O Ribeiro, situado en torno ao curso medio do río Miño, ao oeste da provincia de Ourense e limítrofe coa de Pontevedra, mostra ao visitante un variado repertorio de atractivos culturais, paisaxísticos e gastronómicos que fan desta zona unha das máis interesantes da Galicia interior.

A localidade máis importante é Ribadavia, ben comunicada por autoestrada e ferrocarril con Ourense e Vigo, das que dista 25 e 65 km, respectivamente.

A auga, tanto a dos seus ríos como a dos seus balnearios e a dos seus encoros, xoga un papel fundamental na personalidade da zona. Ao seu paso por estas terras, os ríos Miño, Arnoia e Avia dan lugar a sucesivos remansos e gargantas, conformando deste xeito a paisaxe emblemática do Ribeiro. Nos vales fluviais aséntase a maior parte da poboación. O relevo móstrase suave ante os nosos ollos, sendo o Faro de Avión, de 1.154 metros, o punto máis elevado. Aínda que non existen grandes alturas, a natureza agasallou a esta zona con varios miradoiros desde os que contemplar a paisaxe de viñedos e hortas tan propia desta comarca. Abundan os espazos naturais de gran valor, como Pena Corneira e as marxes do Miño, do Arnoia e do Avia.

A súa localización na parte meridional de Galicia, a salvo da influencia das borrascas atlánticas e afastada tamén dos rigores da montaña, dota a esta zona dun clima de transición oceánico - mediterráneo.

A vexetación é o resultado da acción combinada da natureza e a man do ser humano. A primeira proporcionou as condicións necesarias de solo fértil e clima benigno, e a segunda foi adaptando aos poucos o contorno ás súas necesidades. Os bosques frondosos acompañan os canais dos ríos. Entre todos os cultivos da comarca, frecuentemente dispostos en vistosos bancais ou socalcos, destaca a vide. As diversas variedades proporcionaron aos viños destas terras unha reputación de calidade xa recoñecida en tempos do Imperio Romano.

O paso dos séculos deixou unha gran riqueza monumental en forma de poboacións medievais, mosteiros, igrexas, conventos e pontes. Os numerosos restos arqueolóxicos, como túmulos, dolmens e castros, indícannos a presenza do ser humano desde tempos remotos. Durante a Idade Media, Ribadavia acolleu unha numerosa comunidade xudía, a influencia desta pódese sentir mesmo hoxe na gastronomía da comarca. Na actualidade, O Ribeiro dispón dunha completa oferta de lecer na que non faltan os eventos culturais, a gastronomía, as actividades de recreo en contacto coa natureza ou o termalismo.

Percorrido

Propoñemos unha ruta de dificultade baixa, coa axuda dun vehículo, realizando percorridos curtos a pé, apta para todos os públicos e ideal para realizar en familia. A duración estimada é de tres días. A distribución de tempos deberá tomarse a modo de exemplo, xa que cada persoa poderá variala en función das súas preferencias.

Día 1º

A primeira xornada da nosa ruta dedicarémola a coñecer os numerosos atractivos turísticos de Ribadavia. Esta localidade, capital do Ribeiro, ocupa a confluencia dos ríos Avia e Miño. A paisaxe que a rodea é de vales fluviais, viñedos e suaves outeiros.

Foi capital do Reino de Galicia co rei Don García I no século XI. No XII comeza o seu período de expansión comercial e demográfica, aproveitando o pulo dos mosteiros de San Clodio e Melón. En 1164 recibe o Foro Real e en 1375 convértese en sede do Adiantado Maior do Reino de Galicia. No ano 1476 pasa a ser Vila Condal. A súa vida económica, moi próspera entre os séculos XV e XVII, estivo sempre ligada ao viño. Os seus caldos son recoñecidos en Europa desde a antigüidade e foron exportados mesmo a América.

Tantos séculos de vida deixaron en Ribadavia un legado artístico e cultural de gran riqueza que lle mereceu a declaración de Conxunto histórico-artístico en 1947. Podemos comezar o noso paseo na Praza Maior, onde atoparemos a Oficina Municipal de Turismo (https://turismoribadavia.gal/) que nos facilitará un plano da vila e calquera outra información que precisemos da contorna. Está situada no antigo Pazo Condal, unha edificación barroca do século XVII.

A lista de monumentos a visitar é moi longa. Entre as construcións civís destacaremos o castelo dos Condes de Ribadavia, que pode ser visitado, o Centro de Información Xudía de Galicia ou a antiga Casa da Inquisición. Percorrendo as súas estreitas rúas iremos descubrindo o Barrio Xudeu, os restos das murallas e varias das súas portas, e tamén os principais templos da vila, varios deles xoias do románico como son a igrexa de Santiago e a igrexa de San Xoán. Se saímos do antigo recinto amurallado paga a pena achegarse ata a igrexa e convento de San Domingos, e á capela de Nosa Señora do Portal, patroa de Ribadavia.

Á marxe da arquitectura, Ribadavia conta con outros moitos atractivos culturais. O Museo Etnolóxico, albergado no Pazo de Baamonde, do século XVIII, posúe unha excelente colección e un dos mellores fondos bibliográficos en temas históricos de Galicia. Tamén paga a pena achegarse ata Santo André de Camporredondo, situado a 6 km, para visitar o Museo do Viño de Galicia, no que un priorado do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, posteriormente casa reitoral, no que poderemos coñecer máis en detalle todo o mundo da viticultura no noso país.

No calendario festivo da vila hai varias datas sinaladas. Unha delas é o derradeiro sábado de agosto, cando se celebra a

A Festa da Istoria (Festa de Interese Turístico Nacional). É unha celebración cuxa orixe se remonta ao século XVII. Perdeuse no 1868 e foi recuperada en 1989, e durante a súa celebración Ribadavia retoma o modo de vida da Idade Media. Desaparecen as roupas do século XXI e volven os traxes e costumes da época. Hai bailes e música medieval, mercado, postos de artesanía, vodas xudías, etc. E mesmo se adopta o marabedí como moeda oficial. É membro da federación estatal de festas e recreacións históricas e pertence tamén á Federación Europea de Festas Históricas.

 

Tamén haberá que anotar datas a finais de abril-primeiros de maio para asistir á Feira do Viño do Ribeiro, ou mediados de xullo para gozar da Mostra Internacional do Teatro.

Tanto na vila como na contorna tendes diferentes opcións de aloxamentos que poden servir de base para os seguintes días.

Día 2º

No noso segundo día de ruta polo Ribeiro, abandonamos Ribadavia pola estrada OU-504, en dirección ao Carballiño. A pouco máis de 4 km, atopamos un desvío á man esquerda que nos leva a Beade pola OU-212.

Tras cruzar a localidade, rodeada de viñedos, atoparemos á dereita a igrexa de Santa María de Beade, que pertenceu á Orde dos Hospitalarios de San Xoán de Xerusalén, posteriormente convertida en Orde de Malta. Rematando o conxunto, á esquerda está o famoso vía crucis moi coñecido xa que foi debuxado por Castelao, galeguista, político e artista do século XX. Consta de catorce cruceiros que representan as estacións da paixón de Cristo no camiño do Gólgota, rematado polo Calvario que mostra ao Crucificado franqueado por dúas cruces que representan ao Bo e ao Mal Ladrón, diferenciables pola súa posición e a expresión das súas caras.

Continuamos o noso camiño pola estrada OU-212 en dirección a Berán, xa no municipio de Leiro. O desvío que nos achega ata o balneario está situado á man dereita, a 1,8 km da igrexa parroquial de Beade. Aos poucos metros, atoparemos o acceso a este edificio, temporalmente pechado, con augas sulfurosas recomendadas para tratar os problemas dermatolóxicos. A menos de dous quilómetros atoparemos a aldea de Berán que destaca polo seu trazado medieval e a súa fermosa igrexa de fachada barroca e varias casas situadas nas proximidades.

A 2,8 km de Berán chegaremos a Leiro. Unha vez alí, atravesamos esta poboación e, despois de cruzar a ponte sobre o río Avia, desviámonos para dirixirnos ao mosteiro de San Clodio, convertido en Hotel Monumento. Cómpre saber que a igrexa do mosteiro está aberta só para celebracións litúrxicas. De volta á estrada xeral, colleremos dirección Ribadavia, a poucos metros atoparemos sinalizado o desvío cara ao lugar da Ponte, onde deixaremos o coche antes de entrar na aldea por mor do rueiro estreito seguindo a pé ata a ponte de San Clodio.

Volvendo a Leiro, podemos tomar un desvío de 4,5 km que nos levará a Pazos de Arenteiro. Recomendamos deixar o coche antes de cruzar a ponte sobre o río Avia xa que as rúas son moi estreitas. Esta poboación é un importante conxunto monumental no que salienta a súa igrexa románica e varias casas brasonadas nun contorno natural de grande beleza. Especialmente fermoso é o paseo polo río Arenteiro, desde a ponte medieval ata o coñecido como Pozo dos Fumes.

Achegámonos de novo ao centro de Leiro, onde veremos un indicador que sinala cara á dereita o camiño das aldeas de Lamas, Serantes, Paredes e Lebosende. Tomamos o desvío e a 1,5 km atopamos, á man dereita, a igrexa parroquial de San Miguel de Lebosende. Á esquerda podemos gozar dunha preciosa panorámica sobre Leiro e a súa contorna. A este lugar coñéceselle como o Balcón do Ribeiro. A 3,2 km de Leiro atópase Paredes, lugar no que existen numerosos hórreos e un conxunto de seis muíños no curso do regato do Faxón.

Continuamos o noso percorrido e chegamos a Serantes. Atopamos un pequeno desvío que nos leva á igrexa de San Tomé. Data do século XII e o seu atractivo está tanto no exterior, de fermosa decoración, como no interior, xa que aínda conserva un interesante baldaquino de pedra.

De volta á estrada e tras deixar o lugar de Lamas, atoparemos á esquerda unha pequena pista asfaltada que nos leva á igrexa de Santa María, unha nova mostra da arquitectura románica do Ribeiro. Dende a área de lecer ao seu carón podemos achegarnos a pé ata a Pena Corneira, enorme bolo granítico que se eleva a unha altura duns 600 m.

Ao chegar ao cruce coa estrada OU-212, se collemos uns metros á esquerda poderemos ver precisamente o gran bolo da Pena Corneira, e mesmo deixar o coche e seguir os pasos do Camiño Natural que nos levaría ata ela.

Seguindo camiño de Avión, albiscando á dereita o val do río Avia e o encoro de Albarellos. A uns 6 km vemos un desvío que nos leva á praia fluvial do río Valderías e dar un pequeno paseo pola súa ribeira. De volta á estrada xeral, pouco antes de entrar en Avión atopamos á dereita a pista que vai a Beresmo para visitar os distintos conxuntos de hórreos, especialmente o situado xunto á capela de San Xosé.

Dende a capital do concello, onde tamén atoparemos unha aira de hórreos no lugar de Cendós, paga a pena ascender ata a serra do Suído e percorrer a ruta dos chozos. Teremos que continuar pola estrada xeral ata atopar o desvío cara a Abelenda (que tamén conta cun importante conxunto de hórreos) e continuar a Rodeiro. Antes de chegar ao alto xa poderemos divisar á dereita algunhas destas construcións. Para ver as outras, teremos que deixar o coche e camiñar pola serra, xa que están espalladas por ela. Servían de refuxio para os pastores aproveitando os pastos dos meses máis favorables do ano.

Para regresar a Ribadavia, punto final desta segunda xornada, haberá que volver a Avión para continuar, ben por Beade, ben por Carballeda de Avia se aínda queremos facer unha pequena parada para contemplar a pequena igrexa románica de Abelenda das Penas.

Día 3º

A nosa terceira xornada de visita á comarca do Ribeiro parte de novo de Ribadavia. Saímos pola OU-801 en dirección a Cortegada. A pouco máis dun quilómetro estamos en Francelos. Deixamos o coche na estrada xa que as rúas da aldea son estreitas. Entrando no rueiro chegamos de contado á capela de San Xes de Francelos, xoia do prerrománico galego. Se queremos repousar e gozar das augas termais que abrollan na comarca, continuaremos por esta mesma estrada ata Prexigueiro que conta cun establecemento termal.

De volta a Ribadavia, tomamos a estrada N-120 dirección Vigo, percorrendo pouco máis de 4 km ata chegar a Quins. Á dereita, vemos a igrexa de Santa María que conta con varias imaxes ben conservadas, como San Bieito e San Bernardo. Ao chegar ao centro da aldea, cara á esquerda, vemos unha fonte-lavadoiro e varios hórreos. Desde aquí subimos a pé e chegamos a un campo onde se atopa o conxunto de cruceiros que forman o vía crucis. O calvario ten a peculiaridade de que as dúas cruces laterais teñen o brazo horizontal lixeiramente inclinado cara ao exterior da composición.

Seguindo dirección Vigo atopamos o enlace coa A-52 e enseguida á dereita unha zona onde deixar o coche e comezar a ruta de sendeirismo que nos levará polas pozas do río Cerves ata as Fervenzas de Tourón.

Retomamos a N-120 e dirixímonos a Melón. Nesta poboación érguese o que queda do antigo mosteiro cisterciense de Santa María, formado por parte dos claustros e a cabeceira da igrexa que quedou como parroquial.

Retornamos unha vez máis a Ribadavia e cruzando a ponte do Burgo sobre o río Avia, ao carón do antigo mosteiro de San Francisco marchamos pola dereita cara á Arnoia e Cortegada pola estrada OU-402.

Antes de chegar, atopamos un peto de ánimas coa imaxe da Virxe do Portal. A pouca distancia deste punto atopamos á man dereita o desvío que nos levará á Vila Termal, un establecemento hoteleiro con balneario. De novo na estrada, pasamos A Laxa e A Paixón, onde atopamos un indicador que sinala a Área Recreativa As Poldras, activa en verano como praia fluvial. Outros atractivos desta localidade son a igrexa parroquial de San Salvador e a casa reitoral, convertida nun atractivo aloxamento de turismo rural. Á altura da ponte sobre o Arnoia atopamos sinalizada a Área Recreativa do Inquiau en torno a un muíño.

Continuamos camiño de Cortegada ata chegar a Meréns. No seu rueiro atopamos un peto de ánimas e un dos escudos armeiros de maior tamaño de Galicia. Antes de chegar a Cortegada podemos tomar un ramal que sae á dereita para acceder á igrexa de San Bieito de Rabiño, onde non podemos esquecer visitar o cruceiro cuberto situado na parte posterior.

Entramos en Cortegada. Baixando por diante da Casa do Concello imos dar a unha pista moi empinada que desemboca na beira do río Miño. Alí atoparemos o balneario histórico, de 1937. A uns centos de metros seguindo o camiño que sae por detrás do edificio chegaremos de contado ao miradoiro Coto da Pena, dende o que temos unhas boas vistas do río e do balneario.

Dende Cortegada desandaremos o camiño feito ata A Arnoia, e continuaremos pola OU-402 ata o concello de Castrelo do Miño, deténdonos á altura do encoro para achegarnos á igrexa parroquial de Santa María. A pouco máis dun quilómetro, en Barral, está situado o complexo náutico deportivo, e o paseo que rexistran moita actividade sobre todo no verán.

A derradeira visita que propoñemos antes de regresar a Ribadavia, punto de inicio desta ruta polo Ribeiro é o Parque Arqueolóxico do Mundo Castrexo de San Cibrao de Las. Para iso podemos continuar pola estrada OU-402 ata o enlace da Autovía das Rías Baixas, cruzando o Miño por ela e tomando a saída dirección O Carballiño. En Barbantes temos o desvío sinalizado que nos levará ata o castro, situado a cabalo dos concellos de Punxín e San Amaro, e ao centro de interpretación, onde coñeceremos máis deste período histórico de Galicia.

De regreso a Ribadavia pola N-120 aínda podemos deternos na Área Termal de Barbantes e dar un pequeno paseo de 2 km bordeando o río Miño que nos levará ata o balneario de Laias.

Arriba