella. Trátase dunha construción de orixe romana, aínda que a súa configuración actual data do século XVI. Componse de seis arcos semicirculares e nela pódense apreciar algúns detalles medievais. A continuación, visitamos o convento das Franciscanas Descalzas, tamén chamado das Clarisas. Máis que na arquitectura do edificio, o seu interese reside no museo de arte sacro que acolle a principal colección de arte italiana do século XVII que hai en Galicia, pero tamén pezas da Escola Castelá como é unha escultura de Gregorio Fernández. Se seguimos o curso do Cabe, chegamos ao Colexio de Nosa Señora da Antiga, un impoñente edificio coñecido como o pequeno Escorial galego. Destaca o retablo maior do galego Francisco Moure, rematado polo seu fillo á súa morte. No museo desta construción en estilo renacentista herreriano de finais do s. XVI consérvanse varias obras do Greco e de Andrea del Sarto.

O patrimonio histórico-artístico de Monforte de Lemos complétase coa igrexa da Régoa, antes denominada convento de San Xacinto, situada no casco vello. Nela destacan o altar maior e o seu órgano, un dos mellores de Galicia, conservado perfectamente a pesar dos seus trescentos anos de antigüidade, así como o seu artesoado. Outros monumentos de interese son a ermida de San Lázaro, a ponte dos Picos, o Parque dos Condes e o Pazo de Tor . Para visitar este último debemos percorrer 8 km pola estrada de Escairón. O pazo data do século XVIII e consérvase en excelentes condicións. No seu interior existe unha biblioteca con máis de 8000 volumes, armas, cortinas de Damasco, xoias e mobles antigos.

Como nota curiosa, nesta vila atópase unha das casas máis estreitas do país. Mide 1,50 m de ancho por 20 m de profundidade e componse de catro andares e planta baixa.

Día 2º

Despois de coñecer os puntos de interese de Monforte, saímos pola estrada C-533 en dirección a Escairón, localidade á que chegamos despois de percorrer 13,8 km Continuamos ata desembocar na CRG-22. Unha vez percorridos 10,6 km, chegamos ás comportas do encoro de Belesar, e moi preto á esquerda atópase o desvío cara á igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño. Tras admirar a igrexa e o fermoso contorno que o rodea, dirixímonos cara á aldea de Belesar. No contorno desta aldea cultívanse os viñedos que dan lugar aos afamados viños da comarca.

Desde Belesar poderemos tomar o catamarán que percorre o encoro dos Peares descendendo polas augas do río Miño. Esta excursión de ida e volta ten unha duración aproximada de dúas horas, chegando ao denominado “cabo do mundo”, curva que fai o río á altura de Nogueira de Miño. Para maior información hai que visitar a web habilitada pola Deputación de Lugo https://reservas.rutasembalses.es).

Desde Belesar volvemos á estrada LU-533 dirección a Monforte de Lemos. A pouca distancia tomamos o primeiro desvío á esquerda sinalizado a Pesqueiras. Unha vez no stop, collemos cara á dereita pola LU-617 ata atopar a estrada marcada para as aldeas de Buxán e Diomondi, a nosa próxima parada para coñecer a igrexa de San Paio de Diomondi, situada ao pé do Camiño de Inverno. Seguimos a nosa ruta cara ao Castro de Ferreira achegándonos ao Ecomuseo de Arxeriz que acolle unha interesante mostra etnográfica ademais dun castro e vistas do chamado “cabo do mundo”. A seguinte parada será o lugar de Mosteiro, onde se atopa a igrexa de San Miguel de Eiré, unha das construcións máis peculiares do románico galego do século XII.

Dende O Castro de Ferreira, capital do concello de Pantón, podemos achegarnos a outros dous monumentos importantes. O primeiro é o mosteiro das Madres Bernardas. Está situado nas aforas da vila cara ao leste e conta coa peculiaridade de ser, desde a súa fundación e de xeito continuo, o único ocupado por mulleres en toda Galicia. Pódese visitar a súa igrexa e tamén adquirir a súa repostería monacal. De volta ao Castro, podemos botar unha ollada á casa do concello cuxas orixes remóntanse ao século XVII. A derradeira visita nas proximidades sería a igrexa de San Fiz de Cangas, románica de finais do século XII, situada a poucos quilómetros cara ao sur.

De volta ao Castro, tomamos á estrada N-120 dirección Ourense ata o alto de Guítara. Seguimos despois cara aos Peares ata atopar o desvío sinalizado á dereita que nos levará á igrexa de Santo Estevo de Atán, na que destacamos as súas antigas celosías. De regreso á estrada pola que viñemos chegaremos aos Peares, localidade repartida entre dúas provincias e catro concellos. Pouco antes de entrar nela, temos unha estradiña estreita, polo que cómpre circular con prudencia, que nos achegará a San Vicente de Pombeiro, outra das xoias románicas do concello de Pantón. A través dunhas ventás de vidro poderemos albiscar parte do seu interior.

Unha vez rematada esta visita regresamos aos Peares, onde poñeremos fin a esta segunda xornada da ruta. Hai opcións para aloxarse en establecementos de turismo rural, ou ben achegarse a Ourense, que se atopa a uns 18 km.

Día 3º

Comezamos a mañá da nosa terceira xornada saíndo da poboación dos Peares, punto no que conflúen as augas do Miño e do Sil. Antes de cruzar este último collemos a estrada da dereita, que aínda que sexa de propiedade privada pódese circular por ela remontando o río cara ao encoro de Santo Estevo. O noso camiño segue o curso do río, penetrando no seu canón, polo que se recomenda circular con precaución. Pola outra marxe discorre a vía do tren. Nas terras de ribeira podemos ver os bancais ou socalcos dispostos para o cultivo das uvas coas que se elaboran os viños da Ribeira Sacra.

A 1,3 km dos Peares deixamos a man esquerda as comportas do encoro de San Pedro e, uns quilómetros máis adiante, atoparemos un cruzamento; pola esquerda veremos a estrada que vai cara á estación do ferrocarril e a Pantón. Aquí o río Sil recibe as augas do Cabe, e dende a ponte mesmo poderemos albiscar o mosteiro de Santo Estevo, case que pendurado no canón. Continuamos camiño e chegamos ao encoro de Santo Estevo cunha curta parada no seu miradoiro para observar a presa, de máis de 100 m de altura. A continuación bordearemos as súas augas. Percorridos 11,6 km desde Os Peares, atoparemos á esquerda un desvío que en apenas 1 km nos levará ata o embarcadoiro de Santo Estevo. Desde este punto parten as embarcacións que percorren as súa augas ofrecendo rutas de diferentes duracións.

Algunha desas rutas pode chegar mesmo ata ao embarcadoiro situado ao pé da ponte da estrada que une Castro Caldelas con Monforte de Lemos. Durante a travesía descubriremos fervenzas, socalcos con viñedos, formacións rochosas curiosas ou poderemos albiscar o campanario de Santa Cristina de Ribas de Sil sobresaíndo entre o souto; ademáis pasaremos preto do enclave coñecido como Os Torgás - Os Balcóns de Madrid. Nas beiras existen pequenos embarcadoiros utilizados polos viticultores da zona para transportar a uva en época de colleita. Nalgúns casos, a saída ao encoro é a única que existe. Tras admirar estas paisaxes, damos por finalizada a nosa xornada matinal.

O percorrido da tarde desta terceira xornada na Ribeira Sacra parte do embarcadoiro de Santo Estevo en dirección a Loureiro e Luíntra. Despois de pouco máis de 4 km, chegamos a unha encrucillada. Se viramos á esquerda, iremos cara a Parada de Sil para achegarnos ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e ao lugar coñecido como Os Torgás - Os Balcóns de Madrid. Pola contra, o ramal da dereita lévanos ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Propoñemos visitar primeiro Santa Cristina de Ribas de Sil, así que viramos á esquerda. A pouco de entrar no concello de Parada de Sil atoparemos o miradoiro de Cabezoás, que nos ofrece boas vistas do canón do río Sil. No lugar de Caxide atopamos un singular campanario construído en ferro forxado. A unha distancia de 14,3 km desde o cruzamento de Loureiros chegamos a Parada de Sil. O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil dista 4,5 km, tomando un desvío á esquerda, desta poboación. En períodos de grande afluencia é preciso reservar a visita que inclúe o desprazamento en bus lanzadeira dende Parada de Sil (consultar o sitio https://turismo.ribeirasacra.org/reservas). Despois da visita desandamos o camiño e incorporámonos de novo á estrada. Uns metros máis adiante, cara á esquerda, veremos o cartel que nos indica a forma de acceder ao miradoiro dos Torgás chamado tamén Os Balcóns de Madrid. Desde este punto dispoñemos dunhas magníficas vistas sobre o canón do río Sil cuxas paredes levántanse ata case que 500 m sobre as augas encoradas.

Continuando a estrada que une Parada de Sil coa Teixeira e O Castro de Caldelas atopamos o canón do río Mao. O Mao únese co río Sil no lugar de Barxacova e aquí comeza unha ruta de características moi singulares. Trátase dun treito do PR-G 177 Ruta Canón do río Mao que consiste nunha espectacular pasarela de madeira construída a unha considerable altura sobre o escarpado terreo das marxes do río que nos invita a gozar da paisaxe. A camiñada discorre en gran parte á altura das copas das árbores atravesando un bosque de carballos, castiñeiros, érbedos e loureiros. Recomendamos non perderse esta experiencia xa que o percorrido posúe un atractivo moi diferente ás demais rutas de sendeirismo da Ribeira Sacra.

Regresando a Parada de Sil, colleremos de novo a estrada de Luintra ata atopar o desvío sinalizado que nos leva ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil rehabilitado en 2004 como un dos establecementos máis senlleiros da rede de Paradores.

Volvemos á estrada principal e continuamos o camiño a Luíntra, capital do municipio de Nogueira de Ramuín, situada a 5 km. Este concello é coñecido popularmente como lugar de orixe de "afiadores e paraugueiros". Chegamos ao centro da poboación, onde existe unha glorieta. Nela tomaremos, desviándonos á esquerda, a dirección de Loña do Monte e Esgos. Tras percorrer pouco máis de 10 km atoparemos o desvío para visitar o mosteiro de San Pedro de Rocas , escavado directamente na montaña e cuxa orixe remóntase ao século VI. Esta será a derradeira parada do día. No concello de Nogueira de Ramuín, ou no próximo do Pereiro de Aguiar e mesmo Ourense (a uns 20 km) hai distintas opcións de aloxamento.

Día 4º

A nosa última xornada de ruta pola Ribeira Sacra comeza nas inmediacións do mosteiro de San Pedro de Rocas, última parada do día anterior. Pola estrada pola que viñamos de Luíntra temos que dirixirnos cara a Esgos. Ao chegar ao stop na OU-536 collemos á esquerda dirección A Pobra de Trives. A uns 7 km de Esgos tras pasar o Alto do Couso e a parroquia de Niñodaguia, famosa pola súa olaría, chegamos a unha encrucillada. Nela viramos á esquerda para chegar a Xunqueira de Espadanedo, onde visitaremos o mosteiro de Santa María.

Continuamos o noso percorrido e a uns 6 km de Xunqueira chegamos ao alto do Rodicio, a 950 m de altitude, dende onde teremos unha fermosa vista do val do Arnoia. Pero se queremos ter as mellores vistas, temos que coller a estrada que sobe á Cabeza de Meda, e despois de 3 km deixaremos o coche nunha explanada para seguir a pé ata o miradoiro do Val do Medo.

Seguimos avanzando e, despois de percorrer outros 6 km, chegamos a Vilariño Frío, onde podemos deternos para visitar a súa ponte de orixe romana. Para chegar a ela apenas temos que percorrer uns cincocentos metros a pé por un camiño que pode presentar algún atranco en período de chuvias.

Desde Vilariño Frío a Leboreiro apenas hai un quilómetro de distancia. Neste último lugar, viraremos á dereita para dirixirnos a Montederramo, do que nos separan 5 km. Alí visitaremos o mosteiro de Santa María, no que destaca o seu claustro renacentista da Hospedería e o Reglar, así como o impoñente altar maior.

Desde Montederramo, continuamos pola estrada que discorre polo lateral do mosteiro. Máis adiante, a 2,7 km, tomamos un desvío á esquerda, con indicacións cara a Marrubio e O Castro de Caldelas. O cruceiro de Marrubio e a capela de Santo Antón, que poderemos deternos a coñecer, atópanse a tan só un quilómetro do desvío. Tras esta pausa volvemos polo mesmo camiño e dirixímonos ao Castro de Caldelas, situado a uns 16 km. Visitaremos o castelo, a igrexa de Santa Isabel e o santuario da Virxe dos Remedios.

Saímos do Castro de Caldelas pola estrada OU-903 cara a Monforte de Lemos. Ao pasar o punto quilométrico 21, no lugar do Pombar colleremos a pista asfaltada á dereita para achegarnos ao miradoiro de Matacás, que ofrece boas vistas do río Sil e dos bancais nos que se cultivan as vides de Amandi, situados xa na marxe lucense da Ribeira Sacra. Tras cruzar a ponte do río Sil, a estrada vai entre os socalcos, pasando polo miradoiro de Soutochao. Por último, para rematar a nosa xornada e esta ruta pola Ribeira Sacra, dirixímonos a Monforte de Lemos (situada a uns 28 km do Castro de Caldelas).

Arriba