O percorrido que propoñemos permitiranos descubrir recunchos das comarcas do Eume, Ferrolterra e Ortegal, cuxo litoral recibe o sobrenome turístico das Rías Altas para diferencialo doutros treitos das nosas costas. Natureza agreste en serras como a da Faladoira e a da Coriscada que marcan o territorio no leste, que baixan abruptas ata o río Sor, límite coa provincia de Lugo; ou na Capelada cos seus cantís de vertixe de caída case que vertical de 600 m. Pero tamén de vales de orografía suave como nas terras do interior de Ferrol ou Valdoviño, ou nas beiras do amplo esteiro do río Mera e a ría de Ortigueira.

No decurso das distintas etapas descubriremos multitude de espazos naturais, nos que salienta o Parque Natural das Fragas do Eume, reserva do bosque atlántico, ou lagoas de litoral como A Frouxeira ou Doniños. Outro atractivo serán os faros, dende o máis setentrional da península Ibérica -Estaca de Bares- ao que marca o encontro entre Atlántico e Cantábrico, cabo Ortegal, que nos permitirán gozar de espectaculares vistas do litoral.

E a esta riqueza natural e paisaxística hai que engadir o seu amplo e variado patrimonio histórico e monumental. Vilas como Pontedeume, na que deixaron pegada os Andrade, familia nobre que dominaba a comarca na Idade media; ou as máis mariñeiras como Ortigueira ou Cedeira. Tampouco esquezamos o legado relixioso, reflexado en mosteiros como os de Caaveiro, agochado no Eume, ou Monfero.

Son moitos e variados os atractivos de Ferrolterra, que satisfarán todos os intereses do viaxeiro, xa que ademais do patrimonio natural e monumental, está a rica gastronomía da zona, os distintos eventos culturais, festas e festivais, así como as distintas opcións de actividades que se poden desenvolver no territorio.

A nosa proposta parte de Pontedeume e finaliza en Ferrol. Durante 3 días percorreremos en coche a comarca para visitar diferentes lugares. En ocasións teremos que deixar o vehículo e percorrer a pé algúns tramos, pero de baixa dificultade, polo que a ruta é apta para todos os públicos, podéndose realizar perfectamente en familia. Loxicamente, a distribución dos tempos debe tomarse a modo de exemplo, xa que cada quen poderá variala segundo as súas preferencias.

Día 1º

Comezamos a nosa ruta na vila de Pontedeume, situada no Camiño Inglés, que conta cun interesante centro histórico no que destaca a Torre dos Andrade, o único que queda do antigo pazo condal da familia Andrade que dominou boa parte do territorio do norte de Galicia entre os séculos XIV a XVI, cando se uniu á Casa de Lemos. Tamén queda dese período parte da ponte, xa que sufriu derrubes e reformas ao longo dos séculos. Paseando polas súas rúas iremos descubrindo outros monumentos a visitar, como Casa do Concello, xunto á torre de Ulloa, o convento de Santo Agostiño, a capela das Virtudes ou a igrexa parroquial de Santiago, situada na parte alta da vila que colle a tumba de Fernando Pérez de Andrade.

Dende o centro de Pontedeume colleremos a estrada N-651 dirección Betanzos para subir ao alto de Campolongo. Pouco antes de chegar, podemos desviarvos ata á igrexa de San Miguel de Breamo, unha das xoias románicas da bisbarra e lugar de romaría en maio e en setembro. De volta á estrada xeral, seguimos a estrada AC-151 e, a pouco máis dun quilómetro, atopamos a estrada provincial que nos levará ao castelo de Andrade, tamén chamado da Nogueirosa. Está situado enriba da Pena Leboreira e dende el téñense boas vistas da ría de Ares, da de Betanzos e mesmo albíscase a cidade da Coruña. De volta á estrada DP-5005 xiramos á esquerda e ao chegar a un stop na unión coa AC-144 seguiremos á dereita ata o lugar das Lamelas onde colleremos a estrada local camiño do mosteiro de Monfero. Neste conxunto histórico-artístico de rechamante fachada que mestura granito e lousa poderemos visitar a igrexa que serve como templo parroquial.

Continuamos camiño regresando dirección Pontedeume pola estrada AC-144 ata atopar á dereita o desvío sinalizado ao Parque Natural das Fragas do Eume. Trátase dun espazo protexido considerado como un dos bosques atlánticos máis importante de Europa que acolle multitude de especies animais e vexetais de gran valor. Nuns 5 km chegamos ao Centro de Interpretación onde nos poden informar das actividades a realizar neste espazo natural así como as condicións de visita do mosteiro. En tempada alta hai restricións para os vehículos de particulares na estrada que bordea o río Eume ata Caaveiro, sendo obrigatorio utilizar os autobuses gratuítos facilitados polo Parque. Aconsellamos conseguir máis información no teléfono 981 432 528 ou na web de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.

Onde remata a pista cruzaremos a pé a ponte e percorreremos un camiño que, en apenas medio quilómetro, nos levará ao antigo mosteiro de San Xoán de Caaveiro, situado nun entorno natural de grande beleza.

Volveremos a Pontedeume para continuar coa nosa ruta dirección Ferrol. Deixamos á esquerda a fermosa praia da Magdalena, ideal para relaxarse nos días de bo tempo á sombra do piñeiral ou tomando o sol no areal. Saíndo de Cabanas atoparemos a estrada que nos levará a Ares e pola que chegaremos a unha das poboacións máis fermosas da contorna. Falamos de Redes, coa súa arquitectura mariñeira e algúns exemplos de estilo indiano; un conxunto de casas recollidas nunha pequena enseada da ría.

A seguinte localidade que visitaremos será Ares, cos fermosos areais da Campa e do Raso, que pechan a súa enseada polo leste. Conta tamén con boas mostras da arquitectura de comezos do século XX. Son moitos os lugares a visitar neste concello, como a igrexa románica de Lubre ou a ermida da Mercé e a praia de Chanteiro, pero recomendamos subir ao mosteiro de Santa Catalina de Montefaro e á Bailadora, un espléndido miradoiro que vos permitirá ver en toda a súa dimensión a entrada da ría de Ferrol no seu punto máis estreito, defendido polos castelos da Palma e de San Felipe.

Mugardos é unha vila que conserva ese ambiente mariñeiro no entorno do seu paseo marítimo onde degustar o polbo, un dos pratos estrela da localidade. En tempada mesmo é posible coller a denominada “lancha” e cruzar a ría ata Ferrol.

Colleremos a VG-1.2 ata enlazar co a N-651 e seguidamente a AP-9 ata a saída 31F cara a Neda. Esta poboación é famosa polo seu pan e está situada no Camiño Inglés, que a atravesa pola rúa Real caracterizada polos seus soportais e a torre do reloxo.

Xa para rematar esta intensa xornada podedes achegarvos ata á fervenza do Belelle. Deixaremos o coche no aparcadoiro acondicionado e camiñaremos pouco máis dun quilómetro ata chegar ao seu pé e admirar a beleza da contorna.

Finalizamos esta etapa en Neda onde atopamos aloxamento, ou ben tamén na contorna, en localidades como Fene, Narón ou mesmo Ferrol.

Día 2º

Nesta segunda xornada iremos dende a ría de Ferrol ás terras máis setentrionais da península Ibérica. Colleremos dirección Ortigueira pola estrada AC-862. Pasando o punto quilométrico 12, no lugar de Liñares, pouco antes de cruzar o río Castro, temos á dereita a estrada local que nos levará ata o castelo de Naraío, encaracolado nuns penedos sobre o río Castro. Conserva a torre de homenaxe, duns 15 metros de altura e parte das fortificacións exteriores.

Por unha estrada local chegaremos á AC-125 e seguimos ata o cruce coa AC-862 en Bouzarredonda, retomando o camiño dirección Ortigueira. En San Sadurniño faremos un alto se queremos descubrir o paseo fluvial do río Xubia, no que nos sorprenderá o arboreto e a chamada “fraga máxica”, onde atoparemos varias esculturas que representan seres mitolóxicos e lendarios, como trasgos, bruxas ou fadas.

Continuando pola estrada AC-862 chegaremos a Balocos, onde os desviamos á dereita para achegarnos ao castelo de Moeche. Aquí celébrase anualmente o festival irmandiño, que lembra o histórico pasado do lugar. No século XV producíronse varias guerras entre fidalgos e o pobo contra o abusivo dominio dos nobres, nesta zona gobernada pola familia Andrade (máis tarde unida á Casa de Lemos), derrubando en varias ocasións o castelo e sendo finalmente reconstruído a finais desa centuria.

Seguiremos pola estrada principal cruzando o concello de Cerdido ata chegar á Ponte de Mera, no que xa vemos as marismas da ría de Ortigueira e Ladrido, un dos espazos naturais máis senlleiros da comarca que favorecen un hábitat perfecto para a fauna, especialmente aves, xa que conta, entre outras figuras de protección, coa declaración de ZEPA (Zona Especial de Protección de Aves).

Bordeando a ría chegaremos a Ortigueira para visitar a igrexa parroquial de Santa Marta e o antigo convento dos Dominicos, que alberga as dependencias municipais e o Centro de Interpretación do concello e outras instalacións culturais. Outro monumento singular é o muíño de vento situado na parte alta da vila. Se a visita coincide no mes de xullo hai que anotar na axenda o seu Festival Internacional do Mundo Celta, declarada de Interese Turístico Internacional, que se celebra ao carón do areal de Morouzos.

A nosa seguinte parada será O Porto de Espasante, achegándonos á Garita da Vela, dende a que se teñen moi boas vistas do litoral e, a 400 metros, o castro da Punta dos Prados.

Regresando á estrada AC-862, antes de deixar as terras de Ortigueira, aínda temos que desviarnos en Loiba, para poder gozar dun dos mellores panoramas da costa norte dende Os Picóns. A nosa vista chegará ata o cabo Ortegal a serra da Capelada se ollamos cara ao oeste, e á Estaca de Bares polo leste.

As derradeiras visitas da xornada están no concello de Mañón, encaixado entre as serras da Coriscada e da Faladoira e o río Sor, que forma un val moi encaixado entre as montañas. O Barqueiro, vila protexida dos ventos do norte e dos embates do mar e agochada no esteiro do río, é o punto de partida para achegarnos ao faro da Estaca de Bares, extremo setentrional da península Ibérica, onde mesmo podemos camiñar, con precaución, ata unha pedra na que está tallada a latitude e lonxitude do cabo. Dende o faro subiremos ao lugar do Semáforo de Bares, onde temos boas vistas do litoral lugués cara ao leste, coa illa Coelleira marcando a entrada da ría do Barqueiro. Por último, baixaremos ao Porto de Bares, cuxo peirao do Coído hai quen o remonta á época fenicia.

Para aloxarnos temos diversas opcións, tanto en Mañón como en Ortigueira, onde comezaremos a derradeira xornada desta proposta de percorrido polas Rías Altas.

Día 3º

Deixamos atrás Ortigueira saíndo pola AC-862 dirección Ferrol. Poucos quilómetros despois, na Ponte de Mera, tomamos un desvío sinalizado cara a Cariño, na marxe occidental da ría de Ortigueira, ao abrigo da serra da Capelada. Esta localidade, posuidora dun forte carácter mariñeiro, é a porta de entrada a unha zona de especial beleza.

A pouca distancia, só uns quilómetros en dirección norte, visitaremos Cabo Ortegal, rodeado de impresionantes cantís, como os coñecidos «Os Aguillóns», que nos sitúan fronte ao lugar no que o océano Atlántico se funde co mar Cantábrico.

Saímos de Cariño en dirección a Santo André de Teixido. A poucos quilómetros de distancia atópase, perfectamente sinalizado, o miradoiro da Miranda. Desde esta atalaia, enclavada na serra da Capelada, admiraremos as inmellorables vistas sobre a ría de Ortigueira e Cariño.

Regresamos á estrada camiño de Santo André de Teixido, circulando pola que viñamos de Cariño. A pouca distancia atopamos o miradoiro da Garita de Herbeira. Permite unha vista espectacular sobre o maior cantil da península Ibérica e uns dos maiores da Europa continental: 600 m de caída sobre o mar, cunha pendente superior ao 80%. Outro miradoiro recomendado é o de Teixedelo, que nos ofrece boas vistas de Santo André de Teixido.

Esta será a seguinte parada na nosa ruta, atopándonos nun dos lugares de culto e peregrinación máis importantes de Galicia. Segundo o dito popular, a Santo André de Teixido "vai de morto o que non foi de vivo".

Deixamos Santo André de Teixido e circulamos en dirección a Cedeira, situada a 12 km, no esteiro do río Condomiñas contando cun excelente areal na praia da Madalena. Dende esta vila mariñeira aínda podemos facer un par de desviacións para achegarnos ao faro de Punta Candieira para contemplar unha boa panorámica da costa ou visitar o castro de Sarridal; dende o final do porto, subimos ao castelo da Concepción e a pouco máis de 300 m atoparemos o xacemento; de seguido podemos achegarnos ata á punta Sarridal e gozar das vistas da entrada da ria.

Dende Cedeira colleremos a estrada AC-566 dirección Ferrol, que nos permitirá ir descubrindo algúns dos areais máis fermosos das Rías Altas, como Vilarrube, Pantín -famoso polo campionato de surf-, ata chegar ao de Valdoviño, que pecha a lagoa da Frouxeira, un espazo natural de grande interese ornitolóxico. Seguindo o percorrido polo litoral, achegarémonos ao faro de Punta Frouxeira, dende o que temos boas vistas do areal e da costa.

A seguinte parada que propoñemos é o faro de cabo Prior, un dos lugares máis senlleiros da bisbarra, dominando os cantís, tamén poderemos observar os restos das antigas baterías militares que tanto abondan nos arredores de Ferrol. Quedarán á nosa dereita praias batidas con forza polo Atlántico, como son a de Ponzos ou Santa Comba, así chamada pola ermida solitaria situada nun illote accesible cando a marea está baixa.

Continuando polo areal de San Xurxo chegaremos a Doniños coa súa extensa praia aberta ao océano que agocha no interior a lagoa do mesmo nome, unha zona húmida de litoral de especial atractivo para ornitólogos, como xa vimos anteriormente na Frouxeira.

Só queda rematar a xornada, e esta ruta polas Rías Altas, en Ferrol, onde paga a pena quedarse polo menos un par de días e descubrir todos os seus atractivos, como o Barrio da Magdalena.

Arriba